Atrás

A Xunta reanudará os exames de oposicións a partir do mes de febreiro

Atrás

A Xunta reanudará os exames de oposicións a partir do mes de febreiro

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou hoxe na Comisión 3ª o proxecto de Lei de Orzamentos para 2021 e as contas da súa consellería
  • Sinalou que nos próximos días o Goberno galego ratificará o primeiro gran acordo da lexislatura en materia de Función Pública referente ao teletraballo
  • Os Orzamentos do vindeiro ano acadan os 11.563 millóns e destinan catro de cada cinco euros a gasto social, emprego e reactivación económica
  • Inclúen un Fondo Consenso para financiar os proxectos de investimento que se acaden na Comisión de Reactivación, no marco do Diálogo Social e polo Comité de Expertos Económicos

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2020.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, anunciou hoxe que a Xunta prevé volver programar exames de oposicións a partir do mes de febreiro. Neste sentido, sinalou que as probas celebraranse seguindo protocolos de actuación que garantan a súa realización con seguridade de acordo cos criterios das autoridades sanitarias e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Na súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2021 e as contas da súa consellería, Valeriano Martínez confirmou tamén que nas vindeiras semanas se aprobará o decreto da Oferta de Emprego Público de 2020 e ratificou o compromiso da Xunta de aprobar o do ano que vén nos primeiros meses de 2021.

En materia de emprego público resaltou ademais, que nos próximos días o Goberno galego ratificará o primeiro gran acordo en materia de Función Pública da lexislatura referente ao teletraballo “de forma que Galicia se converte na primeira comunidade en adaptar a súa regulación á recente normativa aprobada polo Estado”, apuntou.

Novidades

Durante a súa intervención, o conselleiro anunciou a integración do Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) na Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para avanzar na simplificación administrativa e unificar nun mesmo organismo os servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia.

Por outra banda explicou que se creará o Instituto de Economía Pública de Galicia, unha nova sección dentro da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que contará cunha dotación de 500.000 euros nos presupostos de 2021 para iniciar a súa actividade. Este Instituto  realizará estudos sobre o sistema de financiamento autonómico, fiscalidade ou simplificación administrativa entre outras; e será importante para a avaliación de proxectos e políticas públicas.

En canto a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), o titular de Facenda e Administración Pública sinalou que co obxectivo de mellorar a xestión, estase a traballar en dúas novas ordes, unha para a presentación telemática obrigatoria para os colaboradores sociais dos modelos do Imposto de Sucesións e Doazóns e outra para a presentación telemática obrigatoria dos modelos do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para as persoas xurídicas.

O orzamento máis alto da historia

Na súa comparecencia, Valeriano Martínez subliñou que o ano que vén, Galicia contará co “orzamento máis alto da historia para poder afrontar o momento de maior necesidade da historia e reactivar Galicia”.

Neste sentido, explicou que os presupostos de 2021 acadan os 11.563 millóns e destinan catro de cada cinco euros a gasto social, emprego e reactivación económica coa finalidade de seguir combatendo a pandemia, impulsar a dinamización da economía e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos.

Así, segundo explicou o conselleiro, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.540 millóns de euros, 864 millóns máis que no vixente exercicio; e o maior investimento produtivo que acada a cifra récord de 2.592 millóns.

En materia de política fiscal, a Xunta non subirá os impostos nin ás familias nin ás empresas no 2021 e consolidará as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Deste xeito, o vindeiro ano, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de impostos aprobadas polo Goberno galego desde 2016. Ademais, a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 472 millóns de euros, toda vez que os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares.

E como novidade, os orzamentos do vindeiro ano inclúen catro fondos que lle permitirán contar á súa vez con novos instrumentos para acometer os retos aos que se ten que afrontar a comunidade galega. Estes instrumentos son o Fondo Covid dotado con 503 millóns de euros destinados a seguir combatendo a pandemia, o fondo REACT-EU que conta cun importe de 430 millóns para impulsar a reactivación económica e o emprego; o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias, de carácter plurianual que está dotado con 105 millóns de euros no ano 2021 para financiar durante toda a lexislatura a construción e reforma de infraestruturas sanitarias; e o Fondo Consenso cunha dotación de 115 millóns de euros para financiar os proxectos de investimento acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación económica, no marco do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de Expertos Económicos de Galicia.

En definitiva, #galicia_reactívase cuns orzamentos que buscan unha política útil para atender de maneira áxil e eficaz as consecuencias sanitarias, económicas e sociais da pandemia, impulsar a reactivación económica coa maior aposta de investimento produtivo da historia, sen subirlle os impostos nin aos cidadáns nin ás empresas e blindando os recursos para as infraestruturas sanitarias de toda a lexislatura.

Galería de imaxes

A Xunta reanudará os exames de oposicións a partir do mes de febreiro