Atrás

Galicia é a segunda comunidade autónoma que logra aprobar os seus Orzamentos para 2020

Atrás

Galicia é a segunda comunidade autónoma que logra aprobar os seus Orzamentos para 2020

Imagen Principal
  • Galicia mantén a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central e doutras comunidades que terán que prorrogar as súas contas
  • Os Orzamentos aprobados hoxe polo Parlamento galego medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 máis que neste ano
  • Os Orzamentos inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía e novas rebaixas de impostos na compra de vivenda, nas sucesións e no IRPF
  • Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019.- Galicia é a segunda comunidade autónoma de España que aproba os seus Orzamentos para 2020, unha vez que as contas públicas recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Deste xeito, Galicia mantén un ano máis a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central –que comezará o exercicio 2020 coas contas de 2018– e doutras comunidades que terán que prorrogar os seus presupostos.

Os Orzamentos de Galicia para 2020 medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que neste ano e 1.400 millóns máis que en 2016. As contas entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro, despois de que se publiquen no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os presupostos aprobados hoxe polo Parlamento galego inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía, ata acadar os 7.400 millóns de euros, deste xeito poñeranse en marcha en 2020 medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida.

Ademais, as contas tamén inclúen novas rebaixas fiscais no imposto pola compra dunha vivenda no 94% do territorio galego; no Imposto sobre Sucesións, de modo que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciben unha herdanza dun familiar directo, ou tamén unha novidosa ‘dedución verde' no IRPF.

O proxecto de lei aprobado hoxe polo Pleno do Parlamento galego tamén inclúe un incremento do capítulo de investimentos, que volve medrar –sube un 2,4%- e acada os 1.691 millóns de euros, e pola contra o único capítulo orzamentario que diminúe é o de xuros da débeda, no que se aforrarán 22 millóns grazas á política de control do endebedamento.

Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos. Hai que ter en conta que o primeiro orzamento da Comunidade Autónoma foi aprobado e publicado no Diario Oficial de Galicia en 1981, ano no que tamén foi aprobado o Estatuto de Autonomía de Galicia.

Galería de imaxes