Atrás

Sanidade destina o 32% do seu orzamento para 2020, 1.300 millóns de euros, á atención primaria

Atrás

Sanidade destina o 32% do seu orzamento para 2020, 1.300 millóns de euros, á atención primaria

Imagen Principal
  • A Consellería de Sanidade recibe 4.109,6 millóns do presuposto total da Xunta para o vindeiro ano, o que supón 121,7 millóns máis que en 2019, cun incremento do 3,1%
  • Jesús Vázquez Almuiña, explicou hoxe no Parlamento os presupostos do seu departamento para o ano 2020, os máis elevados da súa historia e que supoñen un 40,5% do orzamento total da Xunta
  • A partida adicada aos gastos de persoal do Sergas é de 1.755 millóns de euros, 59 millóns máis que no pasado exercicio, cun crecemento do 3,50% que chega ao 5% no caso da Atención Primaria
  • No referido aos investimentos en infraestruturas, con 152,5 millóns de euros, increméntanse un 10,8% no global e case un 39% no referido á Atención Primaria
  • O programa de vacinacións para 2020 contará cun orzamento de 16 millóns de euros para impulsar e consolidar as novidades no calendario de adulto e no infantil
  • A Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 supera os 67 millóns de euros, cun aumento próximo ao 30% respecto das transferencias dos orzamentos do Sergas ao 061 realizadas no ano 2019

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia destinará á Sanidade 4.109,6 millóns de euros para o ano 2020. Trátase da partida orzamentaria máis alta na historia da Consellería e supón un 40,5% do total do presuposto do Goberno galego. Desta cantidade, o 32%, uns 1.300 millóns serán para a Atención Primaria. Así o subliñou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que compareceu esta mañá na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos do seu departamento para o ano 2020.

O conselleiro detallou que, no referido aos gastos de persoal, o orzamento do Sergas ascende a 1.755 millóns de euros, o que supón o 43,39% do total, e que son 59 millóns máis que o ano anterior. Isto implica un 3,50% de crecemento, maior que o crecemento global do 3,1%. Este aumento responde ao incremento de prazas comprometido no Plan Galego de Atención Primaria e no Plan de Hospitalización a Domicilio para este exercicio, e á dotación orzamentaria para o abono do 100% dos graos recoñecidos coa implantación da carreira profesional.

O orzamento 2020 incorpora un total de 407 novas prazas, explicou Almuiña. Delas, 171 derivan dos plans que a Consellería de Sanidade aprobou neste ano. Por unha banda, o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 que contempla a dotación de 331 novas prazas en tres anos, correspondendo 147 delas ao orzamento de 2020 . Ademais recolle a dotación do Plan de Hospitalización a Domicilio 2019-2021 que supón 24 prazas de médicos e enfermería. As 236 prazas restantes encádranse na apertura de novas unidades, incremento de actividade, asunción de servizos prestados por outras entidades, a integración dos servizos da resonancia nuclear magnética de Galaria na Xerencia de Vigo, e a consolidación e estabilización do emprego que ata agora tiña carácter non estrutural. Tamén no aumento da oferta de persoal residente en formación para 2020, destacando o incremento de 24 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e 7 en pediatría.

Almuiña tamén lembrou outras medidas como a aposta do seu departamento pola estabilidade laboral coa execución do compromiso de 5.000 prazas no período 2017-2020, a continuidade das convocatorias dos procedementos de mobilidade voluntaria, de carácter aberto e permanente, e a flexibilización da idade de xubilación. Destacou tamén que en 2020 cumprirase o compromiso de pago do 100% dos graos recoñecidos coa implantación da carreira profesional.

No referido as novas prazas MIR-Formación especializada o conselleiro dixo que Galicia ofertará 457 prazas de formación sanitaria especializada, un 13,1% máis; a maior oferta realizada. Destas prazas, 129 corresponden a especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria (24 máis), 27 en Pediatría (7 máis), e 61 a especialidades de enfermería (25 máis).

Investimentos en infraestruturas
No apartado de investimentos, o presuposto será de 152,5 millóns de euros, dixo Almuiña o que supón 14,9 millóns máis que en 2019, é dicir un incremento do 10,8%. Dentro deste orzamento, destacan os 26 millóns para construción e reforma de centros de saúde.

Así está prevista a finalización da construción e equipamento de novos centros de saúde nos concellos da Estrada, O Saviñao, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar,  Salceda de Caselas e O Milladoiro. Continuarase coa construción iniciada no ano 2019, do centro integral de saúde (CIS) no Barrio da Residencia, en Lugo, así como a dos centros de saúde de Narón e Melide e iniciarase o de Bouzas, en Vigo. Tamén se continuarán as actuacións de reforma para a mellora da eficiencia enerxética dos centros de saúde de Mugardos e As Pontes.

Recóllese tamén o inicio da ampliación do centro de saúde en Conxo, en Santiago, o novo CIS Olimpia Valencia en Vigo, e a ampliación do centro de saúde do Porriño, así como a construción dun CIS en Lalín. Ademais está previsto realizar actuacións de reforma nos centros de saúde de Bertamiráns e Ortigueira. Tamén hai unha serie de proxectos pendentes da cesión de terreos, como son o centro de saúde de Santa Lucía, na Coruña, os de Moaña, O Grove, Abegondo, Poio, Cangas e Caldas e a ampliación do dos de Soutomaior e Vilagarcía de Arousa.

Segundo referiu o conselleiro, tamén se contemplan nesta partida, a mellora das   infraestruturas sanitarias dos centros hospitalarios, para as que se destinan 116,7 millóns de euros. Así, entre outros investimentos, destaca na Área sanitaria de Ferrol a execución das obras do Plan Director con 17´4 millóns de euros e na Área da Coruña uns 4,8 millóns de euros entre a reforma da base do 061 e o Plan Director do Novo Hospital. Na Área de Santiago destinaranse uns 2,5 millóns de euros para o Complexo Hospitalario de Santiago e o Hospital da Barbanza, mentres que na a Área de Lugo, A Mariña e Monforte investiranse uns 5 millóns de euros, para a finalización das obras de ampliación do Hospital da Mariña e a dotación de equipamento e para a realización de  Realizaranse actuacións de reforma e equipamento no Hospital de Monforte.

En canto á Área de Ourense, Verín e Valdeorras, o orzamento previsto é duns 4,1 millóns de euros para a finalización do proxecto da Fase I da reprogramación funcional do CHUO e o inicio das obras. Tamén se contemplan diversas obras de reforma e ampliación nos hospitais de Verín e do Barco de Valdeorras. Para a Área de Pontevedra e O Salnés recóllese un total de 3,5 millóns de euros e tras a expropiación, dará comezo a obra do Gran Montecelo. Na área Sanitaria de Vigo investiranse uns 13,8 millóns de euros, continuando coa execución das obras da envolvente térmica do Hospital Meixoeiro dentro do plan de eficiencia enerxética e finalizando da Unidade de Mama  e dos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear entre outras actuacións.

Prevención e promoción da saúde
O conselleiro fixo mención tamén ao programa de vacinación para o 2020, cun orzamento de 16 millóns de euros e no que destaca o impulso aos cambios introducidos no calendario infantil e no de adulto. Almuiña referiuse á vacina do papiloma, que amplía a súa poboación diana e que aumenta a protección contra máis xenotipos. Tamén destacou a entrada no calendario infantil da nova vacina tetravalente meningocócica e a campaña de vacinación da gripe, en vigor ata o 27 de decembro e na que, por primeira vez, emprégase unha vacina tetravalente.

Entre outras medidas que está a levar a cabo á Dirección Xeral de Saúde Pública, o conselleiro destacou que aos programas de cribado, que contan cun presuposto de 6 millóns de euros, engadirase o de cérvix uterino dende decembro deste ano. Así mesmo, Almuiña explicou que o seu departamento está a traballar na modificación da Lei do consumo de tabaco, no Plan integral de prevención da obesidade infantil e no mellor desenvolvemento do Plan de control da cadea alimentaria.

Asistencia Sanitaria
Ao referirse á asistencia sanitaria, o conselleiro fixo fincapé  no Plan Galego de Atención Primaria. Sanidade aposta por construír un novo modelo de atención primaria, a través do diálogo e o consenso entre os profesionais e a colaboración entre administracións e cidadanía. Este traballo reflectiuse na creación do novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 que recolle sete liñas estratéxicas, 53 obxectivos e 200 accións para implementar, sendo o 40% delas a curto prazo, e que contará cun orzamento de 102 millóns de euros en tres anos.

O conselleiro destacou tamén a implantación progresiva do Plan Galego de hospitalización a domicilio, que ampliará os equipos de hospitalización a domicilio ata os 60, dando asistencia ao 100% da poboación de Galicia os 365 días do ano. Isto supón un investimento total de 2,5 millóns de euros, un millón de euros no 2020. No vindeiro ano vanse crear 8 equipos de hospitalización a domicilio: un en cada área sanitaria, ademais doutro en Verín.

Almuiña  detallou que Sanidade tamén contempla a actualización do Programa galego do neno san, que vai presentar a Guía de atención o proceso de morte e dó perinatal proximamente e que no 2020 vaise elaborar o Plan oncolóxico de Galicia. Tamén vanse actualizar os procesos asistenciais integrados para enfermidades como a esclerose múltiple e a enfermidade inflamatoria intestinal entre outras doenzas.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria fixo mención ao Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2023, que se aprobará o ano próximo con cinco liñas estratéxicas e 112 proxectos. Tamén se referiu o conselleiro a implantación das vías rápidas para atención ao suicidio nas sete áreas sanitarias para 2020.

Segundo destacou tamén Almuiña, o Sergas vai ampliar as patoloxías contempladas no Decreto de garantía de tempos máximos de acceso á atención sanitaria no ámbito hospitalario, e fixo unha mención especial ao aumento do orzamento da farmacia hospitalaria, por mor, fundamentalmente da chegada continuada de innovación terapéutica.

Empresas públicas, fundacións e axencias
No apartado referido ás empresas públicas, fundacións e axencias, Jesús Vázquez Almuiña subliñou o aumento da dotación orzamentaria para a Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que supera os 67 millóns de euros para 2020, cun aumento próximo ao 30% respecto das transferencias dos orzamentos do Sergas ao 061 realizadas no ano 2019. A día de hoxe, o 061 dispón do maior número de ambulancias da súa historia, dixo o conselleiro con 107 vehículos asistenciais de soporte vital básico, 16 asistenciais de soporte vital avanzado e 2 ambulancias convencionais, o que fai un total de 125 ambulancias.

Galería de imaxes