Atrás

A Consellería do Mar case duplica o seu orzamento desde 2015 ao rozar os 167 millóns de euros para o próximo exercicio

Atrás

A Consellería do Mar case duplica o seu orzamento desde 2015 ao rozar os 167 millóns de euros para o próximo exercicio

Imagen Principal
  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu no Parlamento para presentar o orzamento que xestionará o seu departamento no 2020
  • A partida destinada á competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura sobe un ano máis e xa supera os 67 millóns de euros
  • Os fondos para mellorar a estrutura do sector da transformación e comercialización aumentan un 11%, ata os 27 millóns de euros
  • A conservación, avaliación e xestión das zonas de produción marisqueira tamén conta con máis fondos, ata preto de 6,5 millóns de euros
  • A aposta polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca e a diversificación das actividades no litoral galego materialízase en 16 millóns de euros, un 12% máis ca neste exercicio
  • Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia contará cun orzamento de 3,6 millóns de euros, un 8% máis, cun aumento dos gastos de persoal ao incorporar novos profesionais
  • Servizo de Gardacostas volve ser unha aposta blindada da Xunta, que rexistra un incremento do 56% na partida para a renovación parcial da frota con máis de seis millóns de euros destinados a este plan

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe o compromiso da Xunta de traballar en favor dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e que esa aposta se plasma nos orzamentos do seu departamento para o próximo ano, que soben ata rozar os 167 millóns de euros. Esta cifra supón manter a senda de crecemento rexistrada desde 2015 e case dobrar nos últimos cinco exercicios os fondos dispoñibles, pois nese 2015 o orzamento superaba levemente os 87 millóns de euros.

A titular de Mar detallou no Parlamento as principais partidas das contas do seu departamento para 2020 e destacou a aposta do Executivo galego polas persoas e por aumentar o seu benestar, o que se reflicte nos orzamentos cun constante aumento do apoio ao sector. “Seguimos tratando de facer chegar á estrutura produtiva máis fondos para facelo cada día máis competitivo e sustentable”, incidiu Rosa Quintana.

A maioría dos capítulos do orzamento do próximo ano soben, como é o caso dos fondos destinados á competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura, con máis de 67 millóns de euros e unha suba acumulada neste eido de arredor do 50% nos últimos catros anos. Mentres, o programa relativo á regulación das producións e dos mercados da pesca é o que maior suba rexistra en relación con este ano, do 34%, ao tratarse dun dos eidos nos que máis se pretende mellorar.

O obxectivo principal das contas da Consellería do Mar para o próximo ano é manter un equilibrio entre o desenvolvemento e a sustentabilidade da actividade nos planos económico, ambiental e social. Por iso, o orzamento conta con tres liñas fundamentais: a comercial -buscando outro salto cuantitativo na mellora da valorización dos produtos pesqueiros-, a produtiva -na procura dunha explotación sustentable dos recursos- e a laboral ou social, como chave para acadar o relevo xeracional.

Na primeira desas liñas, o aspecto comercial, inclúese un aumento das partidas destinadas á mellora da estrutura do sector da transformación e comercialización do 11%, ata roldar os 27 millóns de euros. Mentres, medra un 33%, superando os 11 millóns de euros, o orzamento dirixido á mellora da comercialización e que ten que ver co papel das Organizacións de Produtores Pesqueiros e coa adecuación entre produción e mercado. Os investimentos neste eido, salientou a titular de Mar, compleméntanse con accións administrativas que teñen que ver con esta dimensión da actividade como é a promoción do consumo de peixe entre os escolares e os millennials ou a dixitalización das lonxas.

No eido produtivo, a Consellería do Mar aposta pola consolidación do modelo de explotación sustentable dos recursos mariños para mellorar as súas cifras de extracción e cría. Para logralo, mellora a partida destinada á conservación, avaliación e xestión das zonas de produción marisqueira, que ve aumentada a súa dispoñibilidade orzamentaria nun 2%, ata roldar os 6,5 millóns de euros. A isto súmanse os case dous millóns de euros destinados á reinstalación de moluscos bivalvos, un sistema que permitiu poñer no mercado nos últimos anos 660 toneladas destes produtos en boas condicións hixiénico-sanitarias.

O ámbito laboral ou social, lembrou Rosa Quintana, é “a parte que máis preocupa á Consellería porque queremos que os proxectos de vida da nosa xente do mar sigan tendo conexión coa actividade e conten con futuro e benestar”. Neste sentido, destacou a aposta polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, ligada aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), e a diversificación das actividades no litoral cun aumento dos fondos do 12% para 2020, ata superar os 16 millóns de euros. Esta medida permitirá sumar novos proxectos aos máis de 850 aprobados nos últimos 10 anos.

A Consellería do Mar tamén destina 600.000 euros, un 20% máis, a fomentar investimentos que melloren a habitabilidade e seguridade a bordo dos barcos, así como 6,5 millóns de euros, un 9% máis, á adquisición de equipamentos portuarios que faciliten a operatividade e seguridade nos peiraos. En canto á formación, para favorecer a remuda xeracional, a súa partida medra un 4,2%, co que acumula unha suba nesta lexislatura do 38%.

Infraestruturas portuarias
O capítulo de infraestruturas portuarias é o único que baixa nos orzamentos de 2020, pero está un 10% por enriba da media dos últimos cinco anos. Ese descenso débese a un axuste tralo importante esforzo realizado nos anos 2018 e 2019 -nos que a cifra chegou a acumular unha suba do 75%- e ao derivarse nesta anualidade os fondos cara a conservación e mantemento das estruturas portuarias, cun orzamento un 7% superior ao de 2019.

Entre as actuacións que Portos de Galicia ten previsto desenvolver en 2020 están a dragaxe do porto de Laxe, o remate dos pantaláns de bateeiros en Cabo de Cruz, o segundo martelo de Burela, a dragaxe de Celeiro ou a reordenación interior de Ribeira. A estas súmanse outras obras como a edificación da lonxa de Canido, a construción de novos departamentos para usuarios no porto de Rianxo ou a remodelación do bordo portuario de Porto do Son.

Apostas blindadas
A Consellería do Mar mantén nos orzamentos de 2020 as súas apostas blindadas, que son o Servizo de Gardacostas de Galicia, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). No caso do Servizo de Gardacostas de Galicia, a titular de Mar destacou que os fondos destinados á compra e modernización de embarcacións aumenta un 56%, ata superar os seis millóns de euros, para dar continuidade ao plan de renovación parcial da frota e afrontar os pagos correspondentes a dúas embarcacións que xa están en construción, unha patrulleira lixeira e outra de altura que substituirá á Paio Gómez Chariño.

En canto ao Intecmar, o seu orzamento para 2020 increméntase un 8%, con máis de 3,6 millóns de euros e cun aumento dos gastos de persoal do 7,5% pola creación de novas prazas no cadro de persoal. No caso do Cetmar, o Executivo galego blinda os seus fondos, con máis de catro millóns de euros, ao consideralo “unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento de accións de I+D+i en eidos claves para o futuro do sector como o aproveitamento dos descartes ou a erradicación dos plásticos no medio mariño”.

Outras liñas de apoio
A titular de Mar tamén fixo referencia ás liñas de apoio que se prevé que tomen forma a través da aprobación do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que acompaña a este orzamento. Como máis destacado salientou unha cuestión que ten que ver coa Lei de Portos e que busca que a normativa sexa máis clara na súa redacción e dea maior seguridade xurídica e simplifique a súa aplicación. O obxectivo é contar cunha definición axustada dos parámetros para establecer o espazo edificable -tanto en superficie como en volume- nas parcelas portuarias, o que facilitará o desenvolvemento dos proxectos por parte dos interesados e fomentará o asentamento de actividade nos peiraos.

Galería de imaxes