Atrás

O conselleiro de Facenda trasladou a sindicatos e empresarios as liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para 2020

Atrás

O conselleiro de Facenda trasladou a sindicatos e empresarios as liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para 2020

Imagen Principal
  • O conselleiro de Facenda mantivo hoxe senllas reunións coa Confederación de Empresarios de Galicia e coas principais organizacións sindicais

  • Valeriano Martínez informou á CEG de que a Xunta aspira a que Galicia siga sendo unha das comunidades con maior esforzo investidor

  • Nos Orzamentos prevese unha suba salarial xeral aos empregados públicos de ata o 2,2%, que se aplicará cando o Goberno central dicte a norma habilitante

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, trasladou hoxe aos representantes empresariais e sindicais que os Orzamentos da Xunta para 2020 volverán elevar o investimento público e, ao mesmo tempo, incluirán unha suba salarial a todos os empregados públicos da Comunidade Autónoma.

O titular de Facenda mantivo hoxe en Santiago senllas reunións coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e coas organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT. Estas reunións, como todos os anos, teñen por obxecto a presentación das liñas xerais do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónomas para o exercicio 2020, que a Xunta prevé aprobar antes do 20 de outubro, como marca a normativa autonómica.

Nesta reunión, Valeriano Martínez informou ao secretario xeral da CEG, José Antonio Neira, de que os Orzamentos da Xunta incrementarán o gasto en investimentos, co obxectivo de que Galicia se manteña entre as comunidades autónomas con maior esforzo investidor, tal como reflicten os datos oficiais de execución orzamentaria do Ministerio de Facenda.

Ademais, o conselleiro trasladou ás representantes das organizacións sindicais que a Administración galega reservará nos Orzamentos recursos para aplicar en 2020 unha suba salarial xeral aos empregados públicos de ata o 2,2%. A Xunta consignará estes recursos nun fondo retributivo específico coa fin de poder incluír nas nóminas dos empregados públicos esta suba salarial inmediatamente despois de que o Goberno central dicte a norma habilitante, toda vez que se trata de normativa básica do Estado.