Atrás

A Vicepresidencia Segunda destinará en 2024 unha partida histórica de case 215 m€ ás políticas de vivenda e solo industrial, un 21% máis que este ano

Atrás
30 outubro 2023

A Vicepresidencia Segunda destinará en 2024 unha partida histórica de case 215 m€ ás políticas de vivenda e solo industrial, un 21% máis que este ano

Imagen Principal
  • Ángeles Vázquez salienta a aposta da Xunta por situar entre os piares da súa xestión o eido residencial, a sostibilidade, o medio ambiente e o urbanismo responsable
  • No marco da Estratexia galega de vivenda pública e protexida 2023-2026, triplícase o investimento reservado para impulsar novas promocións de VPP nas 7 cidades
  • Para seguir avanzando na mellora da eficiencia enerxética do parque residencial, convocaranse por terceiro ano consecutivo tres programas de subvencións neste eido por un importe inicial de 53,7 M€, o que suporá 10,5 M€ máis que en 2023
  • O orzamento para o asentamento de empresas medra ata os 40,5 M€, contía dirixida a executar actuacións en 22 parques, manter as bonificacións no prezo de venda e consolidar o papel da Xunta como o maior promotor de solo industrial de Galicia
  • En materia de urbanismo, destinaranse 8 M€ para actuacións en concellos, contornas urbanas e equipamentos municipais e 2 M€ ao fomento do fermosismo
  • 42 de cada 100 € para o vindeiro ano dedicaranse á economía circular, á xestión dos residuos e consolidar a Galicia como referente na redución das emisións de CO2
  • A conservación da biodiversidade e dos espazos protexidos da Comunidade contarán en 2024 cun orzamento de 50 M€

  
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023.- Os orzamentos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o ano que vén reservarán case 215 millóns de euros para desenvolver políticas e actuacións en materia de vivenda e solo empresarial, unha contía histórica para o departamento e que supón incrementar un 21% os fondos destinados a esta materia en 2023.

Durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para presentar os puntos máis destacados das súas contas, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu en que as políticas residenciais e o asentamento e consolidación de iniciativas empresariais na Comunidade serán un dos piares da acción do Goberno galego para o próximo exercicio, unha aposta que se verá reflectida tamén cuantitativamente a través dun esforzo investidor sen precedentes neste eido nos últimos anos.

Cun orzamento global para 2024 de 514,8 M€, sumando as partidas de todas as direccións xerais, organismos públicos e sociedades dependentes do seu departamento, Ángeles Vázquez explicou que, xunto ás políticas de vivenda, a sostibilidade, a protección do medio ambiente e o urbanismo responsable e respectuoso coa contorna serán os eixos prioritarios que marcarán os principais investimentos e proxectos a impulsar de cara ao vindeiro ano.

Sobre o IGVS recaerá o peso das actuacións en materia residencial. No marco da nova Estratexia galega de vivenda pública e protexida 2023-2026 e continuando co desenvolvemento do Pacto social pola vivenda asinado en 2021, cun grao de execución xa de case o 90%, a vicepresidenta subliñou que se fará especial fincapé no acceso á vivenda, un capítulo que concentra 1 de cada 2 euros do orzamento do IGVS para 2024 e no quixo destacar, particularmente, o impulso á promoción pública.

En concreto e tras recordar que o groso da demanda se concentra nas áreas urbanas, avanzou que nas contas de 2024 se triplican os fondos para promover novas vivendas públicas nas 7 cidades, pasando de 10,5 a 32 M€, o que permitirá licitar ou construír 737 novas VPP. Ademais, en materia de solo residencial, destacou os 8,1 M€ para a urbanización de San Paio de Navia, cuxa obras comezarán o mes que vén.

Máis alá das actuacións directas do IGVS, Vázquez Mejuto confirmou que, á vista dos bos resultados obtidos nos últimos anos, a Xunta manterá a súa política de incentivos e axudas ao arrendamento e á compra para facilitar o acceso á vivenda habitual.

Cunha partida reservada a favorecer a construción de inmobles para alugueiro social e axudar aos inquilinos no pago das súas rendas de 31,6 M€ (2,7 M€ máis que en 2023), cómpre destacar neste apartado os 8,2 M€ destinados á liña de subvencións para promover aloxamentos temporais en alugueiro tipo cohousing, cun incremento do 20,5%. 

Ademais, prevese 1 M€ para unha nova liña de axudas a promotores para construír vivenda en alugueiro nos concellos con maior demanda (grandes cidades e municipios de tipo urbano e tamaño medio).

Apoio aos máis vulnerables
Tras referirse ao contexto económico actual e á situación do mercado do alugueiro, Ángeles Vázquez salientou que a Xunta seguirá ao carón das persoas con máis dificultades económicas para acceder a un fogar e en situación de vulnerabilidade.

Así e por quinto ano consecutivo o seu departamento asumirá o pago do 100% do arrendamento dos beneficiarios do Bono de alugueiro social, unha prestación coa que axudou nos 2 últimos anos a 1.840 galegos e ás persoas coas que conviven.

Para apoiar á cidadanía na compra da vivenda habitual, haberá un ano máis axudas para adquirir vivendas protexidas (1,05 M€), para que a mocidade se asente en municipios de menos de 10.000 habitantes (1,9 M€) e para comprar en centros históricos (0,5 M€).

Ademais, a Xunta seguirá concedendo avais públicos a menores de 36 anos para facilitarlles o acceso a unha hipoteca sobre a súa primeira vivenda en propiedade.

Rehabilitación residencial e eficiencia enerxética
No eido da rehabilitación residencial, a vicepresidenta resaltou particularmente a aposta do seu departamento pola mellora da eficiencia enerxética do parque residencial galego, unha medida cun dobre beneficio, recordou, xa que contribúe a reducir as emisións de CO2 e mellora o confort dos fogares, reducindo á vez os consumos enerxéticos.

Así, explicou que por terceiro ano consecutivo a Xunta convocará tres programas de subvencións dirixidos a propietarios particulares e comunidades de veciños para financiar actuacións con este fin (as axudas a nivel de edificio, a nivel de vivenda e para redacción do libro do edificio e de proxectos de rehabilitación) por un importe global de 53,7 M€, é dicir, 10,5 M€ máis que a dotación inicial para 2023.

Tamén en materia de rehabilitación, reforzarase o apoio aos cidadáns para acometer obras orientadas a facer máis accesibles as súas vivendas, cunha partida de 5,1 M€ reservada ás axudas de accesibilidade, case un 82% máis que o asignado este ano.

De igual xeito, Ángeles Vázquez indicou que se manterán 3 medidas de éxito neste eido. O programa Rexurbe, impulsado en 2018 para comprar edificios en centros históricos co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes a alugueiro social, contará con 5 M€ o próximo ano; haberá de novo axudas para recuperar antigas vivendas de mestres e outros inmobles municipais, con 2,1 M€; e o programa para comunidades de propietarios de vivendas protexidas disporá de 1 M€ para obras de reparación.

Solo industrial para asentar iniciativas empresariais
O orzamento destinado a consolidar Galicia como un territorio atractivo para o asentamento de empresas e a expansión das xa existentes medra ata os 40,5 millóns de euros, case un 15% máis que nas contas de 2023, segundo salientou a vicepresidenta.

Esta contía permitirá executar actuacións en 22 parques empresariais, destacando os investimentos nas Gándaras (8,1 M€), San Cibrao das Viñas (4,5 M€), Plisan (3,9 M€), Morás (3,2 M€) e Lalín (3 M€).Tamén se manterán as bonificacións e o esforzo por consolidar o papel da Xunta, a través da empresa pública Xestur e do IGVS, como o maior promotor de solo industrial de Galicia e o único que aplica rebaixas de ata o 50% sobre o prezo de venda de todo o seu solo, cun balance de máis de 3 millóns de metros cadrados adxudicados con bonificacións aplicadas por importe de máis de 86 M€.

Urbanismo responsable e humanización do territorio
Durante a súa comparecencia, a vicepresidenta segunda tamén incidiu en que o Goberno galego seguirá avanzando cara ao urbanismo responsable, que comezou a trazar no ano 2009, para o que contará no ano 2024 cun orzamento de 16,37 M€.

Dese total, máis de 4 M€ destinaranse a seguir colaborando cos concellos na redacción dos seus plans xerais. Nesa liña, logo de lembrar que 115 municipios xa contan cun PXOM propio, adaptado e acorde á normativa, Ángeles Vázquez engadiu que a aposta por un urbanismo responsable tamén seguirá chegando aos concellos de menos de 5.000 habitantes, para o que se destinarán preto de 520.000 euros a continuar coa elaboración dos Plans Básicos Municipais. Cómpre lembrar que na actualidade hai 4 PBM aprobados (Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín e O Páramo) e 20 en trámite.

A maiores, tamén se mantén o compromiso de colaboración cos concellos para humanizar as vilas galegas continuando co desenvolvemento do plan Hurbe, que desde 2010 comprometeu máis de 165 M€ para o financiamento de máis de 416 actuacións urbanísticas. Segundo explicou Ángeles Vázquez, o vindeiro ano destinaranse 8 M€ para actuacións en concellos, contornas urbanas e equipamentos municipais.

Neste eido da planificación e humanización urbanísticas, cómpre salientar que se reservan 2 M€ para convocar, por cuarto ano consecutivo, as dúas liñas de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos e preservar así o fermosismo galego. Nesa liña, cómpre salientar que desde a posta en marcha desta iniciativa a Xunta xa apoiou a máis dun cento de entidades locais e a 1.850 particulares, por un importe total de 7,6 M€, na execución de obras e actuacións que contribuíron a fomentar a cultura do fermosismo.

Un refuxio climático máis verde, sostible e saudable
No que respecta á loita contra o cambio climático e a xestión moderna e eficiente dos residuos, Ángeles Vázquez puxo en valor que 42 de cada 100 euros da Consellería para o vindeiro ano estarán dedicados á economía circular, á xestión dos residuos e a continuar coa consolidación de Galicia como referente na redución das emisións de CO2. 

Así, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático disporá dun orzamento de 46,54 M€, aos que hai que engadir os 166,16 M€ cos que contará Sogama. O obxecto é, segundo incidiu a vicepresidenta, consolidar a Galicia como un auténtico refuxio climático, máis verde, sostible e saudable.

De cara a acadar ese obxectivo unha das novidades do vindeiro ano será a activación dun servizo pioneiro de asesoramento técnico para promover na Comunidade iniciativas públicas e privadas de adaptación ao cambio climático. Baixo a denominación Galicia resiliente, disporá dun orzamento de 1,3 M€ nun horizonte temporal de 5 anos.

Por outra banda, o Goberno galego seguirá axudando aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de xestión de residuos. Así, logo de ter investido 40 M€ no desenvolvemento dunha rede de infraestruturas para o tratamento dos biorresiduos, que xa estarán operativas a finais de ano e que axudarán aos municipios a cumprir coas esixencias europeas, en 2024 destínanse 20,6 M€ para continuar coas axudas a concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas para a mellora da xestión dos residuos. Cómpre salientar que desa contía se reservan máis de 765.000 euros para o asesoramento en materia de residuos ás entidades locais e ao impulso da economía circular no sector privado, máis do triplo que en 2023.

A maiores, para compensar o impacto que terá na economía municipal o imposto estatal sobre vertido e incineración de residuos, a Xunta transferirá ás administracións locais 12 M€ a través do Fondo de Cooperación Local en función da súa poboación atendida.

Ángeles Vázquez tamén puxo en valor os pasos que xa deu a Comunidade na loita contra o cambio climático como a posta en marcha da Alianza galega polo clima; o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, e a aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050. A estes fitos, hai que engadir a futura Lei do clima, cuxo obxectivo é darlle rango legal ao reto de que Galicia sexa climaticamente neutra en 2040.

Unha gran reserva natural
Finalmente, dentro da aposta por preservar Galicia como unha gran reserva natural, a vicepresidenta segunda explicou que a conservación da biodiversidade e dos espazos protexidos da Comunidade contarán en 2024 cun orzamento de preto de 50 M€.

Dese total, cómpre salientar que a Xunta manterá o seu apoio a concellos e entidades protectoras para a atención e coidado dos animais de compañía abandonados cunha partida orzamentaria de 450.000 euros e, a maiores, promoverá a construción dun parque canino en cada unha das 7 grandes cidades.

E, no que atinxe á conservación da fauna silvestre, en 2024 o Goberno galego continuará co seu compromiso de facilitar a coexistencia destas especies coa actividade agrogandeira. Así, destinará máis de 4,6 M€ en axudas para prever e paliar os danos causados pola fauna silvestre -lobo, xabaril e oso-.

Ademais, no caso do xabaril, Ángeles Vázquez salientou que a Xunta seguirá colaborando cos concellos a través do procedemento establecido para colocar gaiolas-trampa e subliñou que Sada, Arteixo e A Coruña xa o solicitaron.

Finalmente, destinaranse 5,3 M€ para axudas destinadas a impulsar actuacións en parques naturais, rede natura e reservas da biosfera.