A XUNTA CONVOCARÁ ARREDOR DE 1.500 PRAZAS NAS OPOSIÓNS DO ENSINO DE 2027 E ESGOTARÁ DE NOVO A MÁXIMA TAXA DE REPOSICIÓN MARCADA POLO ESTADO
A XUNTA CONVOCARÁ ARREDOR DE 1.500 PRAZAS NAS OPOSIÓNS DO ENSINO DE 2027 E ESGOTARÁ DE NOVO A MÁXIMA TAXA DE REPOSICIÓN MARCADA POLO ESTADO
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presenta na Comisión 3ª do Parlamento os Orzamentos do próximo ano do seu departamento
- A Consellería contará con 3.320 M€, un 7,5% máis, o que mantén Galicia como unha das comunidades con maior investimento por alumno e favorece a incorporación nas aulas, xa este curso, de preto de mil docentes máis
- O Goberno galego continúa traballando en medidas que reforcen o prestixio da profesión docente e melloren as súas condicións, como a Oficina de apoio ao profesorado ou o novo réxime de sancións a situacións contrarias á convivencia
- Despregarase o Marco galego de impulso educativo para mellorar a calidade do sistema con accións específicas de apoio ao alumnado nas competencias básicas, ao tempo que se avanza na igualdade de oportunidades ou ante os novos retos
- Refórzase o apoio ás familias, con máis axudas para comedores e continuidade na gratuidade de libros de texto e de matrícula universitaria
- Desenvolverase EdugalIA para aproveitar as oportunidades da tecnoloxía no ensino e reducir o abandono, e seguiranse impulsando todas as potencialidade da FP
- As tres universidades públicas galegas disporán de máis de 570M€, o maior volume de recursos da súa historia, con récord tamén en investigación e ciencia
- Tamén se levarán a cabo novas accións de transferencia de coñecemento cara á sociedade e o tecido produtivo e continuarase coa especialización en eidos como a computación cuántica ou a biotecnoloxía, nos que a I+G+i galega xa é referente
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia os Orzamentos 2027 do seu departamento, ao abeiro dos que se convocarán arredor de 1.500 prazas nas oposicións do ensino que se celebren o vindeiro verán. Aínda que a cifra final se concretará nos próximos meses, o conselleiro adiantou que se volverá esgotar a taxa máxima de reposición do 120% marcada pola normativa estatal.
O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que desde 2009 se convocaron 21.698 prazas, “consolidando postos de traballo, baixando a idade media dos cadros de persoal e reducindo as taxas de interinidade, que en Galicia se sitúan moi por debaixo da media estatal”. Así mesmo, sinalou que as contas do vindeiro ano inclúen os recursos necesarios para facer efectivo o incremento salarial previsto do 5% para o persoal da educación pública, que aplica tamén para os docentes do ensino concertado.
Tal e como detallou Román Rodríguez, os Orzamentos de 2027 acadan un novo máximo histórico, con 3.320M€ para Educación e Ciencia, un 7,5% máis respecto de 2026, o que sitúa Galicia como unha das comunidades con maior investimento por alumno de España, un total de 8.748€, case 1.000€ máis que a media española.
Ao abeiro destas contas desenvolveranse iniciativas de impulso da calidade educativa e da igualdade de oportunidades, reforzarase o apoio ao alumnado e ás familias, continuarase coa renovación das instalacións educativas, farase fronte aos novos desafíos marcados pola tecnoloxía e blindarase o éxito de ensinanzas como a FP ou a aprendizaxe de linguas estranxeiras para a internacionalización do ensino.
Garántese, ademais, o financiamento planificado ás universidades públicas e o apoio á carreira investigadora que ofrece o Goberno galego, que se reforzará o vindeiro ano a través da Fundación Galtia e de novas iniciativas para reter e captar o mellor talento. A maiores, farase fincapé na transferencia da ciencia á sociedade e aos sectores produtivos e na especialización en computación cuántica ou en biotecnoloxía.
Incremento de mil novos docentes
O capítulo I, que sostén os salarios docentes, acada unha cifra superior a 1.985 M€, o 59,8% do orzamento, un 9,7% máis, o que supón “o maior incremento anual no último cuarto de século, tanto en termos absolutos como porcentuais, superando incluso os rexistrados durante os anos de maior expansión orzamentaria”, afirmou o conselleiro.
Lembrou que no curso 2023/24 se comezou a aplicar o Acordo de Mellora asinado coas organizacións sindicais, grazas ao cal no curso actual se conta con preto de mil docentes máis con respecto ao anterior, parte deles especialistas en atención á diversidade. Neste eido, sinalou medidas como a redución de ratios, a mellora dos agrupamentos e a reconfiguración horaria en Secundaria, así como o Plan de atención á diversidade.
O profesorado é o principal puntal da calidade do ensino galego. Para mellorar as súas condicións de traballo e dar prestixio á profesión estase ultimando a posta en funcionamento da Oficina de apoio ao profesorado, con asesoramento en situacións contrarias á convivencia; e aplicarase o novo réxime de sancións para actuar desde a Administración educativa fronte a condutas que atenten contra a súa autoridade.
Impulso á calidade do sistema
O conselleiro explicou que os Orzamentos dan cobertura tamén ao Marco galego para o impulso educativo, cun investimento total de 36,47M€ (19,75M€ en 2027), para afianzar a calidade do sistema. Este curso despregaranse xa Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, o apoio extraescolar en 6º de Primaria e os plans específicos de mellora nos centros; mentres que o vindeiro se actualizará o currículo de Primaria e incorporarase unha materia de Lectura e Comprensión en Secundaria.
O camiño cara a un ensino cada vez máis inclusivo seguirá a ser prioridade número un da Xunta. Galicia é xa a comunidade líder neste ámbito, co 94,2% do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios e medidas pioneiras como a ponderación deste alumnado por dous ou por tres a efectos de ratios. Entre as iniciativas máis novidosas, o conselleiro sinalou as novas Aulas Senda, unha opción máis para as familias coa que se reforzan os recursos especializados nos centros ordinarios.
Máis axudas para comedores
Os Orzamentos de 2027 reforzan tamén o apoio ás familias con 70,3 M€ (un 7,3 % máis) para os comedores escolares e a posta en marcha da segunda fase das axudas aos fogares que empreguen os xestionados por concellos, Anpas e centros concertados. Tamén se incrementan as axudas ás Anpas que ofrecen este servizo, ata os 1,9 M€ (un 5,5% máis) e mantense a achega aos concellos cos que se colabora.
As diferentes liñas de apoio á gratuidade dos libros de texto e apoio para a adquisición de material escolar suman preto de 30 M€, ao tempo que se mantén a dedución fiscal do 15% no IRPF para aquelas familias que, por renda, non poden acceder ás axudas. No ámbito universitario, a gratuidade da matrícula nos graos, xunto coa conxelación das taxas, seguirá aforrando 20 M€ ao ano aos fogares galegos.
O Plan de nova arquitectura pedagóxica conta con 72,6M€ (3,3% máis) para modernizar as infraestruturas educativas. A principal acción é a construción, por primeira vez en moito tempo, de tres novos centros educativos á vez: o colexio Gerardo Fernández Albor (Ames) e os institutos Domingo Villar (Vigo) e Padre Feijóo (O Pereiro de Aguiar).
Desafío dixital e FP
As políticas educativas da Xunta están tamén a facer fronte ao desafío dixital no ensino. “Neste momento está en tramitación a Lei de educación dixital de Galicia e queremos consolidar un modelo de ensino híbrido, con ‘sentidiño’, aproveitando as oportunidades das novas tecnoloxías sen renunciar ao que sabemos que funciona”, dixo o conselleiro. EdugalIA, para a que se reservan 6,9 M€, é a ferramenta coa que a Xunta vai aproveitar esas potencialidades, aplicando a IA a retos como o abandono escolar. Co fin de potenciar a internacionalización, destinaranse 3,8M€ ao novo programa de auxiliares de conversa co obxectivo de que se incorporen ás aulas a comezos do segundo trimestre e que o alumnado galego siga sendo líder en nivel de inglés.
Pola súa banda, o modelo de éxito da FP galega conta con 20,8 M€ nos Orzamentos 2027, un 11,5% máis, para dar continuidade ao desenvolvemento dos programas en funcionamento e para poñer en marcha outros que reforcen aínda máis o seu prestixio, a confianza do alumnado e familias e a súa inserción laboral; poñendo a disposición da cidadanía unha oferta case á carta, ao tempo que se reforza a innovación aplicada.
A maior achega ás universidades
“As tres universidades públicas galegas disporán de 576,2M€, o maior volume de recursos da súa historia”, destacou o conselleiro, incidindo no investimento en Investigación e Ciencia –que abrangue a que se fai dentro e fóra das universidades– que medra un 17,8%, acadando tamén un novo máximo histórico de 353M€, o que permite duplicar o fondos que se destinaban hai seis anos nos orzamentos á I+D+i.
A principal novidade é a posta en marcha do programa Retorna talento I+G+i para facilitar nos dous próximos anos o regreso de 40 investigadores galegos. A Fundación GALTIA, á que se destinan 4 M€, lanzará en 2027 as súas primeiras convocatorias para captar investigadores de máximo prestixio internacional e, ademais, contémplase tamén o desenvolvemento de TALENTGAL.
A Axencia Galega de Innovación contará cun orzamento de 110,1M€ (4,6% máis), dos que 17,5M€ se centran tamén no talento, dando continuidade ao programa Oportunius, aos doutoramentos industriais, ao apoio aos investigadores emerxentes e á consolidación dos grupos e centros de investigación.
Transferencia e especialización
A transferencia do coñecemento á sociedade e ao tecido produtivo contan cun orzamento de 23,1 M€ para as iniciativas de colaboración público-privada como Nexos, as Unidades Mixtas ou o os proxectos colaborativos vinculados ás prioridades tecnolóxicas de Galicia; e outros 12,8 M€ á valorización do coñecemento a través de programas como Ignicia, que facilitan a creación de empresas tecnolóxicas.
Estas actuacións complétanse cunha forte aposta ao I+D empresarial, con 6 M€ máis con respecto a 2026, a través de iniciativas como Ciencia Empresa e o apoio á creación de novos centros de investigación empresarial. Inclúese tamén unha dotación específica de 1,3 M€ para, entre outras cousas, avanzar nos Plans locais de I+D+i e que os concellos incorporen novas solucións tecnolóxicas á prestación dos servizos públicos.
Galicia revelouse nos últimos anos como unha potencia emerxente en eidos como a computación cuántica e a biotecnoloxía. Os Orzamentos 2027 apoian de xeito decidido esta especialización con 40,2 M€. Así, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) concentra 33 M€ e porá en marcha o novo supercomputador FinisTerrae IV e as súas novas capacidades de almacenamento e de computación cuántica.
O ano próximo destínanse, ademais, 28 M€ ao despregamento da Factoría de Intelixencia Artificial, “un dos maiores proxectos que temos en marcha Galicia, que permitirá mobilizar globalmente máis 82 M€”, lembrou o conselleiro. Así, avanzarase na contratación do novo supercomputador europeo e ofreceranse servizos nos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental a investigadores, empresas e administracións. Todo elo, no marco do Plan Galego de Investigación e Innovación, que busca consolidar a I+G+i feita en Galicia como un referente internacional.