Atrás

A Xunta creará máis de 1.700 prazas no Sergas en 2024 para consolidar o aumento do cadro de persoal producido durante a pandemia

Atrás
31 outubro 2023

A Xunta creará máis de 1.700 prazas no Sergas en 2024 para consolidar o aumento do cadro de persoal producido durante a pandemia

Imagen Principal
  • O conselleiro de Sanidade asegura que o Proxecto de Orzamentos para o vindeiro ano converte en estruturais os reforzos de persoal efectuados nesta lexislatura
  • As contas prevén un aumento superior ao 8% no capítulo de persoal da sanidade derivado das novas prazas e das melloras laborais
  • As melloras retributivas pactadas durante esta lexislatura en acordos unánimes do Sergas coas organizacións sindicais supoñen cada ano á Xunta 78 millóns de euros
  • Comesaña destaca tamén que o orzamento para investimentos en materia de saúde pública duplicouse ao longo desta lexislatura
  • Os fondos totais que a Xunta destina á sanidade pública galega superará por primeira vez os 5.000 millóns de euros
  • As partidas para ampliar infraestruturas e equipamentos dos centros sanitarios volven acadar os 400 millóns de euros
  • O Goberno galego atende, deste xeito, a demanda de reforzo do sistema sanitario público derivada da experiencia da covid-19

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023.- A Xunta de Galicia creará máis de 1.700 prazas novas estruturais no Sergas, no vindeiro ano, co obxecto de consolidar o aumento do cadro de persoal producido durante a pandemia e coa posta en marcha de novas unidades. Esta medida suporá un investimento de máis de 60 millóns de euros. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, onde compareceu para explicar o proxecto de orzamentos do seu departamento para o ano que vén. Desas máis de 1.700 prazas, máis de 200 son de persoal médico, outras máis de 700 de enfermería, máis de 450 de auxiliar de enfermería, máis de 120 de persoal técnico superior sanitario, e preto de 100 de celadores

Este orzamentos superan por primeira vez na historia os 5.000 millóns de euros destinados á sanidade pública. En concreto, 5.191 millóns de presuposto, consolidando deste xeito, “a senda de crecemento que levamos experimentando ao longo desta lexislatura”, -remarcou Comesaña-.

Tal e como dixo o titular da carteira sanitaria, no vindeiro ano desaparecen as fontes de financiamento adicionais que o Goberno galego tivo nos últimos anos, como foron o fondo covid, e os fondos europeos REACT e Next Generation, “pero os orzamentos da Xunta non só se manteñen senón que mesmo aumentan, consolidando e convertendo en estrutural o reforzo da sanidade pública que se produciu trala pandemia da covid”.

Comesaña detallou que o seu departamento destinará máis de 2.200 millóns durante o vindeiro ano ás retribucións do persoal do sistema sanitario galego, o que supón un aumento neste apartado de máis dun 8%, moi por riba do aumento pactado a nivel nacional, que é dun 2%. Este incremento é consecuencia da inclusión de 42 millóns para facer fronte ás melloras retributivas acordadas de xeito unánime cos sindicatos da mesa sectorial. Ademais, tamén se aumenta en 17 millóns de euros a contía destinada ao complemento de carreira profesional para incluír a todo o persoal temporal. Así mesmo, este ano acordouse adiantar o acceso á carreira profesional ao persoal residente en formación, que accederá ao grao inicial dende o seu último ano de residencia.

En consecuencia, “esta lexislatura foi a dos acordos e a de atender ás demandas do persoal sanitario sobre as súas condicións laborais”. O impacto de todas estas medidas acordadas dende a saída da pandemia supón á Xunta, -dixo o conselleiro-, 78 millóns de euros anuais.

Tamén no capítulo de persoal, Comesaña dixo que se crean outras 88 novas prazas para consolidar o aumento da capacidade formativa da sanidade galega, o que supón que o programa de formación supere nestes orzamentos os 78 millóns, e significando que, nesta lexislatura, “a Xunta incrementou en máis dun 40% os seus fondos para formar novos especialistas sanitarios”.

Por outra banda, dótanse as últimas 17 prazas que faltaban para completar o previsto no Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024. A través desta iniciativa, a Xunta creou 240 prazas nos últimos cinco anos para poñer en marcha novas unidades neste ámbito, das que no vindeiro ano completarase a súa cobertura efectiva. Este incremento de persoal supón que cada ano o Sergas está a investir preto de 11 millóns de euros máis en persoal de saúde mental que antes da entrada en vigor de dito Plan.

Investimento en vacinas e programas de cribado
No apartado de investimentos en materia de saúde pública, o titular da carteira sanitaria sinalou que se duplicaron nesta lexislatura, pasando dos 22 millóns de 2020 aos preto de 50 previstos para o vindeiro ano. Así, o Programa galego de vacinación terá un novo incremento do 40%, alcanzando preto de 40 millóns de euros para consolidar o calendario de inmunizacións máis completo do mundo, logo da incorporación nestes anos da vacinas de meninxite B, rotavirus ou herpes zóster, e como consecuencia da ampliación de cobertura ou mellora da calidade das do meningococo, o pneumococo, papiloma humano ou antigripal tetravalente.

O investimento en cribados, que tamén se duplicou dende 2020, consolídase en 2024 nos 2,6 millóns, despois de que se complete neste ano a extensión a toda Galicia do cribado de cancro de cérvix e do reforzo con novas patoloxías no cribado neonatal. Xunto ao anterior, triplicouse tamén nesta lexislatura o investimento en programas de promoción de estilos de vida saudables, ata volver a superar este ano o millón de euros no marco do desenvolvemento do Plan Obesidade Zero.

Ampliación de infraestruturas e equipamentos
Tal e como detallou o conselleiro, as partidas para ampliar infraestruturas e equipamentos dos centros sanitarios volven acadar os 400 millóns de euros. Así, o investimento en atención hospitalaria superará un ano máis os 250 millóns. No pasado ano, este investimento centrouse na adquisición de equipamento tecnolóxico para os hospitais (cirurxía robótica, equipos PET, aceleradores lineais, resonancias, TACs, medicina nuclear, etc) e este ano o protagonismo será para as obras, cun orzamento de preto de 175 millóns.

Desglosada esta cantidade de ao redor de 175 millóns, o conselleiro dixo que 50 deles   serán para o remate da obra do novo Montecelo; outros 40 para o inicio da fase 1 do novo hospital da Coruña; 16 para o inicio da ampliación do hospital de Santiago; 27 para a continuación do plan director do hospital de Ourense; 19 para a continuación do plan director do hospital de Ferrol; outros dous millóns para o remate das novas unidades proxectadas no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; e preto de 15 para o inicio da obra do Centro de Protonterapia de Galicia.

Tamén destacou Comesaña os investimentos para as actuacións proxectadas nos hospitais comarcais, que se concretan en 430.000 euros para a finalización  do Hospital de Valdeorras e 980.000 para o de Verín; 1,1 millóns para iniciar a obra de Cee ou avanzar en novas reformas para o de Salnés, por 200.000 euros; ou Barbanza, con  outros 300.000.

O conselleiro sinalou que hai dous hospitais comarcais que levan unha dotación especial nestes orzamentos, o da Mariña lucense, do que está previsto licitar este ano a segunda fase do seu plan director, un proxecto de 30 millóns, e para cuxo inicio se consigna un millón de euros; e outro millón de euros para o Hospital de Monforte, co obxecto de seguir a avanzar nas obras urxentes das cubertas e licitar un plan director que complete a súa reforma integral.

No que atinxe a equipamentos hospitalarios, despois do esforzo levado a cabo no 2023, no vindeiro ano o obxectivo está centrado en dotar ano novo hospital de Montecelo, ao que se destinan 25 millóns; e en repoñer o TAC intraoperatorio de Ourense ou a resonancia magnética do Hospital de Conxo. Tamén se destinan 2,2 millóns para dotar ás unidades de reprodución asistida de novos equipos de criopreservación.

Comesaña dixo que os orzamentos reservan, para o vindeiro ano, preto de 30 millóns para obras en centros de saúde, repartidos nas actuacións previstas no Plan de Infraestruturas de atención primaria para as que existen convenios asinados e terreos en proceso de cesión.

Co obxecto de renovar e ampliar a aparataxe dos centros de saúde, o conselleiro anunciou unha partida de 30 millóns de euros para a dotación de novos equipos de radioloxía e informáticos, aumentando, deste xeito, a capacidade de resolución neste nivel asistencial coa incorporación de dispositivos multidiagnóstico, probas rápidas, ecógrafos, retinógrafos ou bisturís eléctricos.

Destacou, tamén, o aumento nun 30% do investimento para sistemas de información, ata chegar aos 45 millóns de euros, que permitirán desenvolver programas como o Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital ou a Estratexia de Ciberseguridade do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Outros investimentos destacados
Outros puntos destacados polo conselleiro na súa intervención no Pazo do Hórreo é a cifra récord de 11,6 millóns de euros en 2024 que o seu departamento dedicará a entidades sociais de atención á drogodependencia, saúde mental e asociacións de pacientes, o que significa que este apoio aumentou un 40% durante a lexislatura; os máis de 7 millóns de euros para a Fundación Galega de Medicina Xenómica; o incremento de máis dun 12% de orzamento, ata chegar aos preto de 5 millóns de euros, para a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde; os máis de 27 millóns para a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, que seguirá renovando o parque de unidades móbiles adquirindo unha nova para Lugo; e o orzamento para Urxencias sanitarias-061 que acada a cifra de preto de 79 millóns de euros, cun incremento do case o 7%.

Con estes presupostos, “rematamos un proceso de adaptación á sanidade post-pandemia que ten consolidado a asignación ao sistema sanitario público de máis recursos humanos e materiais tanto no eido asistencial, como na prevención e na investigación”. Asi, a realidade é, -concluíu o conselleiro-, “que a sanidade pública galega avanza cada ano con máis prestacións e recursos da man dun goberno que cre nela”.