A XUNTA ELEVA O ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DO MAR E OS SEUS CENTROS ADSCRITOS ATA OS 262,4 M€ EN 2027, DOS QUE 23 M€ SE DESTINAN AO MARISQUEO
A XUNTA ELEVA O ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DO MAR E OS SEUS CENTROS ADSCRITOS ATA OS 262,4 M€ EN 2027, DOS QUE 23 M€ SE DESTINAN AO MARISQUEO
A conselleira do Mar comparece na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia
- O investimento global medra 10,2 M€ respecto a 2026, un 4,04 % máis, mentres que o orzamento específico da Consellería acada os 234,8 M€, cun incremento do 4,05 %
- O programa de competitividade da pesca e da acuicultura alcanza os 78,3 M€, no marco do que se prevén novas axudas para modernizar as bateas e a frota, mellorar a seguridade a bordo e impulsar a sustentabilidade da actividade
- As partidas destinadas á regulación da produción e dos mercados aumentan un 13,72 %, ata os 43,3 M€, dos que 19,7 M€ se dirixen á industria transformadora e 14,5 M€ á promoción e comercialización dos produtos do mar
- As contas contemplan tamén 21,6 M€ para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, 12,9 M€ para ensinanzas pesqueiras e preto de 36 M€ para Portos de Galicia
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026.- A Xunta de Galicia incrementa o orzamento destinado ás políticas do mar para 2027 ata alcanzar os 262,4 millóns de euros, incluíndo os organismos e centros adscritos á Consellería do Mar. Esta cifra supón un aumento de 10,2 millóns respecto ao exercicio anterior, un 4,04 % máis, e sitúa o investimento global no seu máximo histórico. Así o explicou hoxe a conselleira do Mar, Marta Villaverde, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia para presentar as contas do seu departamento para o vindeiro ano.
O orzamento específico da Consellería ascende a 234,8 millóns de euros, un 4,05 % máis que en 2026, e articúlase arredor de actuacións para recuperar a capacidade produtiva dos bancos marisqueiros, reforzar a competitividade da frota e da acuicultura, impulsar a transformación e comercialización dos produtos pesqueiros e avanzar na formación, a investigación e a protección do medio mariño.
A competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura concentra a maior dotación dos programas expostos pola conselleira, con 78,3 millóns de euros. Entre as principais actuacións destaca a continuidade do Plan de Recuperación do Marisqueo, ao que a Xunta destinará outros 10 millóns de euros en 2027 para afrontar as consecuencias dos episodios de baixa salinidade que afectaron aos bancos marisqueiros e contribuír á recuperación da súa produtividade. Sumadas as partidas destinadas a outras políticas estruturais, o montante total para o marisqueo ascendería a uns 23 millóns.
Os recursos extraordinarios permitirán financiar os convenios asinados coas confrarías moderada ou severamente afectadas polos temporais de comezos de ano, reforzar os traballos de rexeneración dos bancos, adquirir maquinaria específica para a remoción de substratos e desenvolver sistemas avanzados de produción e preengorde de semente en batea. Tamén se continuará traballando en novos métodos de obtención de semente de bivalvos, na liña da recuperación da actividade da hatchery do Vicedo.
Este esforzo complementarase con máis de 2,5 millóns de euros para REDEMAR, a rede de colaboración entre o sector pesqueiro e a comunidade científica, que permite mellorar o coñecemento dos bancos, controlar especies invasoras e desenvolver proxectos de investigación aplicada á actividade marisqueira.
No ámbito da acuicultura, a Xunta destinará máis de 28 millóns de euros a actuacións orientadas á mellora da produción, ao coñecemento das zonas produtivas e á sustentabilidade da actividade. Entre as novidades, a Consellería prevé publicar unha convocatoria plurianual de axudas de 10 millóns de euros que incluirá investimentos para a protección e modernización das bateas, o procesado do produto a bordo e a frota auxiliar tradicional.
Pola súa banda, o sector extractivo contará cun investimento, que por primeira vez será bianual, de 7 millóns de euros para a renovación e modernización da frota, a mellora das condicións de traballo e seguridade a bordo, a eficiencia enerxética e a redución do impacto ambiental da actividade. Esta liña permitirá apoiar, entre outras actuacións, a substitución ou modernización de motores en embarcacións de ata 24 metros de eslora total.
A maiores, prevense case 5 millóns de euros para axudas por paralización temporal da actividade pesqueira e marisqueira, así como o mantemento das axudas para a primeira adquisición dun buque por parte de mozos tripulantes.
Impulso á comercialización e á industria transformadora
Outro dos principais incrementos corresponde ao programa de regulación da produción e dos mercados da pesca, que medra un 13,72 % ata alcanzar os 43,3 millóns de euros. Esta dotación está orientada ao fomento do consumo dos produtos do mar, á apertura de novos mercados e ao reforzo da competitividade da industria transformadora galega.
Neste capítulo, a Consellería reserva 14,5 millóns de euros para campañas de promoción e outras accións como a participación en feiras nacionais e internacionais, dando continuidade a iniciativas como Galicia Sabe AMar e á colaboración con entidades representativas da cadea mar-industria. Estas actuacións incluirán iniciativas de promoción comercial, internacionalización e fomento do consumo, especialmente entre a poboación máis nova.
A transformación pesqueira contará con 19,7 millóns de euros, destinados a apoiar os investimentos das empresas do sector, entre elas depuradoras, cocedeiros, conserveiras e industrias de conxelados. A dotación permitirá impulsar unha liña de axudas para investimentos de pequenas e medianas empresas, orientada á modernización e á mellora da súa competitividade.
A Xunta tamén destinará 6,1 millóns de euros ás organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e 2,8 millóns á dixitalización, con iniciativas como Lonxas Galegas 4.0, para modernizar os establecementos de primeira venda, mellorar a trazabilidade e facilitar a comercialización dos produtos pesqueiros.
Desenvolvemento do litoral e protección do medio mariño
O programa de desenvolvemento sostible das zonas de pesca contará con 21,6 millóns de euros, dos que preto de 17,6 millóns se destinan ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo impulsadas polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). Estas axudas permitirán continuar apoiando proxectos de diversificación económica, innovación, emprego e conservación do patrimonio cultural marítimo-pesqueiro. Neste mesmo eido, as contas incorporan 1,2 millóns de euros para a recollida de residuos e lixo mariño, mediante actuacións nas que participará o propio sector pesqueiro.
Dentro do ámbito da protección do medio natural marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia contará con máis de 37,6 millóns de euros en 2027. Así, 18,2 millóns destinaranse a garantir a súa operatividade durante as 24 horas do día e os 365 días do ano, incluíndo os seus medios aéreos, marítimos e humanos. A Xunta prevé reforzar os seus recursos coa adquisición de dúas embarcacións con motor fóra borda e a continuidade da renovación do parque móbil.
Formación, investigación e innovación
As ensinanzas pesqueiras contarán cunha dotación de 12,9 millóns de euros, coa finalidade de mellorar a cualificación profesional e favorecer a remuda xeracional. Destinaranse máis de 2,5 millóns ao funcionamento e mellora das instalacións formativas, incluíndo actuacións de eficiencia enerxética no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) da Illa de Arousa e de mellora da residencia da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol.
Ademais, activarase unha orde de axudas de 900.000 euros para facilitar a obtención de titulacións náutico-pesqueiras a través das entidades representativas do sector, e reservaranse outros 200.000 euros para apoiar o embarque formativo e a inserción laboral do alumnado en prácticas.
No ámbito científico, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), con sedes en Vilanova de Arousa e Ribadeo, incrementará o seu orzamento máis dun 7 %, ata superar os 5,3 millóns de euros, aos que se vinculan actuacións de investigación aplicada.
Destaca tamén o incremento do 22,7 % no orzamento da Axencia INTECMAR, que se achega aos 6,8 millóns de euros, coincidindo coa súa transformación en axencia pública autonómica e co reforzo da estabilidade do persoal científico dedicado ao control sanitario das augas e dos produtos do mar.
Pola súa banda, a Fundación CETMAR contará con preto de 4,8 millóns de euros para continuar desenvolvendo proxectos de investigación e cooperación, entre eles a Oficina Técnica da Estratexia da Economía Azul de Galicia, o Plan de Observación Mariña e o Observatorio Costeiro.
Mellora das infraestruturas portuarias
Finalmente, Portos de Galicia incrementará o seu orzamento ata preto de 36 millóns de euros para continuar coa modernización das infraestruturas e instalacións dos 122 portos de titularidade autonómica que xestiona directamente.
As actuacións estarán centradas na mellora dos servizos portuarios, a eficiencia enerxética, a descarbonización e a modernización de lonxas, departamentos e naves de redes. A Consellería do Mar tamén destinará 6 millóns de euros a equipamentos pesqueiros, co obxectivo de mellorar as condicións nas que se desenvolven as actividades portuarias, desde a descarga ata a primeira venda.