Atrás

A Xunta reforza a captación de talento co investimento de máis de 11M€ en 2025 de cara a cubrir vacantes e mellorar o tecido produtivo galego

Atrás

A Xunta reforza a captación de talento co investimento de máis de 11M€ en 2025 de cara a cubrir vacantes e mellorar o tecido produtivo galego

Imagen Principal
  • Dentro da iniciativa, José González debullou medidas novas a prol da volta de galegos como arredor de 2M€ para rehabilitar vivendas vinculados ao Retorna Cualifica Emprego, sumados ás bolsas BEME ou ás axudas extraordinarias ao retorno que soben
  • Mirando a terceiros países, destacou o programa de arraigamento por formación dirixido a inmigrantes e accións en orixe, engadindo que os 4,8M€ para un novo programa de microformacións incluirá a capacitación deste perfil de traballador  
  • Avogou por avanzar na definición das listas de demandantes de traballo e na modernización do Servizo Público de Emprego (1,6M€) mediante a intelixencia artificial, incluíndo  o desenvolvemento da aplicación móbil de EMi
  • No eido comercial, no 1º trimestre estará listo o novo Plan estratéxico 2025-2030, no que se enmarcarán os proxectos piloto de dinamización Vilas vivas, os bonos Activa Comercio, as axudas a prol dos Mercados Excelentes ou o novo Mapa de comercio

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024.- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, compareceu esta tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2025. Alí, debullou as políticas e medidas previstas cun orzamento global superior aos 497 millóns de euros co obxecto de que Galicia goce dun emprendemento e emprego de calidade no marco dun mercado laboral dinámico e inclusivo e dun crecemento sostible, facendo especial fincapé nun plan para a captación de talento cun conxunto de medidas dotadas con máis de 11M€ orientado a atraer persoas retornadas e estranxeiras de terceiros países, incluíndo perfís de alta cualificación profesional.

Ao abeiro dese plan, González debullou medidas novas a prol da volta a Galicia de residentes no exterior como os 2M€ nunha orde bianual para a rehabilitación de vivenda vinculados ao programa Retorna Cualifica Emprego, que estará dotado con máis de 2,4M€. Destacou que se incrementarán as bolsas BEME para xente nova cualificada (2,75M€) e as axudas extraordinarias ao retorno (2,3M€), máis aló doutras achegas como 1M€ para o emprendemento de retornados. Tamén mirando a terceiros países, referiuse aos case 1M€ do proxecto pioneiro de arraigamento por formación para inmigrantes e a medio millón para accións en orixe, sinalando -a maiores- que dentro dos 4,8M€ consignados para un novo programa de microformacións en empresas se incluirá a capacitación profesional destas persoas.

Seguindo coas novidades, salientou o compromiso de unificación nunha soa convocatoria de máis de 40 millóns de euros en axudas para autónomos no marco dos 60 millóns mobilizados en políticas de traballo autónomo e emprendemento, tras terse cumprido neste 2024 coa orde de impulso da contratación de mulleres en sectores masculinizados e coa de primeira experiencia profesional para menores de 30 anos, aos que se destinará agora a nova Estratexia Mocidade Activa, dotada nesta Consellería con máis de 20M€.
Na súa intervención, o conselleiro considerou fundamental continuar traballando da man da colaboración público-privada e do Diálogo Social para seguir consolidando o mercado laboral e o tecido produtivo galego.

Emprego e emprendemento
Avogando polo crecemento sostible tomando como base unha estratexia de círculos concéntricos, González apostou primeiro por definir as listas de demandantes de emprego para posibilitar a inserción laboral dos que realmente queren traballar. Nesa liña, explicou que se avanzará na modernización do Servizo Público de Emprego (case 1,6M€), potenciando a ferramenta pioneira EMi de intelixencia artificial, incluíndo o desenvolvemento dunha aplicación móbil para realizar autoperfilados (1M€). Así mesmo, seguirá dándoselle pulo ás microformacións para atender as demandas das empresas cun novo plan e coa preparación dun novo decreto a prol das microcredenciais.

Dentro da aposta por ofrecer formación á carta ao tecido produtivo, fixo fincapé na reedición das accións formativas a demanda para ocupados estreadas este ano (4M€), mantendo outras iniciativas como as unidades formativas para empresas (8M€) ou os bonos Talento Empresa (2M€) e apoiando os centros públicos cunha pioneira rede de centros asociados de formación para o emprego. González tamén se referiu a outras partidas como os case 6M€ que se destinarán a rehabilitar dous edificios na Cidade das TIC da Coruña, dirixidos tamén ao impulso da formación para o emprego.

Como segundo e terceiro círculos concéntricos, o conselleiro apelou á captación de talento dos retornados e inmigrantes, con accións como a Estratexia Galicia Retorna ou os programas de arraigamento para a formación que buscan regularizar os estranxeiros en situación irregular.

No relativo aos autónomos, confirmou a unificación nunha orde de máis de 40 millóns de euros en axudas para o colectivo (cota cero e apoio ao inicio de actividade, Bono Autónomo, Nova Oportunidade, Bono Remuda e axudas á conciliación). Tamén destaca a nova Estratexia Mocidade Activa, que incluirá o programa de primeira experiencia profesional ou o Galicia Emprega Moz@s. Así mesmo, salientou medidas a prol do emprego no territorio, con máis de 62M€ en beneficio de concellos ou entidades sen ánimo de lucro.

No eido do emprendemento con máis de 32M€ de investimento global, máis aló da consolidación da Rede de polos con 15 centros unha vez se realice a apertura do de Vilanova de Arousa e baixo a coordinación do Centro de Orientación ao Emprendemento, destacan axudas como os 6,8M€ da orde específica para favorecer a actividade emprendedora. Tamén fixo énfase nun novo Bono de emprendemento por 700.000€ para apoiar a creación de empresas innovadoras vinculadas aos Polos. Dentro da estratexia que motivou o premio a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, reeditaranse ademais iniciativas como as vivendas comunitarias para atraer nómades dixitais ao rural.
 
No campo da economía social, o conselleiro explicou que se eleva ata os 44,8M€ o investimento global, con especial atención a entidades como os centros especiais de emprego (29,3M€) e coa vista posta na nova Lei de cooperativas. Para avanzar na igualdade laboral, trasladou que se consolidan en 2025 as axudas a prol da contratación feminina en sectores masculinizados (1,7M€) e o programa Galicia Emprega Muller (7M€).

Comercio
No referido ao comercio, o conselleiro fixou para o primeiro trimestre do ano que vén a aprobación do Plan de comercio de Galicia 2025-2030 que se está elaborando da man do sector, sinalando que ao seu abeiro se impulsarán os novos proxectos de dinamización Vilas vivas, o primeiro piloto efémero en Ribadavia. Volverán tamén iniciativas de éxito como os bonos Activa Comercio, cun investimento de 5M€ en 2025.

Co reto de elaborar un Mapa do comercio de Galicia coa información de interese nese senso en cada contorna, trasladou o investimento de case 7M€ en actores do tecido comercial como os mercados e prazas de abastos que se perseguen integrar na rede galega de Mercados Excelentes, incluídas actuacións concretas nas instalacións de Ourense (1M€) e Ponteareas (0,8M€). Tamén se confirman apoios como os dirixidos á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4M€) ou para o desenvolvemento de plans formativos para este eido económico (250.000€). Respecto da Fundación Artesanía de Galicia, trasladou que contará con 1,2M€ (un 14% máis).

Retorno
Canto á emigración, e no marco da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, González referiuse ao programa Retorna Cualifica Emprego, que se reeditará para seguir ofrecendo en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación ao efecto e axudas para establecerse, ademais dos apoios novos á rehabilitación de vivendas.

González destacou que soben as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para fomentar a volta de xente nova con alta cualificación incorporando os estudos de grao aos mestrados que xa se ofertan na actualidade, e tamén aumentan as axudas extraordinarias para facer fronte a causas sobrevidas. Consolídanse, mentres, as achegas ao autoemprego para retornados e haberá ademais un novo programa de promoción da nosa cultura e produtos no exterior.

Outras entidades
Por último, o titular de Emprego referiuse a outros montantes do orzamento da Consellería, como os 7,8 millóns para o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), un 3% máis ca en 2024. A este importe hai que sumarlle o das axudas en materia de prevención de riscos laborais –incluída promoción–, que superará os 2,9 millóns.

O labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia verase reforzado, pola súa banda, cun orzamento de 7,4 millóns de euros para continuar garantindo a defensa dos intereses dos consumidores e usuarios, mentres 1,4M€ irán a accións do Consello Galego de Relacións Laborais.