As familias galegas disporán de máis capacidade de gasto no 2026 ao aforrar 793 M€ polos beneficios fiscais, dos que máis do 88 % son de carácter social
As familias galegas disporán de máis capacidade de gasto no 2026 ao aforrar 793 M€ polos beneficios fiscais, dos que máis do 88 % son de carácter social
- 0 99 % do orzamento estará sustentado en financiamento ordinario, debido ao descenso dos fondos MRR, e ese reforzo de recursos propios reflectirase, sobre todo, nas políticas de carácter social
- Sanidade e Educación concentran practicamente dúas terceiras partes de todos os recursos dos departamentos autonómicos
- Co obxectivo de contribuír ao reequilibrio territorial, as provincias con maior gasto por habitante seguirán sendo Lugo, con 5.754€ por persoa; e Ourense, con 5.699€
- O Goberno galego reafirma o compromiso co financiamento das entidades locais, cunha achega para o ano que vén de 670 M€, case 30 M€ máis que o ano pasado
- Cada ano, uns 115.000 galegos se benefician das rebaixas de impostos aprobadas polo Executivo autonómico
- A taxa media de paro consolidarase por debaixo dos dous díxitos este ano e o vindeiro, achegándose ao 8% en 2025 e baixando ata o 7,8% en 2026
- Miguel Corgos subliñou que con estas contas, o Goberno galego quere seguir construíndo a Galicia Calidade do futuro: máis social, con máis emprego e menos cargas fiscais para as familias
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entregou hoxe no Parlamento galego os Orzamentos de 2026, dotados con 14.204 M€ para seguir construíndo a Galicia Calidade do futuro, máis social, con máis emprego e con menos cargas fiscais para as familias, que disporán de máis capacidade de gasto ao aforrar 793 M€ polos beneficios fiscais, dos que o 88 % son de carácter social.
Durante o acto, o conselleiro de Facenda quixo subliñar que para o vindeiro exercicio case a totalidade do orzamento, o 99%, estará sustentado en financiamento ordinario, tendo en conta a caída dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), que teñen que estar executados antes do vindeiro 31 de agosto e que pasan de 488 M€ este ano a 150 M€ no 2026.
Aínda así, o total do gasto non financeiro medra en 263 M€, Sanidade medra 213,5 M€, Política Social e Igualdade 67,4 M€ e Edudación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional 43,8 M€. Os outros departamentos que medran son os de Vivenda, Emprego, Cultura, Medio Rural e Mar.
En total, o Orzamento de 2026 dedicará 10.587 millóns de euros a gasto social, 321 millóns de euros máis que o deste ano, cun incremento do 3,1%. “Só Sanidade e Educación concentran practicamente dúas terceiras partes de todos os recursos dos departamentos autonómicos”, dixo, explicando que tres de cada catro euros destínanse a gasto social.
Un territorio máis cohesionado e con máis oportunidades
Segundo explicou Miguel Corgos, as contas do vindeiro exercicio seguirán tamén comprometidas cunha Galicia cohesionada e con máis oportunidades. Así, as provincias que recibirán un maior volume de gasto serán A Coruña e Pontevedra, con 5.507 M€ e 4.083 M€, respectivamente. A provincia de Lugo recibirá 1.867 M€ e a de Ourense 1.733 M€.
Dentro deste reforzo investidor, e co obxectivo de contribuír ao reequilibrio territorial, as provincias con maior gasto por habitante en 2026 seguirán sendo as de Lugo -onde a Xunta destinará 5.754 euros por habitante- e Ourense -con 5.699 euros por habitante-. E, en canto as provincias atlánticas: a Coruña recibirá 4.873 euros por habitante e, para Pontevedra destinaranse 4.308 euros por habitante.
Compromiso cos concellos
Corgos reafirmou tamén o compromiso do Goberno galego co financiamento das entidades locais, cunha achega para o vindeiro ano de 670 M€, case 30 M€ máis que o ano pasado, o que supón o maior esforzo da historia da Xunta no financiamento dos concellos e entidades locais.
Nesta liña, destacou o reforzo do Fondo de Cooperación Local con case 20 M€ máis, o que supón preto dun 12 % en comparación á dotación deste exercicio, e practicamente un incremento do 20 % nos dous primeiros anos de lexislatura.
“E reservamos un fondo de 59 M€ para blindar o financiamento da futura Lei de Administración Local”, recordou, resaltando tamén a disposición de máis recursos aos concellos para atender as diferentes necesidades da cidadanía: limpeza de faixas, compensación do canon de Sogama, Servizo de Atención no Fogar, dinamización do emprego, axudas para actuacións en redes de abastecemento, fomento da ecoeficiencia na xestión de residuos e axudas en materia de abastecemento e saneamento.
Unha das CC.AA. con mellor tratamento fiscal para rendas medias e baixas
Ademais da consolidación de todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento, o conselleiro de Facenda incidiu en que as novas rebaixas nestes orzamentos volven centrarse nos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, ou a dos impostos ás persoas prexudicadas polos incendios do verán, así como as deducións para libros e material escolar, e o incremento do límite do prezo da vivenda de 200.000 a 240.000 euros para poder beneficiarse dos tipos reducidos do Imposto de Transmisión Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.
As contas continúan co impulso á vivenda que se comprometeu ao comezo de lexislatura, que se reforza tamén con novas rebaixas fiscais. Así, as familias monoparentais súmanse aos outros colectivos prioritarios -rendas medias e baixas, menores de 36 anos, familias numerosas e colectivos vulnerables-, que poden adquirir vivendas cunha redución do imposto de transmisións patrimoniais (ITP), que ata pode chegar á súa eliminación.
Por outra banda, e aproveitando unha figura exclusiva do Dereito Civil galego, o contrato vitalicio, rebáixase a tributación para aquelas persoas que cedan un inmoble a quen os coide.
Ao longo da súa intervención, o conselleiro precisou que, cada ano, uns 115.000 galegos se benefician das rebaixas de impostos aprobadas polo Executivo autonómico, recordando que Galicia está entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para rendas medias e baixas.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse tamén ao mercado laboral, no que os datos do paro continúan mellorando. “Temos case 84.000 afiliados máis e 52.000 parados menos que antes da pandemia”, dixo, subliñando que a taxa media de paro consolidarase por debaixo dos dous díxitos este ano e o vindeiro, achegándose ao 8% en 2025 (8,31%) e baixando ata o 7,8% en 2026.
Así mesmo, resaltou que Galicia acadará seis anos de crecemento sostible, subliñando que detrás de todas estas cifras está o enorme esforzo de toda a sociedade galega.
“En resumo, cos orzamentos para 2026 queremos seguir construíndo a Galicia Calidade do futuro, cunhas contas que ascenden aos 14.240 M€, as cifras máis elevadas da historia, cun peso cada vez maior dos recursos ordinarios e sen novo endebedamento por terceiro ano consecutivo”. Recordou, ademais, a revisión á alza do PIB de catro décimas este ano, ata o 2,5%, o que permitirá encadear seis anos consecutivos de crecemento sostible, seguir creando emprego e rebaixar a taxa de paro ata rozar mínimos históricos.
Os orzamentos de Galicia para 2026 reforzan o gasto social, dan un novo pulo á vivenda pública e priorizan a economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade. Pero ademais, dotan de recursos as novas competencias do litoral, melloran o coidado do territorio con máis recursos e efectivos, aumentan o apoio aos concellos e comezan a preparar o Xacobeo 2027. E fan todo isto compatible cun novo paquete de rebaixas selectivas de impostos para aliviar a carga fiscal da cidadanía galega.
Miguel Corgos concluíu subliñando que, un ano máis, o Goberno galego, comprometido coa estabilidade, presenta o proxecto de Lei de Orzamentos en tempo e forma no Parlamento, para que inicie a súa tramitación co obxectivo de que sexa aprobado antes de final de ano e entre en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2026, achegando certezas a familias e empresas.