Atrás

Miguel Corgos salienta que o orzamento da xunta medra un 37% nos últimos cinco anos e senta as bases do futuro de Galicia

Atrás

Miguel Corgos salienta que o orzamento da xunta medra un 37% nos últimos cinco anos e senta as bases do futuro de Galicia

Imagen Principal
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento
  • Explicou que os orzamentos de 2025 cimentan o futuro da Comunidade, de maneira especial o da xuventude
  • Miguel Corgos destacou que as contas do vindeiro ano ascenden a 13.954M€, as máis altas da historia, un 2,6% superior ás deste ano e, por segundo ano consecutivo, sen recorrer ao endebedamento

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos salientou hoxe que o Orzamento da Xunta medra un 37% nos últimos cinco anos e senta as bases do futuro de Galicia. Fixo esta afirmación durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para explicar o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma e as contas do seu departamento para o vindeiro ano.

En sede parlamentaria subliñou que os orzamentos do vindeiro ano cimentan o futuro da Comunidade, de maneira especial o da xuventude ao consolidar o crecemento económico e impulsar a vivenda como gran prioridade da lexislatura.

Os outros grandes obxectivos para o 2025 son reforzar e modernizar os servizos públicos, financiando o primeiro curso gratuíto desde a gardería á universidade. No que se refire ás empresas, o Goberno galego vai favorecer un tecido industrial produtivo e sostible e reforzar a aposta pola innovación e por reter e captar talento. As novas tecnoloxías estarán moi presentes para promover a transformación dixital cun sector e un ecosistema xa maduros.

Miguel Corgos destacou que se fai unha aposta por unha transición ecolóxica na que a riqueza natural de Galicia reverta na comunidade. E sinalou o apoio a outras administracións (Xustiza, Universidade..), e, en especial, aos concellos como básico para acadar estes obxectivos.

Para isto, a Xunta acaba de elaborar un orzamento que ascende a 13.954 millóns de euros, o máis alto da historia, un 2,6% superior ao deste ano e, por segundo ano consecutivo, sen recorrer ao endebedamento. Para Corgos, o traballo realizado por Galicia durante moito tempo ten permitido blindar a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas, así como equilibralas sen facer ningún axuste e sen afectar ás políticas de gasto e investimentos.

Políticas sociais
O conselleiro de Facenda explicou que os recursos orzamentarios de 2025 recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continuo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para iso se destina unha cifra que alcanza os 10.227 millóns de euros.  

Isto quere dicir que un 74% do Orzamento, tres de cada catro euros, se destinan ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego, cun incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano.

Galicia, fiscalmente competitiva
Miguel Corgos destacou que o modelo tributario galego se caracteriza pola autonomía fiscal, a responsabilidade -que fai compatible a rebaixa da presión fiscal co reforzo dos servizos públicos- e que é sostible, xa que consolida as medidas no tempo, en función da conxuntura económica, o que fai de Galicia un territorio fiscalmente competitivo.

Os colectivos prioritarios para aplicar estes beneficios son as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas e os colectivos vulnerables, ao tempo que se favorece aos sectores estratéxicos da economía.

Así, Galicia é xa a Comunidade con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos. Nas contas de 2025 apróbase unha nova redución deste imposto para que os primeiros 25.000 euros das herdanzas entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras no paguen nada, e para que as herdanzas superiores paguen menos por esta redución. Con esta reforma, dous de cada tres dos herdeiros non tributarán.

O conselleiro de Facenda puxo de manifesto que, para reforzar a aposta da Xunta pola vivenda, tomaranse tamén medidas fiscais, como a bonificación do 75% dos Actos Xurídicos Documentados (AXD) para adquirir, construír e rehabilitar edificios destinados ao aluguer, de xeito que se incentive a oferta de vivendas en alugueiro. Ademais, as persoas que merquen locais comerciais para vivenda beneficiaranse tamén dos tipos reducidos en Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e AXD dos colectivos prioritarios.

Estas dúas medidas reforzan a rebaixa xa en vigor de tipos reducidos para a compra de vivenda para rehabilitación (6% de ITP, chegando ao 4% en zonas pouco poboadas)

As contas de Facenda
Miguel Corgos abordou tamén as contas do seu departamento, e destacou que en materia de persoal, estase chegando á fase final do proceso de estabilización, que concluirá este ano e beneficiará a máis de 5.500 empregados públicos.

Canto aos retos de futuro nesta área, a substitución xeracional preséntase como o máis importante, ao que se lle fará fronte cun Plan Estratéxico de Recursos Humanos para mellorar a transparencia das ofertas de emprego público e dos procesos selectivos, así como para simplificar o sistema de acceso, acurtar a súa duración e adaptar os procesos ás novas habilidades e capacidades requiridas no servizo público.

En materia de Fondos Europeos, o responsable da Facenda autonómica defendeu seguir optimizando a súa xestión para maximizar estes recursos, mentres se segue reclamando unha maior participación das comunidades na xestión destes fondos.

Os Orzamentos 2025 permitirán, ademais, facer un balance do estado de cumprimento do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, o que avala que o Goberno galego traballa con previsións e que segue con rigorosidade a folla de ruta marcada.

Galería de imaxes

Miguel Corgos salienta que o orzamento da xunta medra un 37% nos últimos cinco anos e senta as bases do futuro de Galicia Miguel Corgos salienta que o orzamento da xunta medra un 37% nos últimos cinco anos e senta as bases do futuro de Galicia