O impulso de medidas para avanzar na sostibilidade e competitividade do sector pesqueiro galego mobilizarán máis de 247 millóns de euros nos Orzamentos para 2025
O impulso de medidas para avanzar na sostibilidade e competitividade do sector pesqueiro galego mobilizarán máis de 247 millóns de euros nos Orzamentos para 2025
- As contas da Consellería do Mar son as maiores desde 2010 e acumulan un incremento nos últimos oito anos próximo ao 71%
- O responsable resalta o reforzo á internacionalización dos produtos pesqueiros así como as campañas de promoción do consumo con especial pegada nos escolares que medra nun 75% ata os 20 millóns de euros
- A ciencia sae reforzada cara o vindeiro exercicio con máis recursos para os centros de investigación mariña autonómicos e para os programas que se desenvolven en conxunto coas universidades galegas ata preto de 22 millóns de euros
- As axudas á modernización da frota, con especial incidencia na eficiencia enerxética, na seguridade e habitabilidade abordo dos buques triplícase ata preto de 7 millóns de euros
- O investimento a prol da acuicultura acadan os 18 millóns de euros consolidando o incremento do 65% desde o ano 2023 mantendo o forte compromiso cos investimentos en miticultura e piscicultura
- Os apoios para o desenvolvemento de iniciativas locais participativas a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) se consolidan e supoñen un investimento de máis de 20 millóns de euros
- Os peiraos galegos contarán con 17,7 millóns de euros para a mellora da seguridade, das condicións de traballo dos profesionais así como a modernización e eficiencia das instalacións portuarias
- Alfonso Villares tamén salientou o reforzo do Servizo de Gardacostas, coa mellora dos medios terrestres, marítimos e aéreos, destacando a licitación de dúas novas patrulleiras lixeiras culminando a renovación da frota iniciada no 2018
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024.- O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe no Parlamento que Galicia disporá o ano próximo dos orzamentos máis altos da súa historia sen recorrer a endebedamento por segundo ano consecutivo. Dentro deste gran esforzo orzamentario, as contas da Consellería do Mar en solitario alcanzan en 2025 os preto dos 221 millóns de euros tras medrar case un 3%, unha porcentaxe que, sumada aos incrementos acumulados desde 2016, representa un avance próximo ao 71% e o maior orzamento desde 2010.
O responsable autonómico explicou que estes recursos, sumados aos xestionados polos organismos adscritos de Portos de Galicia e o Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, os fondos destinados aos dous principais eixos de actuación da Consellería do mar, a competitividade e sostibilidade do sector pesqueiro galego, superarán os 247 millóns de euros en 2025. Unha cifra que permitirá reforzar o compromiso da Xunta de co desenvolvemento e potenciación do conxunto da cadea mar-industria.
No novo exercicio terá un especial protagonismo o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), que asigna a Galicia máis de 360 millóns de euros para o seu período de vixencia dos 735 destinados ao conxunto das autonomías. Co obxectivo de sacar o máximo proveito a estes recursos, e superar o 84% de execución do anterior fondo FEMP no 2024, a finais deste ano comezará a estar operativa a nova rede de oficinas que dará servicio a todo o territorio costeiro que asesorará e facilitará os trámites aos representantes do conxunto do sector pesqueiro e transformador para que podan percibir estas axudas, contribuíndo ao desenvolvemento dos seus proxectos.
Reforzo da internacionalización
O titular de Mar explicou durante a súa intervención na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento que coa finalidade de afondar na competitividade deste sector estratéxico para Galicia, vólvese a incrementar os fondos destinados á mellora da comercialización ata os 20 millóns de euros, un 75% máis, con medidas como as campañas de promoción dos produtos pesqueiros e acuícolas, o estudo de patróns e tendencias de consumo así como o fomento da comercialización no marco da calidade e o valor engadido.
Deste xeito, o Goberno galego continúa impulsando a presenza do peixe e marisco galegos nos mercados internacionais o que está posibilitando o rexistro de cifras récord de exportacións que alcanzaron os preto de 2.800 euros no 2023, a maior cifra da serie histórica. Unha liña de traballo que se complementará co impulso do consumo interno con campañas como GALICIA SABE AMAR ou o relanzamento da campaña de promoción dos alimentos mariños nos centros escolares mobilizando en conxunto máis de 2,3 millóns de euros.
Máis ciencia
O conselleiro do Mar puxo en valor o papel da ciencia nun contexto complexo e variante marcado polo Cambio Climático e os seus efectos nos ecosistemas mariños. Así, a Consellería do Mar reforza para o vindeiro ano o labor dos centros de investigacións galegos como o Intecmar, o Cetmar ou o CIMA así como a colaboración coas universidades galegas.
En total son de preto de 22 millóns de euros nos que están incluídos 6,2 millóns de euros destinados a accións vinculadas ao mar dentro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Ademáis, tamén se recollen 2,75 millóns de dedicados a investigación mariña para a recuperación e conservación das zonas produtivas, 1,8 millóns de euros para investigación e cogobernanza do sector acuícola ou 1,37 millóns de euros destinados ao Programa de Ciencias Mariñas. O obxectivo e contar co mellor coñecemento científico dispoñible que permita adaptar as liñas de traballo ás necesidades de cada momento.
Remuda xeracional
Alfonso Villares resaltou que cada euro asignado a partidas relacionadas co coñecemento ten un efecto multiplicador estratéxico constituíndo unha garantía de futuro para o sector. Por ese motivo, a Consellería do Mar incrementa nun 7% o programa de ensinanzas pesqueiras ata chegar a preto de 11,5 millóns de euros. Unha cantidade que é complementada co reforzo dun 30% das axudas para accións formativas das entidades colectivas que alcanza o millón de euros.
Por outra banda, e vinculada á atracción das novas xeracións á actividade pesqueira, o vindeiro ano porase á disposición da frota unha liña de axudas para a modernización, incidindo na eficiencia enerxética así como nas melloras da seguridade e habitabilidade a bordo que, tras triplicarse no pasado exercicio, consolídanse con ao redor de 7 millóns de euros.
Aposta pola sostibilidade
O titular de Mar destacou as axudas á rexeneración que contan cun importe de 2,5 millóns de euros, os apoios á vixilancia dos bancos marisqueiros e ás asistencias técnicas das entidades asociativas con 6,5 millóns de euros así como 1,5 millóns de euros destinados a rexeneración dos bancos marisqueiros e reinstalación. Neste ámbito, salientou o aumento dos fondos destinados á recollida de residuos no mar por parte do sector que medra un 67% ata 1 millón de euros. A estas partidas hai que sumarlle 9 millóns de euros para medidas de paralización da acuicultura, cifra que cuadriplica a de 2024.
Tamén destacou a liña de apoio aos investimentos en materia de acuicultura, cunha gran acollida o pasado exercicio, e que contará con 18 millóns de euros o que supón unha suba desde o ano 2023 do 65%. Trátase dunha liña de alta demanda que permite manter o forte compromiso cos investimentos en miticultura e por primeira vez en anos tamén en piscicultura.
GALP e infraestruturas portuarias
Dentro das grandes apostas para o ano que ven tamén se atopa as axudas ao desenvolvemento de iniciativas locais participativas no marco dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro con máis de 20 millóns de euros. Deste xeito dáse continuidade á boa resposta obtida polo sector no presente exercicio e que consolida o incremento do 67% do ano pasado aos fondos destinados a este ámbito.
O vindeiro tamén se reforzará a infraestrutura portuaria autonómica conformada por 122 xestionados directamente pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia. O compromiso da Xunta para o ano próximo é o de investir 17,7 millóns de euros en áreas como a modernización das instalacións portuarias para que sexan máis eficientes e sostibles, a seguridade, a mellora da condicións de traballo dos profesionais e a dotación e mellora de diques de abrigo e amarres. Destaca por primeira vez unha partida específica de 1,2 millóns de euros para a mellora de infraestruturas náutico-recretativas. Estes fondos comprometen obras con partidas plurianuais que ascenden aos 108 millóns de euros.
Renovación da frota
A Consellería do Mar continúa renovando e mellorando os medios cos que conta o servizo de Gardacostas de Galicia polo que se consolida o incremento do 18% do pasado ano (excluíndo gastos de persoal). Trátase dun investimento de 18,1 millóns de euros que permitirá a renovación dos seus medios aéreos, terrestres e navais destacando a licitación da fabricación de dúas novas patrulleiras lixeiras, a primeira por valor de 1,7 millóns de euros, culminando así a modernización da frota coa que conta o servizo iniciada no 2018.