Atrás

OS ORZAMENTOS DE 2027 PREVÉN A CREACIÓN DE 483 PRAZAS NA SANIDADE PÚBLICA, CUN INVESTIMENTO DE 2.562 M€ EN PERSOAL E A ATENCIÓN A ÁREAS ESTRATÉXICAS COMO A ATENCIÓN PRIMARIA OU A SAÚDE MENTAL

Atrás
27 outubro 2026

OS ORZAMENTOS DE 2027 PREVÉN A CREACIÓN DE 483 PRAZAS NA SANIDADE PÚBLICA, CUN INVESTIMENTO DE 2.562 M€ EN PERSOAL E A ATENCIÓN A ÁREAS ESTRATÉXICAS COMO A ATENCIÓN PRIMARIA OU A SAÚDE MENTAL

Imagen Principal

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, compareceu na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano

  • Aumenta un 6,1 % o investimento en atención primaria, que chega ata os 1.854 M€, e permitirá crear, entre outras, 68 prazas nos centros de saúde e outras 68 para o reforzo dos puntos de atención continuada
  • O orzamento de atención hospitalaria medra o vindeiro ano hasta os 3.814 M€, tendo como prioridade reducir as listas de espera, logo do aumento dos tempos como consecuencia da sucesión de paros médicos contra o Estatuto Marco estatal
  • Dótase preto de 1 M€ para a posta en marcha do Plan galego de atención paliativa e cronicidade complexa en pediatría, que suporá a creación de 10 prazas, 5 de pediatría e 5 de profesionais de enfermería
  • A atención á saúde mental refórzase con máis de 28 M€ e a creación de 101 das prazas previstas no Plan estratéxico 2026-2030, 8 delas para aumentar a rede de psicoloxía clínica en atención primaria, que chegará aos 36 profesionais
  • Os programas de cribado incrementan a partida ata os 4,4 millóns de euros, facendo posible que Galicia sexa a primeira comunidade en contar cun programa de cribado poboacional universal de diabetes tipo 1 para a poboación pediátrica
  • Tamén se porá en marcha un cribado oportunista de VIH e o cribado de infeccións de transmisións sexual mediante autotoma domiciliaria
  • Crearanse 7 prazas de farmacéuticos de atención hospitalaria co fin de poñer en marcha a entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios no domicilio dos pacientes
  • Elévase a máximos históricos o investimento en formación sanitaria especializada, con 112,8 M€, e increméntase ata os 83,2 M€ os orzamentos en investigación sanitaria
  • Poténciase, con 39 M€, a transformación dixital e o emprego da intelixencia artificial para reducir burocracia e apoiar diagnósticos e decisións clínicas
  • O gasto en farmacia elévase ata os 1.735,6 M€ para poder incorporar as innovacións terapéuticas e afrontar o gasto en receita, cun gasto adicional de 20 M€ derivado do novo copago farmacéutico aprobado polo Ministerio de Sanidade

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano prevén a creación de 483 prazas na sanidade pública, cun investimento de 2.562 M€ en persoal, o que supón un incremento do 7,5 %, e a atención a áreas estratéxicas como a atención primaria ou a saúde mental.

Na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para presentar os orzamentos do seu departamento para 2027, o conselleiro detallou que, desas 483 prazas de nova creación, 68 irán nos centros de saúde e outras 68 se destinarán ao reforzo dos PAC, no marco do Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030 que se vén de aprobar; 101 no marco do Plan estratéxico de saúde mental, incluíndo as 8 novas da rede de psicoloxía clínica en atención primaria; 40 na área sanitaria de Vigo para asumir a crecente demanda asistencial; 14 no marco do Plan estratéxico de reprodución humana asistida; 10 para a posta en marcha do Plan galego de atención paliativa e cronicidade complexa en pediatría; 7 de farmacéuticos de atención hospitalaria; outras 7 para o programa de cribado de cancro de mama; e 2 no marco da Estratexia galega de oncoloxía de precisión.

Catro liñas estratéxicas en 2027
Segundo referiu Gómez Caamaño, os obxectivos do seu departamento para 2027 centraranse en catro liñas estratéxicas: a atención primaria, a atención hospitalaria, a saúde mental e a saúde pública, tendo en conta como liña transversal de acción a atención ao envellecemento e a cronicidade da poboación galega, e a indubidable aposta polos recursos humanos. 

O titular de Sanidade puxo en valor que as contas da Consellería de Sanidade son as maiores da historia da autonomía, acadando os 6.032 M€, cunha suba do 6,35 % respecto ás deste ano.

O capítulo de investimentos reais, que engloba as partidas para a execución das grandes infraestruturas e equipamentos sanitarios, medra case un 4 % e acada os 465,7 M€. En concreto, Sanidade destinará 283,6 M€ a obras nos complexos hospitalarios e á mellora dos centros de saúde, así como a equipamento médico, o que supón case 7 M€ máis que neste ano.

Para a atención hospitalaria, a Xunta destina 3.814 M€, cunha suba do 6 %, mentres que a atención primaria terá un maior incremento porcentual, do 6,1 %, e subirá preto de 107 M€, acadando os 1.854 M €. Esta cifra representa o maior orzamento da historia neste nivel asistencial.

Outro dato destacado polo conselleiro é o crédito orzamentario que se destina a farmacia, 1.735,6 M€, cun incremento de 122 M€. Este investimento permitirá o financiamento das innovacións terapéuticas para os pacientes, así como asumir o gasto adicional en receita derivado do copago farmacéutico aprobado polo Ministerio de Sanidade, que suporá un gasto adicional de 20 M€.
O apartado de formación dos especialistas sanitarios tamén seguirá a medrar un ano máis, situándose nos 112,8 M€, o que supón 18,6 máis que en 2026.

Igualmente importante é o crecemento no investimento destinado a investigación sanitaria, que en 2027 acadará os 83,2 M€, tendo en conta o orzamento das tres fundacións de investigación sanitaria, integradas no sector público. 

Reforzo da atención primaria
Especial fincapé fixo o conselleiro no capítulo de persoal de atención primaria, que sube 54,5 M€, cun aumento considerable do 8,3 % e acadando os preto de 712 M€. 

Isto permitirá crear 136 prazas o vindeiro ano no marco do Plan de reforma da atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030, recentemente aprobado, das que 39 son de médico, 26 de enfermería para PAC, 21 técnicos en saúde, 8 psicólogos clínicos, 7 enfermeiros especialistas, 7 fisioterapeutas e 14 de podólogos.

Este plan creará no seu período de vixencia, 2026-2030, un total de 644 prazas de profesionais en 16 categorías, impulsando os equipos multidisciplinares.

Así, para impulsar de xeito decidido a fisioterapia, o conselleiro anunciou o nomeamento dun coordinador por área sanitaria. Ademais, deu conta dunha partida de 210.000 euros para impulsar os plans locais de saúde.

O vindeiro ano será tamén o do inicio da nova Estratexia galega de saúde comunitaria e o Programa galego de prevención da fraxilidade, para afondar na mellor atención á poboación maior.

En 2027 concluirá o programa piloto que se está a desenvolver na área sanitaria de Ferrol dentro do Plan galego de atención ao paciente maior crónico complexo e/ou avanzado, que senta as bases do novo modelo asistencial, máis próximo, para dar resposta ás necesidades de determinados doentes a través de unidades multidisciplinares de atención primaria.

Sanidade mobilizará 6,3 M€ para a dotación e renovación de equipamento clínico dos centros de saúde e, para a construción de infraestruturas neste nivel asistencial, achegaranse 65,4 M€, que permitirán, entre outras actuacións, finalizar os novos centros de saúde de Vilagarcía de Arousa, Santa Lucía na Coruña, A Milagrosa en Lugo. Ademais, continuarán as obras en marcha en Muíños ou Boborás.

Do mesmo xeito, impulsaranse as obras nos centros de Noia, Sanxenxo, Becerreá, Antas de Ulla, Mos ou Ponteareas, e os proxectos dos centros de saúde de Teo, Pantón, Ribadeo, San Xoán de Ferrol, Sagrado Corazón de Lugo ou Soutomaior.

Xunto ao anterior, tamén se impulsarán os proxectos dos Centros Integrais de Saúde de Carballo, O Carballiño ou Ourense, e o do Morrazo, en Cangas, se o Concello pon á disposición os terreos, ademais de colaborar cos concellos nas reformas dos centros municipais de Vedra, Vilanova de Arousa, A Lama, Boqueixón ou Portosín, en Porto do Son.

Atención hospitalaria
Ao capítulo de gasto de persoal dos hospitais, a Xunta destinará 1.721 M€, o que supón 105 M€ máis e un aumento do 6,5 %. Este nivel asistencial recibirá, no seu conxunto o vindeiro ano, 3.814 M€, un 6 % máis que neste exercicio. 

Neste apartado, o conselleiro sinalou a prioridade de reducir as listas de espera, logo do aumento dos tempos como consecuencia dos paros médicos contra o Estatuto Marco estatal. A tal efecto, explicou que o seu departamento está a reorganizar as axendas e a reprogramar a atención cancelada.

Ademais, o Sergas reforzará os recursos humanos dos hospitais, o que se traducirá na consolidación de prazas nas sete áreas sanitarias, entre elas, para o Novo Hospital de Montecelo, que iniciará a súa actividade con Radioterapia; ou 40 prazas no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, para asumir o incremento da demanda. 

Gómez Caamaño tamén anunciou que as contas recollen unha partida de 1 M€ para a posta en marcha do novo Plan galego de atención paliativa e cronicidade complexa en pediatría, que establece a creación dun dispositivo específico de atención intensiva para nenos e adolescentes con enfermidades crónicas complexas que limitan ou ameazan a súa vida. Para o desenvolvemento desta nova medida, a Xunta creará 10 prazas, das que cinco serán de pediatras e cinco de persoal de enfermería.

As contas do vindeiro ano recollen unha dotación de 800.000 euros para a fabricación de novos medicamentos desenvolvidos en Galicia, co obxectivo de que anualmente 30 pacientes poidan acceder a terapias innovadoras.

No vindeiro ano, a Xunta investirá 8,9 M€ no Centro de Protonterapia coa dotación de novo equipamento e impulsará o Plan galego de reprodución asistida destinando 652.000 euros para dotar de 14 novas prazas asociadas a este plan.

Tamén se reservan 7,2 M€ en 2027 para o novo transporte urxente aéreo, que terá como novidade o servizo nocturno. Nesta liña de mellora da atención urxente, o 061 incrementará o orzamento en 24 M€ para a licitación dos novos contratos de transporte terrestre urxente. 

Galicia aspira a seguir sendo líder en doazón e transplantes. Para iso, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos adquirirá unha nova unidade móbil de doazón de sangue, que se sumará ás 13 coas que xa conta. Tamén renovará a área de frío e o laboratorio de criobioloxía, que ademais de Galicia presta servizo a Asturias e a Castela e León. 

O apartado da farmacia hospitalaria incrementa a partida a 753,2 M€, case 69 M€ máis que en 2026. Neste eido tamén se crearán sete prazas de farmacéuticos neste nivel asistencial, co fin de desenvolver o decreto que regula a entrega informada de medicamentos no domicilio dos pacientes, unha vez sexa aprobado.

Renovación de infraestruturas hospitalarias e atención á saúde mental
No que respecta ás grandes obras hospitalarias, en 2027 destinaranse 283,6 M€, tendo en conta a renovación das infraestruturas hospitalarias e o seu equipamento, o que supón 7 M€ máis que no exercicio actual.  

Dese total, en canto ás obras, 11 M€ irán para o Novo Hospital Público Montecelo; 54,1 para avanzar no novo Hospital Universitario da Coruña; 17,1 para rematar a fase 1 do plan director e avanzar no proxecto e inicio das obras da fase previa final do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e 24,3 M€ para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense co propósito de finalizar o edificio de 12 plantas e avanzar na seguinte fase.

Para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela destinaranse 4,58 M€ en 2027, que permitirán avanzar na mellora dos accesos, na ampliación dos estacionamentos e na reformulación do edifico A para o crecemento das urxencias.

Coa fin de ampliar a área de urxencias do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, a Xunta destinará 1,6 M€ e outros 2 M€ máis para as obras da área de maxilofacial e de reprodución humana asistida no Meixoeiro.

Polo que atinxe aos hospitais comarcais, 12,3 M€ destinaranse ao Plan director do Hospital da Mariña; 800.000 € para o Plan director do Hospital de Monforte de Lemos; 1,1 para o Hospital de día oncohematolóxico de Barbanza; e 1,3 para mellorar o Hospital de Verín. Tamén haberá melloras de  mellora da eficiencia enerxética por valor de 3 M€ no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela e o Hospital de Barbanza.

Co propósito de mellorar o equipamento médico e a alta tecnoloxía hospitalaria, a Xunta investirá 75,1 M€, o que supón un incremento de preto do 60 %. Este crédito permitirá levar a cabo a última fase de equipamento de Montecelo; do Centro de Protonterapia de Galicia; e equipamento electromédico e mobiliario para os hospitais de Ferrol e de Ourense.

Eses máis de 75 M€ tamén permitirán a dixitalización dos servizos de anatomía patolóxica e a renovación de alta tecnoloxía hospitalaria entre a que está: unha resonancia para A Coruña; o novo PET-TC para Santiago de Compostela; o equipo de radioloxía vascular de Montecelo; equipos de cardioloxía intervencionista en Santiago e na Coruña; así como mamógrafos para o CHUAC, o Meixoeiro e para os hospitais comarcais de Verín e de Cee. 

Aposta pola atención á saúde mental 
Co obxectivo de promover a saúde mental e previr o suicidio, as contas do vindeiro ano reservan 28 M€ para a atención á saúde mental. Neste senso, o novo Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030, recentemente aprobado pola Xunta, recolle medidas novidosas como a ampliación progresiva da atención infanto-xuvenil ata os 18 anos ou a prestación de servizos de hospitalización a domicilio.

Os orzamentos de 2027 destinan 5 M€ para a creación das primeiras 101 prazas das 357 previstas no Plan, entre elas, 8 novas de psicólogos clínicos para a rede de atención primaria que se sumarán ás 28 existentes, polo que a rede de psicoloxía clínica de primaria acadará o vindeiro ano os 36 profesionais.

A Xunta tamén investirá 1 M€ no Programa YAM de prevención do suicidio na adolescencia, ata chegar polo menos ao 80 % dos centros educativos en 2030. Así mesmo, destinará 8 M€ á integración laboral das persoas con trastorno mental.

Xunto ao anterior, 4,8 M€ irán para o mantemento e creación de novas prazas en pisos protexidos e unidades residenciais; 8,4 aos convenios con entidades para a atención a trastornos aditivos, que incrementan a súa contía; ou 1,2 M€ a subvencións de programas sociosanitarios de saúde mental das entidades do terceiro sector. 

Resérvanse, ademais, partidas para a mellora e dotación de infraestruturas no eido da saúde mental, 405.000 € para a dotación do hospital de día de adultos e infanto-xuvenil da área sanitaria de Pontevedra e 245.000 para a unidade infanto-xuvenil do Nicolás Peña de Vigo. 

Galicia, referente en materia de saúde pública
A Dirección Xeral de Saúde Pública contará o vindeiro ano con 74,4 M€, que son 13,5 millóns máis que o pasado ano, para seguir sendo un referente en todo o Estado. A principal novidade será a posta en marcha dun novo programa de cribado universal da diabetes tipo 1 dirixido á poboación infantil, sendo a comunidade galega a primeira en poñelo en marcha. A tal fin, a Xunta destinará un investimento de máis de 1 M€. 

O vindeiro ano tamén será o do inicio da ampliación progresiva do cribado de cancro de mama ás mulleres de 45 anos co obxectivo de que, no 2031, todas as galegas de entre 45 e 74 participen nel. Ademais, ampliarase o cribado de cancro de cérvix para empezar aos 25 anos, e aos 30, para aquelas que estean correctamente inmunizadas. 

En 2027, Sanidade estenderá o cribado oportunista do VIH ao conxunto de Galicia e impulsará unha das principais novidades do Plan Sexsan 2026-2030: a autotoma domiciliaria como método para detectar infeccións de transmisión sexual. Esta medida irá dirixida principalmente a persoas de entre 25 e 34 anos. Tras unha experiencia piloto na área sanitaria de Vigo, a previsión é avanzar en 2027 na súa extensión ao resto das áreas sanitarias. 

A vacinación seguirá a ser un dos grandes piares das políticas sanitarias de Galicia: en 2027 destinaranse case 60 M€, un 24 % máis, a consolidar o calendario de inmunización ao longo de toda a vida, o máis completo do Estado. 

No eido da saúde alimentaria, e tendo en conta a celebración do Xacobeo 2027, impulsarase a campaña Galicia acolle, Galicia coida, para reforzar a prevención e a sensibilización en saúde ambiental e seguridade alimentaria ao longo do Camiño de Santiago. 

Todo isto, tendo en conta un marco normativo actualizado: en 2027 está previsto aprobar o proxecto de Lei de saúde pública de Galicia.  

Outro ámbito estratéxico na detección precoz será o proxecto Xenoma Galicia, cun investimento superior aos 14,4 M€ e a previsión de realizar 14.000 novos estudos xenéticos orientados á identificación temperá do risco de cancro e outras enfermidades.

Igualmente destacou o conselleiro na súa intervención no Pazo do Hórreo o eido das novas tecnoloxías, unha materia á que se destinarán 39 M€, e co fito da aprobación, en 2027, da primeira Lei para o impulso e consolidación da transformación dixital do Sistema Público de Saúde e do Plan Estratéxico de saúde dixital e transformación intelixente 2027-2030. Iso permitirá avanzar na incorporación da intelixencia artificial no eido sanitario co fin de reducir a burocracia e de apoiar diagnósticos e decisións clínicas.

O titular de Sanidade tamén se referiu ao propósito de consolidar o liderado internacional en sostibilidade e medicina verde do Servizo Galego de Saúde, logo de ser recoñecido como campión do cambio climático europeo.

Galería de imaxes

OS ORZAMENTOS DE 2027 PREVÉN A CREACIÓN DE 483 PRAZAS NA SANIDADE PÚBLICA, CUN INVESTIMENTO DE 2.562 M€ EN PERSOAL E A ATENCIÓN A ÁREAS ESTRATÉXICAS COMO A ATENCIÓN PRIMARIA OU A SAÚDE MENTAL OS ORZAMENTOS DE 2027 PREVÉN A CREACIÓN DE 483 PRAZAS NA SANIDADE PÚBLICA, CUN INVESTIMENTO DE 2.562 M€ EN PERSOAL E A ATENCIÓN A ÁREAS ESTRATÉXICAS COMO A ATENCIÓN PRIMARIA OU A SAÚDE MENTAL