Atrás

Os orzamentos de Medio Ambiente soben un 10%, o maior incremento de toda a Xunta, cos grandes retos de asumir o autogoberno pleno do litoral e impulsar os primeiros pulmóns verdes urbanos

Atrás

Os orzamentos de Medio Ambiente soben un 10%, o maior incremento de toda a Xunta, cos grandes retos de asumir o autogoberno pleno do litoral e impulsar os primeiros pulmóns verdes urbanos

Imagen Principal
  • No marco da Estratexia de Infraestrutura Verde habilítase unha partida de 3 M€ para proxectos de renaturalización de espazos degradados, sobre todo nas cidades
  • Ángeles Vázquez sinala que é un ano clave para a xestión da costa e tamén en materia de clima, coa previsible aprobación da norma que lle dará rango legal ao compromiso de lograr a neutralidade climática no horizonte do ano 2040
  • Créase a marca Galicia Refuxio Climático e haberá 5 M€ para mellorar a xestión dos riscos derivados do cambio climático e concienciar á cidadanía a través dun novo programa formativo para a mocidade e do Observatorio de saúde e clima
  • Augas de Galicia porá en marcha un Plan integrado de saneamento das rías, cun investimento de 70 M€ só en 2025, e creará unha Escola da Auga para a profesionalización dos técnicos municipais
  • O Executivo galego prepara a candidatura para crear a oitava reserva da biosfera de Galicia, coa que a metade do territorio galego estaría protexido
  • A Xunta triplica a partida de axudas para a protección dos animais de compañía, avanza de cara á construción do primeiro centro de titularidade autonómica para a recollida de animais abandonados e impulsará parques caninos nas cidades galegas

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024.- As contas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático subirán un 10,3% o próximo ano, o maior crecemento de todos os departamentos da Xunta e un dato que reflicte a firme aposta do Goberno autonómico por darlle un pulo definitivo á Galicia verde e azul a través de políticas, novidades normativas e investimentos destinados a garantir o seu coidado e protección.
Durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para presentar os seus sétimos orzamentos ao fronte desta área, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, cifrou en case 490 millóns de euros —sumando as partidas da secretaría xeral e de todas as direccións xerais, organismos públicos e sociedades dependentes do seu departamento— os fondos dos que disporá para levar a cabo esta folla de ruta, na que destacou, en especial, dous grandes fitos.

Por un lado, 2025 será un ano clave para que Galicia asuma o autogoberno pleno sobre a súa franxa costeira, xa que a Xunta impulsará o desenvolvemento e aplicación efectiva da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, unha vez recibido o aval do Constitucional e iniciada a negociación dos traspasos pendentes. Case 0,5 millóns destinaranse a empezar a asumir esa xestión e a crear os órganos de consulta e os instrumentos de planificación neste eido, como as Directrices de ordenación do litoral.

Por outro lado, tras a recente aprobación da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, será tamén o momento de apoiar a creación de espazos máis amables para vivir, integrados coa contorna e resistentes aos efectos do cambio climático. Con tal fin, a Consellería reservará 3 M€ ao impulso e inicio dos primeiros pulmóns verdes nas cidades, que renaturalizarán as paisaxes urbanas apostando por elementos naturais que contrarresten a presenza e o peso da infraestrutura gris.

Será unha planificación “única en España”, subliñou a conselleira, que cifrou en máis de 1 millón de hectáreas a superficie da rede que se busca conformar para conectar de forma continua os espazos e zonas de maior valor ambiental e paisaxístico, un esforzo co que se pretende mellorar a calidade de vida dos galegos e consolidar a comunidade como un lugar atractivo para visitar e resiliente ante o cambio climático e os seus efectos.

De feito, 2025 será tamén un ano clave en materia de clima e para reforzar que a comunidade siga á vangarda na loita contra o quecemento global. Ademais de prever a aprobación da Lei do clima —que lle dará rango legal ao compromiso de acadar no horizonte de 2040 a neutralidade entre os gases contaminantes emitidos e os que o territorio é capaz de absorber—, Ángeles Vázquez explicou que se está a ultimar a creación da marca Galicia Refuxio Climático para que o territorio sexa identificado como un espazo seguro e resiliente ante os riscos derivados deste fenómeno.

Para consolidar a comunidade como ese gran refuxio climático internacional, a Consellería reservará 9,4 M€ para realizar diferentes tipos de investimentos neste eido. Esta cifra triplica o esforzo investidor dedicado a este capítulo en 2024 e entre outras medidas, destinaranse 5 M€ a mellorar a xestión dos riscos fronte ao cambio climático e a concienciar e informar á cidadanía sobre o problema para facela partícipe da solución.

En concreto, porase en marcha un programa de formación e sensibilización dirixido á mocidade e apoiarase o novo Observatorio de saúde e clima, para recompilar datos sobre a incidencia que ten o cambio climático nas persoas e no seu benestar.

Como explicou a conselleira, para avanzar cara ao obxectivo da neutralidade climática é imprescindible a implicación do tecido empresarial. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático (cun orzamento total de 18,36 M€) reservará 1,9 M€ a apoiar economicamente ás empresas e entidades da Alianza galega polo clima para poñer en marcha proxectos colaborativos neste eido e ademais, impulsará unha iniciativa para concienciar á opinión pública sobre a importancia das enerxías verdes e o seu impacto positivo para Galicia.

Con tal fin crearase unha imaxe facilmente recoñecible que axude a identificar aquelas melloras e obras no medio natural financiadas nos concellos con cargo ao canon eólico e que se reparten a través do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. Neste sentido, a conselleira lamentou a situación de bloqueo que afecta ao sector eólico en Galicia desde hai máis dun ano, con ducias de autorizacións de novos proxectos paralizadas e que condiciona o cumprimento dos obxectivos fixados pola UE en materia de descarbonización, garantía de abastecemento e loita contra o cambio climático.

Precisamente neste contexto a Consellería ten intención de remitir ao Parlamento o ano que vén para a súa aprobación a Lei de administración ambiental simplificada, cuxa filosofía, lembrou Ángeles Vázquez, recibiu recentemente o aval de varios membros da Comisión Europea xa que aspira a reforzar a seguridade xurídica tanto dos promotores como das administracións e axilizará, sempre con plenas garantías, a tramitación de novos proxectos enerxéticos e industriais.

Xestión da auga
Outro recurso fundamental para Galicia é a auga, no que a Xunta fará un esforzo adicional en 2025 para mellorar a súa xestión. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

De feito, Ángeles Vázquez anunciou que o Executivo galego porá en marcha o vindeiro ano o Plan integrado para o saneamento das rías cun investimento de 70 M€ só en 2025 e actuacións en zonas como Baiona, Pontevedra, Arousa, A Costa da Morte, Ferrol e Burela. O plan, que chegará tamén a 2026, conta cun orzamento total de 170 M€.

Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas chegará tamén aos núcleos rurais, con investimentos en 2025 de 13 M€ para dotar distintas áreas das catro provincias galegas de servizos de saneamento e abastecemento equivalentes aos dos grandes concellos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como buscando solucións innovadoras coas que atender as necesidades dos pequenos núcleos de poboación ou zonas dispersas.

Precisamente, na busca de avances na xestión das masas de auga, a conselleira explicou que Augas de Galicia impulsará a colaboración cos concellos para a mellora das contornas fluviais cun orzamento de 1 M€. Unha medida para poñer en valor os ríos e poñer á disposición da cidadanía áreas de lecer en liña coa estratexia verde. Ao mesmo tempo, crearase unha Escola da Auga, cun orzamento de 100.000 euros para a formación de arredor da metade dos técnicos e persoal municipal dedicado á xestión da auga (uns 350 profesionais), e outorgaranse incentivos e beneficios fiscais aos concellos.

Espazos naturais
Nesa aposta por unha Galicia máis azul, pero tamén máis verde, a comunidade busca avanzar no coidado e impulso da súa riqueza ambiental e na protección do territorio, para o que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural conta cun orzamento de preto de 50 M€. De feito, se na actualidade o 42% da superficie galega conta con algunha figura de protección, a Xunta aspira a acadar o 50% coa presentación en 2025 da candidatura da oitava reserva de biosfera da comunidade.

Esta proposta terá como núcleo central o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia -aínda que estenderá a súa área de influencia desde Porto do Son ata Baiona- e, de recibir ese recoñecemento, fará que este espazo natural acade a súa sétima figura de protección a nivel internacional.

A maiores, a comunidade seguirá promovendo medidas de conservación e protección dos seus espazos protexidos con accións innovadoras como o intercambio de traballadores dos seis parques naturais de Galicia cos do parque nacional, co fin de que adquiran novos coñecementos e aproveiten sinerxías.

Nesta liña, impulsaranse novas iniciativas de conservación de espazos naturais por importe de preto de 1,8 M€ para a restauración de terreos degradados, a mellora de hábitats, a eliminación de especies exóticas invasoras e a restauración de zonas húmidas ao tempo que se executará a segunda anualidade das axudas aprobadas este ano para parques naturais, Rede Natura 2000 e Reservas de Biosfera, que supoñen un investimento de 3,1 M€.

En canto á protección da fauna, Ángeles Vázquez destacou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural triplicará as axudas a concellos, entidades protectoras e particulares para a protección dos animais de compañía -con preto de 1,4 M€-, iniciará os trámites para construír o primeiro centro de titularidade autonómica de recollida de animais de compañía abandonados e promoverá a creación de parques caninos nas sete cidades galegas, unha iniciativa na que xa mostrou interese o Concello de Ferrol.

Mentres, en canto á fauna silvestre, a Xunta elevará un 45% as axudas para compensar os danos causados por especies como o lobo, o oso e o xabaril, chegando aos 3 M€. A eles súmanse outros 2,5 M€ para medidas de prevención deses ataques, reforzando así o compromiso co sector agrogandeiro galego.

No caso dos danos polos ataques do lobo, a conselleira lembrou que o Goberno central acordou finalmente transferir os fondos para 2024 (4 M€), o que lexitima a reclamación autonómica dos fondos pendentes de 2022 e 2023, que suman 8 M€, ao tempo que lamentou a improvisación do Executivo central fronte á planificación e sensibilidade da Xunta cara ao sector agrario.

Nesta aposta pola preservación do patrimonio natural galego, Ángeles Vázquez fixo tamén fincapé na necesidade de seguir a protexer a paisaxe como sinal de identidade da comunidade. Nesa liña, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) manterá a súa aposta polo fermosismo e destinará 2 M€ a unha nova convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.

Nese senso, a conselleira puxo en valor que esta iniciativa está a ter unha grande acollida entre a cidadanía. De feito, desde a súa posta en marcha, no ano 2021, apoiou con 9,5 M€ a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles. De cara ao futuro, o obxectivo é chegar ao longo desta lexislatura a uns 4.000 particulares e apoiar o desenvolvemento de 500 actuacións de fermosismo promovidas polos concellos, o que suporía “o dobre do feito ata o de agora”, engadiu Ángeles Vázquez.

Ademais da protección da riqueza paisaxística, o compromiso do Goberno galego coa consolidación dunha comunidade verde e sostible inclúe a aposta por unha xestión eficaz e eficiente dos residuos que contribúa a avanzar cara a unha economía circular.

Así, o vindeiro ano a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade contará cun orzamento de 52,68 M€, un 22% máis que en 2024, do que preto dunha cuarta parte se destinará a apoiar aos concellos no cumprimento dos obxectivos en materia de residuos establecidos pola Unión Europea. Deste xeito, as entidades locais disporán de 12 M€ en varias liñas de axudas para a recollida separada de biorresiduos, aceites e téxtiles -9,2 M€- así como para a mellora de instalacións de recollida separada de refugallos municipais como, por exemplo, puntos limpos -2,8M€-.

Por outra banda, outros 3 M€ dirixiranse a apoiar proxectos para a construción de instalacións de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles domésticos recollidos de xeito selectivo. E, a maiores, en 2025 entrarase nunha nova fase nese eido impulsando a creación dun hub téxtil que comezará coa construción, nas instalacións de Sogama, en Cerceda, da primeira planta pública de clasificación deste tipo de refugallos da comunidade, que contará cun orzamento de 10,2 M€.

Nesta materia, ademais do apoio económico, tamén se apostará polo asesoramento. Segundo explicou Ángeles Vázquez, quintuplicarase o orzamento destinado ás oficinas de economía circular para guiar ás entidades locais e á industria en xeral no cumprimento efectivo dos plans de xestión de residuos municipais e industriais que o Goberno galego aprobou este ano 2024.

E, co obxectivo de reforzar o control e gañar en eficiencia, realizarase un importante investimento en dixitalización. En 2025 destinaranse 1,4 M€ a incorporar novas ferramentas tecnolóxicas tanto ao funcionamento das plantas de tratamento de residuos como á tramitación administrativa. Neste senso, a conselleira subliñou que o vindeiro ano Sogama completará a Rede galega de infraestruturas para a xestión dos biorresiduos, que está integrada por 17 plantas repartidas por toda Galicia.

Deste xeito, tal e como subliñou a representante autonómica, o orzamento da Dirección Xeral, sumado ao presuposto de Sogama -152,48 M€-, permitirá que Galicia avance na transición cara a unha economía descarbonizada.

Presuposto xeral
Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático enmárcanse nunhas contas da Xunta para 2025 que son as máis altas da historia, con 13.954 M€, preto dun 3% máis ca este ano co obxectivo de crear máis benestar, prosperidade e futuro. Estes fondos permitirán impulsar a oferta de vivenda, sentar as bases da Galicia futura con máis innovación, reforzar os servizos públicos e apostar polos sectores produtivos e a transición verde.

De feito, tres de cada catro euros do presuposto destínanse a gasto social -que supera a barreira dos 10.000 millóns-, triplícanse os orzamentos destinados á construción de vivenda pública e compra de solo residencial, refórzase o apoio aos concellos -ata os 641 millóns de euros- e impúlsanse as rebaixas fiscais dando continuidade ás medidas adoptadas en exercicios anteriores.