Atrás

A Xunta aproba os Orzamentos máis altos da súa historia con máis de 8.500 millóns destinados a gasto social e o maior investimento produtivo para reactivar Galicia

Atrás

A Xunta aproba os Orzamentos máis altos da súa historia con máis de 8.500 millóns destinados a gasto social e o maior investimento produtivo para reactivar Galicia

  • As contas do vindeiro ano medran un 14% e ascenden a 11.563 millóns de euros
  • O gasto en xuros de débeda sitúase por debaixo dos 100 millóns, o máis baixo desde hai 25 anos
  • A Xunta non subirá impostos nin ás familias nin ás empresas e consolida as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos 
  • Conxélanse as retribucións do Executivo galego e aplicarase a suba salarial acordada do 0,9% para todos os empregados públicos 
  • Inclúense 2.592 millóns de euros para investimento produtivo, un 53,3% máis que neste exercicio 
  • Como novidade, o Orzamento do ano que vén contará con catro novos instrumentos para loitar contra a pandemia, reactivar a economía e o emprego e financiar as infraestruturas sanitarias
  • Créase o Fondo Consenso cunha dotación do 1% do gasto non financeiro para financiar os proxectos de investimento que se acaden na Comisión de reactivación, no marco do Diálogo Social e polo Comité de Expertos Económicos

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2020.- O Consello da Xunta deu luz verde hoxe ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2021, os presupostos máis altos da historia de Galicia con máis de 8.500 millóns de euros destinados a gasto social e o maior investimento público produtivo para reactivar Galicia.

Os Orzamentos do vindeiro exercicio medran un 14% e ascenden a 11.563 millóns que permitirán seguir combatendo a pandemia e impulsar a economía. Ademais, o gasto en xuros de débeda sitúase por debaixo dos 100 millóns de euros, o máis baixo desde hai 25 anos para poder gastar máis nas prioridades dos cidadáns.

En materia de política fiscal, a Xunta non subirá os impostos nin ás familias nin ás empresas no 2021 e consolidará as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Deste xeito, o vindeiro ano, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de impostos aprobadas polo Goberno galego desde 2016. Ademais, os Orzamentos do ano que vén conxelan as retribucións do Goberno galego e aplicarán a suba do 0,9% para todos os empregados públicos.

Reforzo extraordinario do gasto social e dos investimentos
Este Orzamento excepcional reforza de maneira moi importante o gasto social (sanidade, educación e políticas sociais) e as políticas emprego. Así, estas contas de 2021 inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.540 millóns de euros, 864 millóns máis que no vixente exercicio. Refórzase a sanidade con 475 millóns, a educación con 166, as políticas sociais con 126 millóns de euros e o emprego con 97 millóns de euros.

Ademais, o proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta tamén inclúe o maior investimento produtivo da historia, que medra un 53,3% con respecto a este ano e acada a cifra récord de 2.592 millóns de euros para impulsar a reactivación económica. 

Novos instrumentos
A principal novidade dos Orzamentos de 2021 é que Galicia disporá de catro novos fondos que lle permitirán contar á súa vez con novos instrumentos para acometer os retos aos que se ten que afrontar a comunidade galega. Estes novos instrumentos son o Fondo Covid, o Fondo REACT, o Fondo Consenso e o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias.

O Fondo Covid está dotado con 503 millóns de euros destinados a seguir combatendo a pandemia. Destes 503 millóns, destacan 267 millóns para Sanidade, 92 para educación, 80 para política social e 13 millóns para o turismo para reforzar a súa reactivación e lograr o mellor Xacobeo 2021 posible. Ademais, faise unha reserva estratéxica de 33 millóns de euros que permita contar con recursos para reforzar calquera necesidade derivada da evolución da pandemia ou que poida xurdir no futuro. 

O fondo REACT-EU cun importe de 430 millóns está destinado a impulsar a reactivación económica e o emprego. Este instrumento dispón de cinco liñas de actuación a dous anos: emprego e igualdade, reforzo do sistema sanitario desde o punto de vista económico, transición dixital, dinamización económica e transición verde.

Ademais, como novidade, créase por primeira vez o Fondo Consenso cunha dotación do 1% do gasto non financeiro dos Orzamentos (115 millóns de euros) que terá a finalidade de financiar os proxectos de investimento acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación económica, no marco do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de Expertos Económicos de Galicia. Dos 115 millóns, 43 están incluídos no REACT-EU e 72 millóns son de fondos propios. 

Finalmente, o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias, de carácter plurianual estará dotado con 105 millóns de euros no ano 2021 para financiar durante toda a lexislatura a construción e reforma de infraestruturas sanitarias.

En definitiva, son uns presupostos excepcionais para un momento excepcional e que permitirán atender tres prioridades: combater as necesidades da pandemia con maiores recursos e cunha reserva estratéxica para as posibles necesidades que vaian xurdindo, reactivar Galicia co maior impulso posible para dinamizar e reactivar todos os sectores económicos e recuperar a actividade perdida canto antes; e atender as necesidades das familias e das empresas. #galicia_reactívase

Galería de imaxes

A Xunta aproba os Orzamentos máis altos da súa historia con máis de 8.500 millóns destinados a gasto social e o maior investimento produtivo para reactivar Galicia