Atrás

Medio Ambiente disporá o próximo ano de 373 millóns, o seu maior orzamento desde 2016, para impulsar a recuperación empresarial, o acceso á vivenda e a xestión moderna e eficaz dos residuos

Atrás

Medio Ambiente disporá o próximo ano de 373 millóns, o seu maior orzamento desde 2016, para impulsar a recuperación empresarial, o acceso á vivenda e a xestión moderna e eficaz dos residuos

  • O orzamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda crece un 14%
  • Nun contexto marcado pola Covid-19, as políticas en materia residencial e de solo industrial suman 130,7 millóns, destacando as partidas para rehabilitación e nova construción de vivendas, as axudas para compra ou alugueiro, os incentivos para adquisición de parcelas e o desenvolvemento de solo en áreas empresariais
  • Avánzase na consolidación dun modelo de tratamento de residuos punteiro cun investimento de 5 millóns para mellorar a eficiencia e a capacidade das plantas de transferencia de Sogama e 1,4 millóns para tratar residuos sanitarios en Cerceda
  • As tres novas plantas de xestión de biorresiduos reciben 25 millóns de euros e a primeira en poñerse en marcha estará situada no Concello de Vilanova de Arousa
  • A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que xestionará case 37 millóns de euros, habilitará unha liña de axudas para previr e paliar os danos do oso e volverá a convocar axudas para propiciar a recuperación da poboación de perdiz rubia e coello de monte; triplica o orzamento das axudas para o fomento da protección animal e mantén as axudas por fauna silvestre
  • Avanza que o marco normativo no eido urbanístico completarase en 2021 co inicio da tramitación da Lei de Arquitectura de Galicia, a primeira da Comunidade

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019-. Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2021 incidirán nas políticas máis próximas ao cidadán e que contribúan á recuperación económica de Galicia, prestando unha atención especial a aquelas relacionadas co acceso e mantemento da vivenda habitual, a rehabilitación do patrimonio construído e a implantación das empresas en solo industrial. Así mesmo, consolidarase a aposta dos últimos anos por unha xestión de residuos moderna e eficaz, que sitúe á Comunidade á cabeza de Europa e axude a crear máis emprego verde.

Así o destacou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía do Parlamento, onde explicou que as contas do seu departamento increméntanse nun 14,06%, ao pasar dos 327,32 millóns de euros de 2020 aos 373,6 cos que contará para o vindeiro exercicio, un ano durante o que, subliñou, as políticas de protección do patrimonio natural e da biodiversidade, así como as medidas relacionadas co urbanismo, o territorio e a integración paisaxística terán tamén un gran protagonismo.

Trátase do maior orzamento asignado á Consellería de Medio Ambiente desde o ano 2016, o que permitirá dar un salto cuantitativo e cualitativo en todas as políticas relacionadas coas súas catro grandes áreas de competencias: a vivenda e o solo empresarial; a xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático; a protección do patrimonio natural e da biodiversidade; e a ordenación do territorio e posta en valor da paisaxe.

Ademais, tras un ano marcado pola crise sanitaria da Covid-19 e as súas consecuencias desde o punto de vista social e económico, Ángeles Vázquez resaltou que son unhas contas deseñadas para amosar o “compromiso” do seu departamento con Galicia e cos galegos e galegas. “Uns orzamentos centrados nas persoas e nas súas necesidades, así como no respecto ao medio ambiente, o territorio e a nosa paisaxe”, resumiu.

Medidas en materia de solo residencial

Neste contexto, garantir o acceso á vivenda, sobre todo a aqueles colectivos máis desfavorecidos e con menos recursos, e favorecer a reactivación económica do tecido empresarial da Comunidade, serán dous dos eixos principais das contas da Consellería, que reservarán a este tipo de políticas un total de 130,7 millóns de euros.

En materia residencial, a conselleira salientou a posta en marcha do Pacto Social pola Vivenda, anunciado no Parlamento o pasado outubro. Dentro dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), 72,1 millóns destinaranse a desenvolver as distintas medidas incluídas no pacto en materia de acceso á vivenda, rehabilitación e solo residencial, coas que se pretende beneficiar polo menos a 70.000 fogares nos próximos cinco anos.

O investimento directo da Xunta neste período ascende a 430 millóns aínda que o impacto económico derivado das iniciativas propostas no marco deste plan estímase en 650 millóns, o que suporá mobilizar máis de 1.000 millóns de euros entre fondos públicos e privados.

Un ano máis a recuperación do patrimonio inmobiliario construído tamén terá un peso especial nas contas do departamento autonómico, que reserva para estas políticas 36 millóns de euros. Así mesmo, en xaneiro de 2021 poderán solicitarse as novas axudas de eficiencia enerxética para edificios xa existentes, unha liña que convocará por primeira vez a Consellería e que estará dotada en 2021 de 8,5 millóns de euros.

Seguindo co capítulo de rehabilitación, cómpre subliñar os 3,18 millóns que xestionará o Consorcio Casco Vello de Vigo para continuar cos traballos de recuperación de vivendas nesta zona, unha partida que duplica a contía do actual exercicio; e tamén se continuará colaborando cos concellos a través da convocatoria das axudas para intervir nas 73 Áreas de Rehabilitación Integral de Galicia (6,7 millóns), do Fondo de Cooperación do IGVS (3,5 M€) ou do exitoso programa de vivendas de mestres e outros oficios (2,1 M€).

Axudas á compra e ao alugueiro e incentivos para mover o solo industrial

Para facilitar o acceso á vivenda, en réxime de compra ou de alugueiro, a Consellería mobilizará 28 millóns de euros o próximo ano, sendo as partidas máis importantes as destinadas á construción de VPP (7,75 M€) e á expropiación e licitación das obras de urbanización da primeira fase de San Paio de Navia, en Vigo (8 M€), un paso que permitirá comezar xa a construción das primeiras promocións das 1.600 vivendas proxectadas.

Asemade, resérvanse 3,3 millóns para o Bono de Alugueiro Social, tanto o xeral como a liña destinada a vítimas de violencia de xénero, o que supón un incremento do 13% respecto da partida de 2020. En canto aos mozos menores de 35 anos, un dos colectivos con máis dificultades á hora de acceder a unha vivenda, seguirán gozando de axudas específicas para mercar casa en concellos de menos de 5.000 habitantes ou en cascos históricos.

En materia de solo industrial, unha das áreas que recibe maior impulso en apoio ao tecido empresarial, a Consellería mobilizará 37,3 millóns de euros. Os principais investimentos irán ao polígono de Morás, (13,8 M€) e á Plisan (2 M€), onde se prevé sacar un novo procedemento de venda de parcelas ante a demanda e interese constatados entre os empresarios da zona.

Tamén destaca a renovación das bonificacións de ata o 50% para a adquisición de solo industrial, unha política de incentivos impulsada pola Xunta no ano 2015 con moi bos resultados e á que destinará 8 M€ durante o próximo exercicio.

Creación de emprego verde e xestión dos residuos

A xestión dos residuos recibirá un pulo importante en 2021, como demostran os orzamentos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que experimentan un crecemento notable ata alcanzar os 53,5 millóns de euros. A esta contía, ademais, cómpre sumar os 119,3 millóns asignados a Sogama, que manterá o vindeiro ano a rebaixa dun 10% do canon aos concellos que a soliciten.

Dentro deste orzamento, a partida máis destacada son os 31,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos REACT que se destinarán a seguir optimizando e mellorando a eficiencia do actual modelo de tratamento e xestión da recollida selectiva de residuos, ao tempo que contribuirán a crear novos empregos verdes vencellados aos investimentos previstos o vindeiro ano.

En concreto, 5 millóns irán destinados a transformar as actuais microplantas de transferencia de Sogama en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2. Outros 25 M€ dedicaranse a fomentar a compostaxe coa construción de tres novas plantas de biorresiduos nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, a primeira das cales localizarase en Vilanova de Arousa e dará servizo aos concellos do eixo atlántico sur. E os 1,4 millóns restantes investiranse en garantir o tratamento de residuos sanitarios derivados da Covid-19 dentro das instalacións de Sogama, en Cerceda.

O vindeiro ano estará marcado tamén neste eido por un fito lexislativo: a aprobación da Lei de Residuos e Solos Contaminados de Galicia. Para a súa posta en práctica, a Xunta quere ir da man dos concellos, que é a administración competente en xestión de residuos urbanos.

Así, convocarase unha nova orde de axudas dirixida a entidades locais e dotada con 2,3 M€ para financiar actuacións que, por un lado, favorezan a prevención, a axeitada recollida e preparación dos residuos domésticos, como poden ser os puntos limpos móbiles; e por outro, garantan a separación e valorización da fracción orgánica do lixo. Na mesma liña, tamén seguirá axudando aos concellos a eliminar puntos de vertido incontrolado (1,2 M€).

Por último, para seguir avanzando na loita contra o cambio climático e cara a un novo modelo de economía circular en Galicia, duplicarase a contía das axudas aos concellos para redactar os seus plans de acción para o clima e a enerxía (dotadas en 2021 con 1,5 M€), co obxectivo de que todos os municipios se sumen ao Pacto das Alcaldías o próximo ano.

Novo pulo á Galicia verde

Ao comezo da súa intervención, a conselleira sinalou como terceiro piar básico a protección do patrimonio natural e da biodiversidade, apostando pola conservación da Galicia verde, unha tarefa que executará a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que disporá dun orzamento de case 37 millóns de euros, un 5,3% máis. Estes orzamentos permitirán habilitar axudas para protexer a biodiversidade e os elementos naturais da Comunidade.

Indicou que se duplicará o orzamento para a redacción de plans e instrumentos de ordenación de espazos naturais e de conservación de especies, aos que se destina 1,7 millóns; e mantéñense as axudas (3,7M€) para a conservación dos parques naturais e a Rede Natura, así coma para os concellos que están nun espazo declarado reserva da biosfera.

Unha das novidades do orzamento deste departamento é a convocatoria, por primeira vez, dunha orde de axudas para previr e paliar os danos provocados polo oso e a convocatoria novamente dunha liña de subvencións para o fomento da caza menor, atendendo a demanda do sector, co fin de propiciar a recuperación das poboación da perdiz rubia e coello de monte.

Tamén se manteñen as axudas de danos de fauna silvestre, que se incrementan nun 60% as axudas de danos por lobo, chegando aos case 650.000 euros, e nun 37% para as de prevención, pois no ano 2021 resérvanse 480.000 euros. É dicir, para o conxunto de liñas de actuación se resérvanse 3 millóns de euros para axudas.

Vázquez Mejuto tamén destacou o importe que no vindeiro exercicio se destina ás axudas para o fomento da protección animal, pois triplica o seu orzamento ao pasar de 125.000 euros aos 440.000 euros para o ano 2021 e que se suman aos 650.000 euros que se destinaron desde o ano 2017.

Ordenación urbanística e nova Lei de Arquitectura

A conselleira salientou o traballo realizado na Comunidade galega en materia de ordenación do territorio para acadar un urbanismo responsable e unha paisaxe integrada. Este campo asentou o seu primeiro piar coa Lei do solo, o segundo coa Lei de ordenación do territorio e no ano 2021 iniciarase o camiño para asentar un novo piar a Lei de Arquitectura de Galicia, a primeira que se elaborará en Galicia e coa que se seguirá o exemplo de Cataluña e Estremadura, as dúas únicas rexións de España que dispoñen unha lei de arquitectura.

Segundo a conselleira, a arquitectura é unha disciplina que pode aportar valor ao benestar e á cohesión social, unha materia na que apoiarse para garantir o respecto polo medio ambiente e unha ferramenta para avanzar na implantación dunha cultura baseada na eficiencia enerxética.

O obxectivo é dispor dun marco normativo en clave galega que permita definir medidas de fomento e impulso que velen por unha calidade arquitectónica e urbanística para todas as actuacións que se executen nos espazos públicos.

Tamén adiantou que un ano máis a Consellería mantén incentivos para axudar aos concellos galegos en dúas eivas: na creación ou mellora das súas infraestruturas, polo que se disporán 7,4 millóns de euros para a execución de actuacións; e tamén para que dispoñan unha ferramenta de ordenación, grazas aos máis de 3,2 millóns de euros que se habilitarán en 2021 para redactar plans xerais de ordenación municipal.

Indicou que tamén se pensa naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes, que non se atopen redactando un plan xeral, que poderán dispor dun Plan Básico Municipal; polo que no vindeiro ano se realizarán estudos de planeamento -en cumprimento do establecido na Lei do Solo de que todos os concellos conten cun instrumento urbanístico de calidade nun prazo razoable.

Salientou que se seguirá a traballar nos oito primeiros PBM (Trabada, Ribeira de Piquín, Riotorto, Triascatela, Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoan de Río), que terán como modelo o PBM de O Páramo, cuxa redacción e tramitación abordou de oficio a Consellería e se espera aprobar en breve; e a continuación se iniciará a tramitación doutros nove plans básicos (Alfoz, Beariz, Guntín, San Cristovo de Cea, Samos, Lobeira, Punxín, Viana do Bolo e Dozón), coa realización da cartografía destes municipios. Estes traballos absorberán case 850.000 euros das contas de 2021 da Consellería.

Galería de imaxes

Medio Ambiente disporá o próximo ano de 373 millóns, o seu maior orzamento desde 2016, para impulsar a recuperación empresarial, o acceso á vivenda e a xestión moderna e eficaz dos residuos