Atrás

A Xunta amplía en 1.500 prazas a oferta pública de emprego en educación, co que compromete xa un total de 5.000 ata 2022

Atrás
30 November 2020

A Xunta amplía en 1.500 prazas a oferta pública de emprego en educación, co que compromete xa un total de 5.000 ata 2022

  • Os orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para 2021 ascenden a preto de 2700 M€, o segundo máis importante da Xunta, cun incremento do 62% nas partidas inversoras
  • Impulsarase un plan de transformación dixital da educación tanto no referido a equipamentos como nas estratexias docentes e as técnicas pedagóxicas
  • Reforzaranse as transferencias aos centros educativos para facer fronte aos gastos derivados da covid e as axudas para que ninguén quede atrás nesta crise
  • O sistema universitario acada cifras récord de investimento, con 451M€, que blinda o seu financiamento e inclúe unha nova partida de 10M€ para innovación
  • Anuncia a creación dun hub das industrias creativas galegas coa participación do sector, protexendo as estruturas empresariais e o acceso da cidadanía á cultura

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe unha nova Oferta Pública de Emprego (OPE) no eido educativo de 1.500 prazas que, sumadas ás 3.600 xa convocadas, suman máis de 5.000 prazas xa comprometidas para os anos 2021 e 2022. Así o avanzou hoxe na súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, onde presentou os orzamentos e liñas de actuación do seu departamento, que nesta lexislatura reunifica ás areas educativas e culturais. “Son os maiores da historia para a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para abordar o urxente e planificar os retos e obxectivos desta década”, salientou.

Os presupostos da Consellería que dirixe Román Rodríguez son os segundos maiores do Goberno autonómico, co preto de 2698M€, un 6,60% máis que o pasado ano, polo que disporá de 167M€ adicionais para as súas políticas públicas cun dobre obxectivo: dar un novo impulso ao ensino galego, referente en calidade e equidade ao longo da última década, e contribuír á reactivación do sector cultural, un dos máis afectados pola pandemia e que contará cun 27,4% máis de fondos como estímulo e apoio. De feito, o apartado inversor é o máis reforzado da Consellería, cunha suba do 62,6%.

“Se a cultura forxa a nosa identidade e ser como país, e nos serve para afirmarnos como unha comunidade histórica, integradora e modelo de convivencia, o ensino repercute no presente, pero sobre todo no futuro, ao dotar aos galegos de mañá de competencias, valores, destrezas e habilidades para ser bos profesionais e boas persoas”, resumiu o representante autonómico na súa exposición no Hórreo.

O apartado de persoal ocupa unhas das principais partidas da Consellería, que neste exercicio aumenta un 5,6% como consecuencia das contratacións derivadas da covid-19 e as necesidades ordinarias. Para dar cumprimento aos principios de estabilidade no emprego, Román Rodríguez explicou que no 2021 celebrarase a OPE convocada no ano 2020, que oferta máis de 3.600 prazas e que tivo que ser adiada pola pandemia. A maiores, avanzou que no primeiro trimestre se aprobará o decreto de oferta de emprego público para o novo ano, que ofertará o número máximo de prazas que permita a normativa básica do Estado, polo que estimou en 1.500 a convocatoria entre a taxa de reposición e a promoción interna, “unha gran oportunidade para a consolidación de plantillas e para integrarse na carreira docente”, con tres convocatorias en dous anos.

Igualmente, garantiu o cumprimento do acordo de homologación salarial asinado cos sindicatos que, como afirmou, permite que as retribucións dos docentes galegos estean por riba de media dos seus compañeiros noutras comunidades autonónomas.  

Calidade e igualdade de oportunidades

As transferencias aos centros educativos para gastos de funcionamento tamén se ven incrementadas debido á necesidade de reforzar as medidas sanitarias. En concreto, contarán cun 31,4% máis de investimento ata os 84M€, máis de 20M€ de subida.

Duplicaranse así mesmo os recursos para mudar os libros do fondo solidario, coa premisa de que ninguén quede atrás, ao igual que as axudas de material escolar (5,5M€), unha partida que non existe noutras comunidades. Suben igualmente as partidas de transporte (+10,7%), clave no rural, ou ás anpas con comedores (+36%).

Para seguir avanzando nun modelo educativo próximo, baseado na igualdade de oportunidades e en valores como o esforzo, a tolerancia, a liberdade ou a inclusión, a Xunta blindará as principais partidas en marcha e desenvolverá novos proxectos que permitan que o ensino “dea o salto de calidade que merece tras unha década na que fomos quen de reducir o abandono escolar á metade e levar ao alumnado galego aos niveis dos mellores de Europa, segundo acreditan os últimos informes PISA.

Ampliación e modernización dos centros

Entre os anuncios realizados, puxo sobre a mesa un ambicioso plan de investimentos en creación, mellora e rehabilitación de centros educativos por importe de 55,4M€ “para que os nosos nenos e nenas medren e aprendan en colexios e institutos acordes aos tempos”, ademais dun plan de adecuación de espazos ao contexto covid de 7M€.

Compatibilizarase a apertura de colexios e institutos coa ampliación, reforma e as actuacións de eficiencia enerxética, ademais de rehabilitación de centros históricos nalgunhas das principais cidades galegas como o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero é o eido tecnolóxico o que capitaliza boa parte das actuacións previstas por Educación, cun numerosos programas e apostas. Entre eles, un plan de transformación dixital da educación, de 43,5M€, para a posta ao día en dispositivos, equipamentos e infraestruturas e para seguir adaptando os centros ao entorno dixital. Así mesmo, o esforzo inversor en infraestruturas será de 61,4M€ en total, orientado a favorecer que os centros educativos afonden na excelencia, a modernización e a sustentabilidade.

Innovación e Formación Profesional

Programas como Edixgal, de dotación para material didáctico, aumentan un 64,5% e mantéñense todos os investimentos que dan cobertura aos proxectos claves en innovación, ensinanza de idiomas, STEM ou formación de profesorado, que con 7,8M€ volve supoñer un récord para investir no activo máis importante”. Para consolidar estas boas prácticas, crearase un Centro para a Investigación e Innovación Educativa que deseñe estratexias docentes e a introdución de novas técnicas pedagóxicas.

Tamén a Formación Profesional sae reforzada dos orzamentos o vindeiro ano, tanto a través de programas de excelencia como do novo Centro Galego de Innovación de Formación Profesional, en Ourense, con 1,7M€. Todo co obxectivo de seguir liderando desde Galicia un ámbito no que na última década se deron avances sobresaíntes.

I+D+i, atracción de talento e taxas conxeladas

O sistema universitario tamén vese mellorado nas contas da Xunta de 2021 e acada cifras récord. O orzamento de 451M€ supón un máximo histórico que blindará o seu financiamento coa prórroga do actual plan. Ademais, por décimo ano consecutivo, Galicia volve a conxelar as taxas universitarias en grao e posgrao, o que facilita o acceso ao estudantado e democratiza a posibilidade de realizar estudos superiores. Galicia é así a única Comunidade onde cursar unha carreira costa o mesmo que hai unha década e representa un aforro para as familias de 21M€ anuais. Así mesmo, apoiarase ao alumnado que, por causas sobrevividas derivadas da pandemia, poida ver comprometida economicamente a continuidade da súa formación universitaria.

Román Rodríguez anunciou unha nova partida de 10M€ -a maiores do Plan de Financiamento das Universidades- para a dixitalización e innovación do sistema universitario, co que as transferencias ás universidades chegan aos 86,8M€, unha alza do 13,2%. A isto engádese a suba do crédito asociado a resultados de investigación e transferencia de coñecemento, que medra un 8,8%, e unha mellora do 6,2% (ata 67,8M€) das partidas dedicadas ao fomento da I+D+i e a aposta en marcha dos programadas de retención e atracción de talento consolidado. Tamén o financiamento dos campus de excelencia internacional ou o inicio da acreditación dos campus de especialización do Sistema Universitario Galego.

Apoio decidido á cultura e ao tecido propio

A cultura como antídoto fronte á actual situación sanitaria foi outras das propostas da Román Rodríguez, quen comprometeu o reforzo dos fondos para a cultura galega de máis de 20M€ que atenderán todas as frontes, tanto a cultura de base a o acceso a cultura a través dos museos, bibliotecas e arquivos, como o reforzo das industrias creativas, un eido que emprega a 30.000 persoas na Comunidade e cuxo tecido é imprescindible apoiar tras o labor profesional desenvolvido nos últimos anos. A isto sumaranse, ademais, novas partidas para a programación cultural do Xacobeo 2021, procedentes da coordinación coa Vicepresidencia Primeira da Xunta.

Todos os sectores (editorial, audiovisual, música, artes escénicas, plásticas, etc) beneficiaranse das políticas da Xunta, con reforzos en aspectos como a promoción da lectura e do libro, unha nova liña para cines, adquisición pública de obra de arte ou un 27% máis de fondos para asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro e o reforzo das unidades de produción e as redes propias e municipais.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) duplicará o seu orzamento para apoiar as estruturas empresariais máis afectadas pola covid e poñer en marcha iniciativas de reactivación e fortalecemento das puxantes industrias culturais. Isto permitirá impulsar un dos grandes proxectos da lexislatura que anunciou o conselleiro, a creación dun hub das industrias creativas e culturais galegas. “Esta iniciativa, que se financiará a través dos fondos REACT-UE, se desenvolverá en plena colaboración e coa participación do sector cultural galego, establecendo xuntos prioridades co fin -dixo- de potenciar e incrementar a competitividade do noso talento de xeito profesional”.

Igualmente, anuncio os proxectos para apertura de dúas sede do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), actualmente en Santiago, nas cidades de Vigo e Lugo. Do mesmo xeito, finalizarase a Cidade da Cultura, coa culminación do esperado Edificio Fontán, que entrará en funcionamento no propio 2021, incorporando ao Gaias ás universidades e ao Centro de Investigaciones Científicas (CSIC). “Polo tanto, non só se pecha o proxecto construtivo, senón que se consolida como proxecto de vangarda do coñecemento vinculado ás ciencias sociais e o patrimonio cultural”, remarcou.

Compromiso co patrimonio e a lingua

O conselleiro detallou tamén as contas alcistas en materia de política lingüística e de protección do patrimonio cultural. No primeiro caso, o orzamento increméntase un 53%, con melloras en campañas de normalización (+11%), programas de promoción (+35,7%), actividades de formación (+77%) ou apoio a empresas editoras para proxectos en lingua galega, que experimentarán un incremento do 50%. Do mesmo xeito, créase unha nova partida de 3,5M€ para reactivación cultural en galego.

Pola súa parte, a conservación e rehabilitación verase reforzada en todos as frontes cun 19% máis de investimento que abrangue bens senlleiros como as catedrais de Lugo, Ourense, Mondoñedo e Tui, xacementos arqueolóxicos, a Ribeira Sacra no ano da súa posible declaración como Patrimonio Mundial ou o Plan PIBC dos Camiños.

Galería de imaxes

A Xunta amplía en 1.500 prazas a oferta pública de emprego en educación, co que compromete xa un total de 5.000 ata 2022