Atrás

Emprego e Igualdade incrementa nun 32% o orzamento de 2021 con 355 millóns para acadar unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e sostible

Atrás

Emprego e Igualdade incrementa nun 32% o orzamento de 2021 con 355 millóns para acadar unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e sostible

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento para explicar as contas do próximo ano que teñen como principal reto facer fronte aos efectos da pandemia con programas para manter o emprego, crear traballo en igualdade de oportunidades e loitar contra a violencia de xénero
  • Lorenzana destacou que os orzamentos do departamento autonómico son os máis altos da historia cun aumento que duplica a subida xeral das contas da Xunta
  • A área de Igualdade disporá de 30,2M€, un 10,2% máis que en 2020, para promover a corresponsabilidade e seguir combatendo a lacra da violencia machista
  • Sinalou que un dos piares do orzamento é crear e manter a actividade económica polo que a área de emprego, traballo autónomo e economía social crece un 88% para poñer o foco na realidade de Galicia, atendendo ás persoas e ás empresas
  • Os programas de formación e colocación contarán cun 3% máis de presuposto para apostar pola cualificación, a orientación e crear un novo Servizo Público de Emprego que identifique as necesidades do mercado laboral en tempo real
  • Para impulsar as relacións laborais, o orzamento medra nun 24,45%, incluíndo o dobre de axudas (6M€) para as persoas desempregadas en empresas en crise ou en Erte, e poñendo o foco na igualdade laboral

 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020.- O orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade inclúe para 2021 un total de 355 millóns de euros, un 32% máis que en 2020, con principal reto de acadar unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e máis sostible. A titular do departamento autonómico, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do Presuposto cuxo incremento duplica a subida xeral dos orzamentos da Xunta (14%) e supón o máis alto de toda a historia nestas áreas para facer fronte á covid-19, creando e mantendo a actividade económica, promovendo a igualdade de oportunidades e combatendo a lacra da violencia de xénero.  

A conselleira destacou que son uns orzamentos que teñen a vista posta no actual contexto socioeconómico, xerado pola crise sanitaria, para dar resposta a esta nova circunstancia e seguir construíndo “a mellor Galicia posible”. “Poñemos o foco na realidade de Galicia, atendendo ás persoas e ás empresas”, subliñou Lorenzana.

A titular de Emprego e Igualdade detallou, en primeiro lugar, as contas da área de Igualdade que en 2021 ascenderán a 30,2 millóns de euros, un 10,2% máis que en 2020. Para seguir loitando contra a violencia de xénero contarase con 22,7 millóns, un 16,5% máis que o pasado ano, dos cales 7,5 pertencen ao Pacto do Estado. Impulsaranse as axudas cos concellos e entidades sen ánimo de lucro para favorecer a inserción laboral das mulleres vítimas da violencia machista e en situación de explotación sexual, así como os apoios directos e periódicos ás vítimas e os seus fillos e fillas menores de 30 anos. Galicia é a única comunidade que conta con estas prestacións periódicas. Lorenzana destacou que o orzamento das axudas directas de pago único para mulleres vítimas da violencia de xénero desempregadas duplicarase alcanzando os 1,2 millóns.

Prorrogarase tamén a colaboración cos distintos axentes implicados nesta loita, como son as universidades, para reforzar os recursos e servizos. Ao respecto, porase en marcha un novo recurso de acollida, co Proxecto Home Galicia, para traballar coas mulleres vítimas de violencia de xénero con condutas aditivas.

E para promover a igualdade, continuarase coas liñas de axudas a concellos, entidades de iniciativa social, Anpas e os apoios directos, que, con 1,1 millóns de euros,  compensan a redución de xornada laboral e fomentan a corresponsabilidade. O programa de fomento á conciliación subirá un 41,19%, mentres que o programa Emega, de impulso ao emprendemento feminino, contará con 3,6 millóns, máis do dobre de investimento que en 2020, a dotación máis alta da súa historia.

Xerar emprego
Apoiar ás persoas desempregadas e ás traballadoras e traballadores galegos é outro dos obxectivos principais dos orzamentos da Consellería para que non se destrúa o emprego actual e se creen máis oportunidades. Para iso, a Dirección Xeral de Emprego, Traballo autónomo e Economía social refórzase cun aumento nas súas contas do 88%, achegándose aos 184,6 millóns de euros.

Lorenzana puxo de manifesto a importancia que ten a economía social pola a súa capacidade de resistencia ante as dificultades, polo que os programas deste eido aumentan o investimento nun 22% con respecto a 2020. As actuacións previstas en 2021 diríxense a promover a creación e consolidación do emprego. Poranse en marcha tres novas iniciativas: Es-Transforma, Es-Factory e o Bono consolidación con axudas para a transformación de empresas con perspectiva de peche en compañías de economía social, para impulsar novos proxectos e para dar continuidade aos existentes.  

Así mesmo, promoveranse actuacións para dar a coñecer a economía social, destacando como novidade, con 1,7 millóns, o programa Es-Próxima para poñer en valor a calidade dos produtos e servizos e os beneficios que aporta a economía social. E, por último, neste bloque da economía social, promoverase o emprego inclusivo das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social con 23,7 millóns (+10,7%). A conselleira puxo en valor unha nova liña de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego e de empresas de inserción para garantir a súa viabilidade, que contará cun presuposto de 1,7 millóns.

Lorenzana tamén resaltou que outro dos eixos con maior peso en emprego é o impulso das persoas traballadoras autónomas e microempresas, que contará con 106 millóns de euros, cuadriplicando o orzamento inicial do ano 2020. Avanzou que en 2021, entre outros, darase continuidade se é necesario ao Plan de rescate para os sectores máis afectados pola covid-19, sentaranse as bases da nova Estratexia do emprego autónomo e impulsarase a Oficina do Autónomo para manter un espazo de encontro permanente entre os traballadores autónomos e a Xunta de Galicia.

Para impulsar a contratación das persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, como son a mocidade, as mulleres, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e os parados de longa duración, investiranse 42,4 millóns. Esta cifra inclúe, ademais, os apoios da Xunta aos concellos e entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas desempregadas.

Formación e relacións laborais
A conselleira, finalmente, referiuse ás contas para impulsar a formación e colocación e as relacións laborais en Galicia. Para a formación e a colocación destinaranse 152 millóns (+3%). Do que se trata é, en palabras de Lorenzana, de apostar pola modernización do Servizo Público de Emprego, pola orientación laboral e a formación. No eido da cualificación, destinaranse máis de 66 millóns ao novo Plan galego de formación 2021 e, como novidade, dos cursos dirixidos a ocupados tamén poderán beneficiarse as traballadoras e traballadores en situación de ERE ou ERTE.

Segundo a conselleira, crearase un novo Servizo Público de Emprego: seguiranse modernizando as oficinas e porase en marcha un novo sistema operativo para identificar, a través da intelixencia artificial e da analítica avanzada, as necesidades do mercado laboral en tempo real para axustar a oferta á demanda. No ámbito da orientación, desenvolverase un proxecto piloto para facilitar o labor aos orientadores.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Relacións Laborais conta cun 24,45% máis de orzamento para poñer o foco en promover a igualdade laboral con axudas ao teletraballo ou incentivando os plans de igualdade nas empresas. A prevención dos riscos laborais seguirá sendo un reto principal e, así, o Issga creará a Unidade de referencia covid-19 para dar unha resposta áxil e eficaz na prevención do risco de transmisión por coronavirus nos centros de traballo. Ademais, explicou que o diálogo social seguirá sendo un dos puntais da Consellería e resaltou a activación de Empreganav e as axudas para persoas traballadoras en empresas en crise ou en ERTE, que dobrarán o seu orzamento ata os 6 millóns. “Este orzamento aposta por unha Galicia onde a preocupación por conseguir un emprego sexa cada día menor e onde as diferenzas entre mulleres e homes non impliquen desigualdade”, rematou.

Galería de imaxes

Emprego e Igualdade incrementa nun 32% o orzamento de 2021 con 355 millóns para acadar unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e sostible