Atrás

Fabiola García destaca a “axilidade e a ambición” dos orzamentos de Política Social para 2021, que con 894,4m€ supoñen o maior investimento da historia

Atrás
01 December 2020

Fabiola García destaca a “axilidade e a ambición” dos orzamentos de Política Social para 2021, que con 894,4m€ supoñen o maior investimento da historia

 
  • Esta contía representa un aumento do 15,3% con respecto ás contas do presente exercicio e un 90% máis cas do ano 2009
  • Avanzarase no deseño dun novo modelo de residencias da man dun Comité Asesor que se constituirá nas vindeiras semanas
  • Cuadriplicarase a cobertura das casas do maior, para o que se destinarán 2,2 millóns de euros, un 42,5% máis que no actual exercicio
  • Cun investimento de 9,3 millóns de euros, as achegas para o tecido asociativo da discapacidade cubrirá tamén o incremento salarial dos traballadores das entidades que non están federadas
  • Contémplanse 300.000 euros para chegar ás 100 casas niño en funcionamento e cuadriplícanse os fondos para colaborar coas entidades sociais do ámbito da infancia
  • Crearanse dez novas prazas en centros de inclusión social ao abeiro do primeiro Plan de atención a persoas sen fogar
  • Comezarán os traballos para a reforma da Lei de inclusión social de Galicia, en colaboración cos profesionais do sector
  • Reservaranse 350.000 euros á posta en marcha dun programa de lecer educativo para a mocidade especialmente concibido para este contexto de pandemia e a ampliación do Plan de formación online para xente nova e voluntariado

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a “axilidade e a ambición” dos orzamentos do seu departamento para o ano 2021, que ascenderán a 894,4 millóns de euros e que constitúen o maior investimento nesta área na historia da autonomía. Díxoo durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, na que salientou que esta contía supón un 15,3% máis ca neste ano e un 90% máis que en 2009.

Fabiola García apuntou que as novas contas da súa área “están cos pés asentados nas dificultades do presente, pero coa vista posta nos obxectivos do futuro”. Neste sentido, sinalou que estes fondos están pensados para dar resposta ás necesidades urxentes que están a agromar durante esta pandemia e reforzar os servizos sociais de cara ao futuro, tal e como Galicia vén facendo desde o ano 2009.

Así mesmo, a conselleira asegurou que foi este compromiso o que permitiu que Galicia estea máis preparada ca nunca para facer fronte a unha situación coma a actual. En concreto, destacou que durante os últimos doce anos duplicáronse as axudas para as persoas dependentes, multiplicouse por tres o investimento para a renda de integración social de Galicia e hoxe destínanse sete veces máis fondos para atender ás persoas maiores nas súas casas.

Maior coordinación sociosanitaria

Fabiola García salientou que esta nova área do Goberno galego contará cun orzamento de 197 millóns de euros, un 25% máis do que se consignara para as súas competencias no ano 2020. Con estes fondos, traballará no deseño dun novo modelo de residencias. Este obxectivo comezará xa nas vindeiras semanas coa constitución do Comité Asesor, encargado do deseño do esquema sociosanitario da Galicia do futuro.

Entre as súas partidas salientou os 21,5 millóns de euros na loita contra a covid-19 para a posta en marcha de residencias integradas e o subministro de material de protección para todos os centros sociosanitarios de Galicia. Ademais, a conselleira explicou que se reforzará o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que a nosa comunidade é líder a nivel nacional. Con este obxectivo no ano 2021 incrementarase un 10% os fondos destinados ao SAF para acadar os 83,6 millóns de euros. Deste xeito, poderán recibir atención profesional a domicilio todas as galegas e galegos dependentes que a demanden, en torno a 30.000 persoas.

Outro importante reforzo que resaltou a conselleira de Política Social foron as axudas directas ás familias con algunha persoa maior en situación de dependencia, que aumentan en 10 millóns de euros para chegar a un investimento total de 91,8 millóns. Con elas a Xunta remunera a un familiar que os coide na propia casa ou colabora no pagamento dunha praza de residencia ou dun centro de día.

Elixir como e onde facerse maior

Fabiola García fixo especial mención durante a súa intervención ás persoas maiores por ser “as máis fráxiles ante o virus” e ás persoas con discapacidade por “demostrar unha admirable capacidade de resistencia e comprensión ante as medidas que se están a adoptar”. Unha protección que se traducirá nun investimento de 330,2 millóns de euros para a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, un 11,5% máis que no ano 2020.

Dentro desta partida, destacou dúas das medidas destinadas a reducir a fenda entre o urbano e o rural como son as Casas do maior, que disparará o seu orzamento un 42,5% ata os 2,2 millóns de euros co obxectivo de cuadriplicar a súa cobertura (de 20 a 80 centros) e a mellora da rede galega de atención temperá, que incrementará un 5% o seu financiamento ata os 3,4 millóns de euros.

Na semana do Día internacional das persoas con discapacidade, a conselleira tivo unhas palabras de agradecemento ás entidades do sector que blindaron os seu servizos durante a pandemia. Así, sinalou que no vindeiro ano se incrementarán un 8,2% as liñas destinadas a colaborar co tecido asociativo da discapacidade ata chegar aos 9,3 millóns de euros. Con estes fondos, apuntou, “poderase cumprir o compromiso de que todas as entidades, tamén as que non están federadas, poidan contar con apoio autonómico para financiar o incremento salarial dos seus traballadores”.

Impulsar a demografía

A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica terá no 2021 un orzamento sen precedentes ao chegar aos 182,7 millóns de euros, un 14% máis que no exercicio actual. Entre as principais medidas, a conselleira puxo o aceno na Lei de impulso demográfico, que nestes momentos se está a debater na Cámara galega. Nela, recóllense medidas “para que cada galega e cada galego poida facer libremente o seu proxecto de vida”, afirmou.

Fabiola García tamén puxo en valor as partidas destinadas ás escolas infantís municipais, privadas e de iniciativa social, ademais das públicas da Xunta, para que poidan ofrecer a gratuidade para segundos fillos e sucesivos. Unha medida que contará con 13,7 millóns de euros de investimento. Neste sentido, solicitou o compromiso do Goberno central para que este primeiro paso cara a universalización da educación infantil continúe e se poidan ofrecer os mesmos beneficios para os primeiros fillos.

Na mesma liña, seguirase a aumentar a aposta polas casas niño, que no 2021 chegarán  ás 100 cun investimento de 300.000 euros. Ademais, tamén se porá en marcha un proxecto piloto para a apertura de centros de atención á infancia nos lugares de traballo, unha iniciativa que contará tamén con 300.000 euros de investimento. Así mesmo, continuarase coa aposta polas Tarxetas Benvida, axudas directas ás familias con nenos pequenos, para as que no vindeiro ano se destinarán 33,5 millóns de euros, un 5% máis que neste 2020.

Aínda en materia de familia, a conselleira sinalou que se reforzarán os programas para atender á infancia e á adolescencia en situación de desprotección. En concreto, incrementarase nun 6% a partida destinada ao acollemento familiar e incluiranse os fondos necesarios para a ampliación dos horarios dos Puntos de Encontro Familiar e para a apertura de dous novos centros. Por último, cuadriplicaranse as partidas para colaborar coas entidades sociais do ámbito da infancia.

Axudas para as familias máis vulnerables

Co fin de amortecer o impacto social da covid-19, responder as necesidades máis urxentes das familias con menos recursos e de ofrecerlles oportunidades para saír de situacións de exclusión, a área de Inclusión Social contará en 2021 co presuposto máis elevado da súa historia: 125,5 millóns de euros, un 4,5% máis que este ano.

A conselleira detallou que nesta área se incrementará nun 35% as Axudas de Inclusión Social, de 3,3 a 4,5 millóns de euros, para cubrir as necesidades inmediatas os fogares máis vulnerables. Tamén se garantirá a continuidade da Tarxeta Básica, unha axuda pioneira para a compra de produtos de primeira necesidade das que xa se emitiron máis de 12.700 unidades que benefician a uns 26.000 galegos. Ademais, aumentaranse nun 20% os fondos destinados ao tecido asociativo de loita contra a exclusión ao abeiro da orde de entidades 2020-2022, que acada a cifra récord de 18 millóns de euros; e crearanse 10 novas prazas en centros de inclusión social no marco do primeiro Plan de atención a persoas sen fogar de Galicia.

Así mesmo, a titular de Política Social subliñou que as contas de 2021 blindan o orzamento destinado á Risga con 64,4 millóns de euros para cumprir con tres obxectivos. Primeiro, seguirlla ofrecendo aos galegos que necesiten cobrar esta prestación. En segundo lugar, reorientar unha parte do seu orzamento a garantir que o Ingreso Mínimo Vital (IMV) vaia asociado á integración sociolaboral, unha condición que a día de hoxe non se contempla; e un terceiro obxectivo é que, no caso de que haxa remanentes, asegurar que estes se destinen a cubrir as necesidades das familias máis necesitadas.

Para modernizar e axilizar os recursos á disposición das familias máis vulnerables, Fabiola García anunciou a renovación da Axenda Social Única, que se comezará a acometer nas vindeiras semanas; e que en 2021 comezarán os traballos para a reforma da Lei de inclusión social de Galicia, nos dous casos coa colaboración dos profesionais e entidades do sector que traballan sobre o terreo.

Aposta polo voluntariado, o tempo libre e a formación

A conselleira sinalou que os novos orzamentos da Consellería de Política Social para o vindeiro ano tamén reforzan a aposta polos programas de voluntariado, tempo libre e educación non formal. Con este obxectivo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado consolida un presuposto de 17,6 millóns de euros.

Entre as partidas desta área, salientou os 350.000 euros que se destinarán á posta en marcha de varias iniciativas dirixidas á mocidade neste contexto de pandemia, entre outras unha programación de lecer educativo especialmente concibida para esta emerxencia sanitaria e a ampliación do Plan de formación online para xente nova e voluntariado, en cuxa primeira edición participaron preto de 3000 voluntarios.

Fabiola García tamén se referiu aos Premios Galicia de Acción Voluntaria, dos que nos vindeiros días coñeceremos aos gañadores; á continuidade do programa Xuventude Crea, para descubrir novos talentos en 14 disciplinas artísticas diferentes; os investimentos para mellorar e dinamizar os Espazos Xoves e, por último, a Campaña de Verán, que este ano culminou con éxito a súa edición máis atípica por mor da covid-19.

Estender e conservar a rede de servizos sociais

No capítulo de investimentos que se proxectan na Consellería de Política Social para o 2021, Fabiola García explicou a necesidade de estender e conservar a rede pública de centros de servizos sociais, por iso puxo en valor as obras máis importantes que se realizarán de cara o vindeiro ano, como a finalización de tres das obras que están en marcha: a escola infantil pública de Paderne de Allariz, con 41 prazas; a ampliación da escola infantil pública de Salvaterra, que contará con dúas novas aulas; e a da residencia pública de maiores de Cerdedo-Cotobade, que pasará de 18 a 48 prazas.

Tamén indicou que se continuará avanzando na construción de dous novos centros que se prevén finalizar en 2022: a escola infantil pública da Guarda, con 41 prazas e na que a Xunta está a investir 480.000€; e o Centro público de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense, cun custe de 8,5 millóns de euros, dos que 3,5 millóns, corresponden con esta anualidade.

Ademais, vaise a realizar un conxunto de obras de melloras nos centros públicos da Consellería por toda Galicia, cun investimento conxunto de 17,7 millóns de euros. Na provincia da Coruña, investirase no CAPD da cidade da Coruña, as residencias de maiores de Oleiros e Caranza ou o centro de menores San José de Calasanz. Na de Lugo, o albergue xuvenil de Area e o centro de menores Santo Anxo de Rábade; na provincia de Ourense o centro de menores Montealegre e as residencias de Barbadás e Castro Caldelas; e na provincia de Pontevedra, a residencia asistida de Meixoeiro e a residencia xuvenil Altamar en Vigo, o CAPD de Redondela, a residencia de tempo libre de Patos (Nigrán), a reforma integral da residencia de maiores de Campolongo e o centro de menores Avelino Montero.

Novos centros públicos

A conselleira de Política Social tamén quixo facer fincapé na construción das sete novas residencias nas sete principais cidades que pertencerán á rede da Xunta de Galicia, pero que financiará integramente a Fundación Amancio Ortega, polo que suporá o aforro de 90 millóns de euros.

Por último, explicou que nos Orzamentos para o ano 2021 inclúese unha partida de 100.000 euros para a redacción do proxecto básico e de execución do futuro Centro Interxeracional de Vigo, un equipamento social con escola infantil, centro de día e espazos socioculturais e destinados á xuventude, que se emprazará na antiga estación de autobuses de Vigo.

Galería de imaxes

Fabiola García destaca a “axilidade e a ambición” dos orzamentos de Política Social para 2021, que con 894,4m€ supoñen o maior investimento da historia