Atrás

O conselleiro de Facenda e Administración Pública anuncia que a Xunta presentará os orzamentos para 2021 antes do mes de decembro

Atrás

O conselleiro de Facenda e Administración Pública anuncia que a Xunta presentará os orzamentos para 2021 antes do mes de decembro

  • Valeriano Martínez compareceu no Parlamento galego para expoñer as liñas xerais de funcionamento do seu departamento
  • O titular de Facenda anunciou que a Xunta aprobará a Oferta de Emprego Público de 2020 para o ámbito da función pública que ascende a 2.741 prazas
  • Subliñou que Galicia será das primeiras comunidades en contar cunha regulación do teletraballo adaptada ao novo marco normativo
  • Sinalou a importancia de avanzar na dixitalización e simplificación administrativa
  • Anunciou que o Executivo autonómico aprobará o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 para contar cun sistema de planificación estratéxica para a vindeira década

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez anunciou hoxe no Parlamento que o Goberno galego presentará os Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 antes do mes de decembro.

Na súa intervención na Cámara galega para expoñer as liñas xerais de funcionamento do seu departamento, o titular de Facenda e Administración Pública subliñou que a primeira prioridade da Xunta de Galicia é elaborar e aprobar as contas do vindeiro exercicio e por iso “estamos acelerando ao máximo a elaboración dos orzamentos para 2021 e faremos todo o posible para acurtar ao máximo os prazos”, sinalou.

Valeriano Martínez explicou que Galicia necesita ter canto antes as súas contas porque son unha ferramenta clave para seguir acomentendo medidas de maneira inmediata e porque “ter orzamentos permitiunos afrontar en mellores condicións a complicada situación provocada pola pandemia”.

Os presupostos priorizarán garantir os medios e o persoal no eido sanitario; o funcionamento seguro dos servizos educativos; paliar os efectos da crise nos máis desfavorecidos e dar continuidade ás políticas de dinamización económica. En definitiva, “priorizaremos acelerar a recuperación e mitigar os efectos da pandemia nas familias e no tecido produtivo”, apuntou.

Emprego público
Na súa intervención o titular de Facenda e Administración Pública subliñou que outra das prioridades do seu departamento é aprobar a Oferta de Emprego Público (OEP) de 2020 que ascenderá a 2.741 prazas no ámbito da función pública. Delas, 1.215 son para os servizos sociais integrados no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Ademais, a estas prazas hai que engadir 3.263 postos para continuar co proceso de funcionarización do persoal laboral fixo da Administración autonómica en persoal funcionario. Un proceso voluntario que xa está en marcha e ao que solicitaron acollerse máis do 95% dos profesionais da Administración galega.

Esta oferta de emprego público é adicional á convocada no eido do ensino e xa en execución con 3.654 prazas; e á que se aprobará para o sector sanitario.

Teletraballo, dixitalización e simplificación administrativa
Valeriano Martínez explicou tamén que outra das liñas prioritarias é que Galicia sexa das primeiras comunidades en adaptar a súa regulación en materia de teletraballo ao novo marco normativo, un ámbito no que xa foi pioneira no ano 2013. E apuntou que o seu departamento xa remitiu a semana pasada o proxecto de acordo de regulación de teletraballo ás organizacións sindicais para a súa negociación.

Ademais, sinalou que outro dos grandes retos é o de avanzar na dixitalización da administración e na simplificación dos procedementos administrativos para acadar unha maior racionalización e axilización administrativa e afondar na modernización dos procedementos e servizos prestados aos cidadáns.

Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030
Por outro lado, o conselleiro anunciou que a Xunta aprobará o vindeiro ano o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 co fin de ter un sistema de planificación estratéxica para a vindeira década en torno a catro grandes eixes de actuación como son a dinamización demográfica e benestar, o cambio climático, a competitividade e a cohesión social.

Neste sentido resaltou o piar fundamental que supoñen os fondos europeos, tanto os do novo marco comunitario 2021-2027 como os recursos extraordinarios derivados da pandemia. “Negociaremos ca Unión Europea e co Goberno de España un axeitado reparto dos fondos europeos para que Galicia non saia prexudicada”, subliñou. Ademais, remarcou o importante papel que xogará a Comisión Next Generation Galicia na supervisión da folla de ruta para captar estes recursos europeos.

Manter a Galicia con menos impostos
Finalmente, Valeriano Martínez explicou que Galicia continuará entre as comunidades autónomas nas que as rendas medias e baixas pagan menos impostos. Desde o ano 2016, máis de 535.000 persoas se beneficiaron das rebaixas de impostos aprobadas pola Xunta.

O obxectivo para esta lexislatura é manter todas as rebaixas e incentivos; e aprobar, cando sexa posible, novos beneficios fiscais para as familias numerosas, as familias monoparentais e as vítimas de violencia de xénero; así como afondar en favorecer a recuperación e posta en valor das terras agroforestais.

Galería de imaxes

O conselleiro de Facenda e Administración Pública anuncia que a Xunta presentará os orzamentos para 2021 antes do mes de decembro O conselleiro de Facenda e Administración Pública anuncia que a Xunta presentará os orzamentos para 2021 antes do mes de decembro O conselleiro de Facenda e Administración Pública anuncia que a Xunta presentará os orzamentos para 2021 antes do mes de decembro