Atrás

A Xunta destina 4.589 millóns de euros para a sanidade pública no vindeiro ano o que supón un incremento do 6,2% dos fondos estruturais

Atrás

A Xunta destina 4.589 millóns de euros para a sanidade pública no vindeiro ano o que supón un incremento do 6,2% dos fondos estruturais

Imagen Principal
  • Os orzamentos que presenta o conselleiro de Sanidade no Parlamento amosan o compromiso do Executivo galego coa mellora da sanidade pública ao consolidar a contía que en 2021 veu dada polo fondo covid extraordinario
  • No apartado dedicado a gasto de persoal, os orzamentos incorporan como estruturais os máis de 115 millóns que o ano pasado eran fondo extraordinario covid, o que posibilita unha dotación de 1.388 novas prazas
  • Para o vindeiro ano, García Comesaña anuncia a realización de probas para 680 prazas xa convocadas e poderían convocarse outras 1.800
  • Os orzamentos tamén recollen 350 millóns en investimento sanitario que, entre outras medidas, permitirán avanzar no proxecto da oitava área sanitaria
  • Os investimentos en atención primaria ascenden a 34,3 millóns, o segundo maior orzamento neste nivel asistencial nos últimos 15 anos
  • En atención hospitalaria, o presuposto crece un 16,5%, ata chegar aos 241 millóns, coincidente coa fase central de obras hospitalarias en marcha, e incidindo o conselleiro nos investimentos previstos para a totalidade dos hospitais comarcais
  • Os programas de protección da saúde pública seguen a crecer e chegan ata un investimento de 28,9 millóns, que dedicaranse, entre outros temas, a desenvolver proxectos como o Observatorio galego de saúde pública, destinado a mellorar a vixilancia epidemiolóxica

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021.-  O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para informar do presuposto que o Executivo galego destinará á sanidade pública no vindeiro ano. Este orzamento será de 4.589 millóns de euros, que supoñen un incremento do 6,2% dos fondos estruturais, é dicir, 268,7 millóns máis que o ano anterior, amosando, deste xeito, o compromiso do Executivo galego coa mellora da sanidade pública, a consolidar a contía que en 2021 veu dada polo fondo covid extraordinario.

No apartado dedicado a gasto de persoal, os orzamentos incorporan como estruturais os máis de 115 millóns que o ano pasado eran fondo extraordinario covid, o que supón que Sanidade conta con máis dun 6% de incremento estrutural no capítulo de persoal. Este incremento, -dixo o conselleiro-, é especialmente substancial no persoal de atención primaria, onde consolídanse os preto de 40 millóns do fondo extraordinario covid e incorpóranse outros 5,5 máis, o que significa un 9,1% de aumento na dotación estrutural para o persoal de primaria.

Esta nova dotación estrutural en materia de persoal posibilita 1.388 novas prazas, das que seis son do Plan de Hospitalización a Domicilio; 43 para o Plan de Saúde Mental; 109 para atención primaria, das que 28 son para farmacéuticos e 81 de enfermería; e 162 novas prazas de formación.

Tamén posibilita 86 novas prazas de consolidación de persoal que supera os tres anos de vinculación a través do contrato de continuidade, cumprindo asi o compromiso adquirido de que se trataba dunha vía para a estabilización do persoal, neste caso trátase de 20 médicos e 66 enfermeiros. Finalmente, permite 982 prazas de consolidación de traballo temporal destinadas a dotar de emprego estable a máis de 400 facultativos, 300 enfermeiros, 180 auxiliares de enfermería e 90 doutras categorías.

En consecuencia, avanzando na estabilización do persoal e esgotando a taxa de reposición que o Goberno de España seguir a manter limitada o próximo ano,  remarcou o titular da carteira sanitaria-.

Medidas para atallar a falta de profesionais
Para o vindeiro ano, García Comesaña anunciou a realización de probas para 680 prazas xa convocadas e poderían convocarse outras 1.800 que restan da oferta de emprego de 2020 e 2021.

Para afrontar o déficit de profesionais que existe no conxunto do Estado, o conselleiro sinalou que o seu departamento creará a categoría de facultativo especialista de atención primaria, que combina atención ordinaria e atención urxente nos PACs.

Outra das medidas para a mellora da atención primaria anunciadas por García Comesaña é a incorporación de novo persoal médico técnico en saúde, permitindo que facultativos titulados que aínda non completaron a súa especialidade, poidan ser contratados polo Sergas para apoiar ao médico de familia na xestión de procesos e elaboración de informes, como pode ser no caso do seguimento das incapacidades temporais.

Estes orzamentos abordan tamén a atención a crónicos con esas novas prazas de hospitalización a domicilio, que se suman ás 33 creadas nos últimos tres anos, ou á saúde mental, coa incorporación, no vindeiro ano, de 43 prazas máis, achegando 1,7 millóns, logo de que entre o ano 2020 e o 2021 se crearan 120 prazas.

Tamén destacou o responsable sanitario o incremento de 10 millóns da partida para o pago da carreira profesional, que supera xa os 100 millóns.

Respecto do orzamento destinado á asistencia sanitaria con medios alleos en atención hospitalaria, a súa contía mantense igual á do ano pasado, e por baixo dos orzamentos de 2009, cumprindo, deste xeito, o mandato do Parlamento de seguir mantendo este gasto por baixo do 5% do total do gasto do Sergas, situándose neste ano no 4,72%.

O que sí aumenta é o financiamento de prazas concertadas en centros de rehabilitación psicosocial, pisos protexidos e unidades residenciais para persoas con trastorno mental, que se incrementa en 1,5 millóns ata chegar aos 8,1 millóns. Tamén destínanse 4,8 millóns a programas para prevención do consumo de drogas e financiar unidades de atención á drogodependencia.

Importante investimento sanitario
Os orzamentos hoxe presentados tamén recollen 350 millóns en investimento sanitario que, entre outras medidas, permitirán avanzar no proxecto da oitava área sanitaria, infraestrutura que posibilita a todos os centros sanitarios do Sergas traballar en rede e recibir apoio a través do uso de big data ou intelixencia artificial tanto en tratamento de pacientes como en mecanismos preditivos.

En atención hospitalaria, o presuposto crece un 16,5%, ata chegar aos 241 millóns, coincidente coa fase central de obras hospitalarias en marcha entre as que o conselleiro citou 35,6 millóns para o Gran Montecelo; 21,8 para o Hospital de Ourense; 14,5 para o C.H. Universitario de Ferrol; 9 millóns para o novo hospital da Coruña; 8,2 para o de Santiago e 3,7 millóns para os hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Incidiu especialmente o conselleiro nos investimentos para os hospitais comarcais, que acadan 1,3 millóns para Verín; 1,1 para Valdeorras; 770.000 euros para o de Salnés; 700.000 para o de Monforte; 589.000 para o de Barbanza; 367.000 para o de Cee e 238.000 para o da Mariña.

Importantes investimentos hai tamén contemplados para equipamento tecnolóxico. En concreto, 6,4 millóns para equipos de ecografía; 25,6 para os bloques cirúrxicos; e 61,3 millóns para equipamento de diagnóstico por imaxe.

Atención primaria
Os investimentos en atención primaria ascenden a 34,3 millóns, o segundo maior orzamento neste nivel asistencial nos últimos 15 anos, só despois dos do ano pasado. Con eles, concluirase o CIS de Lugo, para o que se destinan 6,2 millóns. Tamén reformaranse os centros de saúde de Arnoia e Ribadavia, por un importe de 500.000 euros; ademais doutros 7,8 millóns para o CIS de Lalín.

Xunto ao anterior, contémplanse 2,3 millóns para o CIS de Vigo, cuxa obra licitarase antes de fin de ano; e 1,5 millóns para o CIS de Ourense, do que se agarda iniciar a obra o vindeiro ano.

Outros 6,9 millóns resérvanse para construción de novos centros de saúde. Así, destínanse 3,7 millóns para iniciar a obra de ampliación do de Porriño; 932.000 para o inicio da obra do de Moaña; 700.000 para iniciar o de Abegondo; 400.000 para iniciar o de Antas de Ulla; e 400.000 para o da Rúa, cuxo proxecto licitarase este ano. O resto destinarase á licitación dos proxectos definidos como prioritarios no Plan de Infraestruturas que hoxe aprobou o Consello da Xunta. En consecuencia, hai 100.000 euros para Vilagarcía de Arousa e Soutomaior, e para licitar calquera outro proxecto dos contemplados no Plan no momento no que se teñan, como é nos casos anteriores, un compromiso firme de cesión da parcela. Tamén hai destinado un millón de euros para financiar a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía, na Coruña.

Así mesmo, hai outra cantidade de 4,2 millóns para reformas de centros de saúde, reservándose un millón para o centro de saúde de Conxo en Santiago; 600.000 para o da Milagrosa en Lugo; 400.000 para o de Cedeira; 300.000 para o PAC de Meira; 220.000 para o de Moraña; e 200.000 para o de Acea da Ma en Culleredo.

Protección da Saúde Pública
O conselleiro tamén detallou que os programas de protección da saúde pública seguen a crecer e chegan ata un investimento de 28,9 millóns, que dedicaranse, entre outros temas, a desenvolver proxectos como o Observatorio galego de saúde pública, destinado a mellorar a vixilancia epidemiolóxica, ou ao programa de secuenciación dirixido a virus e á loita contra as resistencias bacterianas aos antibióticos.

Igualmente, crecen os orzamentos destinados para a Axencia galega de Coñecemento en Saúde ata chegar aos 3,7 millóns, o que simboliza unha aposta pola docencia así como pola potenciación da investigación. Tamén a Axencia de Doazón de órganos e sangue incrementa os seus orzamentos ata chegar aos 25,7 millóns. O 061 acada os 71 millóns de euros, e a Fundación de Medicina Xenómica aumenta un 55% o seu presuposto ata chegar aos 7 millóns. Así mesmo, destínanse 1,4 millóns para completar a creación do centro de fabricación de fármacos CAR-T.

Galería de imaxes

A Xunta destina 4.589 millóns de euros para a sanidade pública no vindeiro ano o que supón un incremento do 6,2% dos fondos estruturais