Estás en:
El Conselleiro El Conselleiro
Galicia afronta o inicio da nova década nun momento marcado pola inestabilidade política, cun Goberno central que neste ano foi incapaz de aprobar as súas contas –algo sen precedentes nos últimos 20 anos– e cuns enormes desafíos internacionais, coma o Brexit ou a ralentización económica. Neste contexto, cobra maior importancia que a Xunta de Galicia volva presentar os seus Orzamentos en tempo e forma, porque non hai maior contribución que achegar certezas e seguridade aos nosos cidadáns e ás nosas empresas.
Con estas contas, o Goberno galego aspira a manter o modelo de crecemento san que xa nos ten achegado resultados positivos nestes últimos anos, e que nos ten que servir para que en 2020 Galicia siga creando emprego e reducindo o paro, a principal preocupación da cidadanía e a primeira prioridade para calquera goberno.
Ademais, estes Orzamentos inclúen de novo un importante reforzo do gasto social, porque cada euro que a Xunta inviste en sanidade, educación ou benestar social permite mellorar a vida dos galegos que están e dos galegos que virán. E isto facémolo compatible con novas rebaixas de impostos, que buscan –entre outros obxectivos– fixar poboación no rural, suprimir o Imposto de Sucesións ao 99,9% dos galegos e facilitar a continuidade das empresas familiares.
En definitiva, unhas contas rigorosas e solventes que nos permitirán reforzar o gasto nos sectores prioritarios e preparar con éxito o Xacobeo 2021, unha cita clave para a nosa Comunidade Autónoma. E unhas contas que marcan un fito histórico: xa son 40 os Orzamentos que Galicia aproba de xeito consecutivo desde 1981. Outro motivo para sentirmos orgullosos e para afrontar con máis enerxía a vindeira década.
Moitas grazas,
Valeriano Martínez
Conselleiro de Facenda