Estás en:
O Conselleiro O Conselleiro
Miguel Corgos
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
Presentamos os Orzamentos para a Galicia do 2027, a dun novo Ano Xacobeo, superando os 15.000 millóns de euros, sostidos por completo en recursos propios e sen recorrer de novo ao endebedamento.
Unhas contas que poñen a estabilidade e a solvencia de Galicia ao servizo das persoas e do crecemento económico.
Queremos estar aí para as familias e as empresas nun contexto de prezos altos. E imos facelo cun reforzo dos servizos públicos, apoiando a competitividade empresarial, apostando pola vivenda e coa oportunidade que supón o Xacobeo 2027.
Por iso reforzamos o gasto social, cunha achega de máis de 11.000 millóns de euros. Tres de cada catro euros seguirán destinándose a gasto social, que medrou, desde o 2021, en máis de 2.800 millóns de euros, case un 33 %.
O Goberno galego segue aplicando a fórmula que tan ben funciona na nosa Comunidade, a de facer compatible o financiamento dos servizos públicos coas rebaixas fiscais. Para facer de Galicia o mellor lugar para vivir e traballar.
Por iso, rebaixamos 0,25 puntos os catro primeiros tramos do IRPF, para favorecer especialmente ás rendas medias e baixas. Unha rebaixa que se fai retroactiva a este ano, para que os galegos e galegas se poidan beneficiar xa na vindeira declaración da renda.
En definitiva, son uns orzamentos elaborados desde o rigor e a solvencia, para ser quen de dar confianza ás familias e ás empresas galegas en tempos de incerteza.