Atrás

Fabiola García destaca que Galicia será en 2020 a comunidade autónoma de España con máis apoios para as familias con fillos

Atrás

Fabiola García destaca que Galicia será en 2020 a comunidade autónoma de España con máis apoios para as familias con fillos

Imagen Principal
  • A conselleira de Política Social explicou esta tarde no Parlamento de Galicia as contas do seu departamento para o ano 2020
  • Os fondos para Política Social increméntanse un 6% ata os 776 millóns de euros
  • As contas inclúen unha partida ampliable para que a educación infantil de 0 a 3 anos sexa gratuíta en todas as escolas de Galicia para os segundos fillos e sucesivos a partir do vindeiro ano
  • Incrementaranse nun 12% as remuneracións para as responsables das casas niño abertas en 2017
  • A partir de 2020 todas as persoas que acollen en familia extensa terán as axudas económicas que xa teñen o 100% das que acollen en familia allea
  • Soben un 16% os fondos para a Campaña de Verán co obxectivo de que a edición do vindeiro ano sexa a mellor da historia
  • Crece a partida para axudas de dependencia e dótanse os fondos para duplicar o número de casas do maior e para estender a 200 concellos o autobús de Coidados porta a porta
  • A conselleira salienta o aforro que suporán para as galegas e galegos os sete novos centros de atención á maiores nas principais cidades galegas que financiará a Fundación Amancio Ortega, e cos que se porán a disposición das familias 900 novas prazas públicas

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe que Galicia será en 2020 a comunidade autónoma de España con máis apoios para as familias con fillos. “Ningunha outra comunidade ten unha Tarxeta Benvida tan completa como a nosa, unha rede de casas niño que chega ata os concellos máis pequenos ou unha educación infantil de 0 a 3 anos gratis para os segundos fillos e sucesivos”, asegurou.

Díxoo durante a comparecencia no Parlamento de Galicia, na que avanzou que os fondos da Consellería de Política Social para 2020 ascenden a 776 millóns de euros, un 6% máis que neste exercicio, o segundo maior incremento do Goberno autonómico. Neste sentido, apuntou que os presupostos son os máis altos destinados á área social na Historia da comunidade e que superan nun 65% o investido en 2009.

Fabiola García detallou o reparto das dotacións orzamentarias para unha medida que converterá a Galicia na referencia a nivel nacional: a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos. En primeiro lugar, as escolas infantís da rede pública da Xunta de Galicia e as prazas públicas concertadas en escolas privadas introducirán esta medida a partir do primeiro trimestre de 2020. En segundo lugar, no caso das escolas infantís privadas e de iniciativa social, contémplase unha partida económica inicial de máis de 6,7 millóns de euros que será ampliable se fose necesario para atender toda a posible demanda. En terceiro lugar, as escolas infantís dependentes dos concellos contarán tamén con financiamento da Xunta para implantar esta medida, sempre e cando estean ao día das súas liquidacións co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Máis facilidades para conciliar
O orzamento de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica é o que máis crece da Consellería con respecto a 2019: un 12,8%, para situarse nos 160,9 millóns de euros. Unha subida que repercute en máis axudas e recursos para as nais e pais en materia de conciliación. Aumentan nun 38% os fondos do programa da Tarxeta Benvida ata acadar os 8,7 millóns de euros. Esta suba permitirá que o importe desta achega económica para os terceiros fillos e sucesivos sexa de 2400 euros, desde os 0 ata os 3 anos. Ademais, a contía incrementase nun 25% para as familias que teñen fillos en concellos de menos de 5000 habitantes, ata os 1500 euros polo primeiro e segundo; e ata os 3000 para o terceiro e sucesivos.

Incidiu en que é prioritario favorecer a harmonización da vida familia e laboral no rural. Por iso, o orzamento de 2020 reforzará o programa de casas niño con 620.000 euros que darán a posibilidade de estendelas aos 23 concellos que na actualidade non teñen ningún recurso de conciliación. Así mesmo, este reforzo permitirá aumentar nun 12% a remuneración das casas niño máis veteranas, as que levan funcionando xa tres anos: os fondos anuais serán de 22.000 euros ao ano por promotora.

Fabiola García puxo o foco na importancia da corresponsabilidade das empresas para favorecer a conciliación. Con este obxectivo, os orzamentos para o ano 2020 contan con 300.000 euros para impulsar unha proposta pioneira destinada a financiar coidadores para poñer en marcha recursos de conciliación nos lugares de traballo.

No ámbito da protección da infancia e a adolescencia, as novidades para o vindeiro ano pasan pola creación de 42 novas prazas en centros de menores ás que se destinan 970.000 euros e o reforzo da atención aos menores que están a cumprir medidas xudiciais nos centros Concepción Arenal da Coruña, Montefiz e Monteledo de Ourense, e no centro de intervención educativa en medio aberto da cidade herculina. Tamén se mellorará o programa de acollemento ao ampliar ás persoas que acollen en familia extensa a remuneración que xa perciben o 100% dos participantes no acollemento en familia allea.

Programas innovadores de atención aos maiores
Fabiola García abordou na súa intervención o crecemento das prestacións dirixidas aos maiores e persoas con discapacidade, aos que se destinan 6 de cada 10 euros xestionados pola Consellería de Política Social. En concreto, a contía para 2020 ascende a 450 millóns de euros, un 5,2% máis que este ano.

Esta maior dispoñibilidade económica fai posible que volva crecer a partida das prestacións para persoas dependentes, ata situarse en 81,8 millóns de euros, un 6,2% máis que en 2019. Tamén sobe o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que o fai un 1,6% ata os 76,3 millóns de euros.

A conselleira referiuse a outros programas innovadores que se impulsan nos orzamentos de 2020. É o caso das casas do maior, cuxas prazas se duplicarán co obxectivo de rematar a lexislatura con 60 destes minicentros de día totalmente gratuítos nos concellos pequenos. Así mesmo, elévanse un 68% os fondos destinados a atender ás nenas e nenos con discapacidade na Rede galega de atención temperá e presupóstanse 1,9 millóns de euros para multiplicar por dez o alcance do autobús de Coidados porta a porta, que levará por 200 concellos galegos servizos de podoloxía, optometría e apoio ás persoas maiores.

Con todos estes investimentos, Galicia consolidará e ampliará o acadado en materia de dependencia nos últimos anos. En canto á cobertura do sistema, cuadriplicouse desde 2009 o número de persoas dependentes atendidas ata superar a cifra histórica de 60.000. E no referente ás contías, neste ano incrementáronse entre un 10% e un 75% as axudas para coidados na contorna familiar, asistente persoal ou bonos de residencia.

Inclusión a través do emprego
Facilitar o camiño cara o emprego das persoas en situación e risco de vulnerabilidade é o obxectivo no que se centran as actuacións da Consellería de Política Social en materia de inclusión. Unha meta que Fabiola García enmarcou no novo decreto da Risga aprobado este ano para incentivar ás persoas que perciben esta renda a seguir formándose de cara á inserción no mercado laboral.

En total, a Consellería reserva 120,2 millóns de euros para políticas de inclusión social nas contas de 2020. Este montante inclúe unha suba do 3%, ata os 3,3 millóns de euros, das Axudas de Inclusión Social que perciben as persoas con necesidades urxentes. Ademais, consígnanse fondos para desenvolver as medidas do Plan de atención ás persoas sen fogar, en especial aquelas que favorecen o acceso á vivenda. Increméntase por riba do 42%, ata os 3,4 millóns de euros, a partida para colaborar cos concellos na atención ás persoas sen recursos; crecen tamén un 37% os fondos destinados a centros de acollida para crear 21 novas prazas públicas; e a nova orde de axudas ás entidades sociais que loitan contra a pobreza acadará na súa convocatoria de 2020 o importe récord de 18 millóns de euros.

Por último, experimenta un aumento do 25% o diñeiro dirixido á rede pública de centros sociocomunitarios, que acada os 2,3 millóns de euros para continuar a dinamizar estes espazos que utilizan cada ano máis de 45.000 galegas e galegos.

A mellor Campaña de Verán da historia
No apartado de Xuventude, a aposta da Consellería céntrase nos programas de voluntariado, tempo libre e educación non formal, e ten entre os seus obxectivos facer que a Campaña de Verán de 2020 sexa a mellor da historia. Para iso, esta iniciativa contará con 3,5 millóns de euros, o que supón unha suba do 18% con respecto á edición deste ano.

Crece tamén un 29% a partida para organizar actividades como Parlamento Xove ou Xuventude Crea, ata superar os 815.000 euros; así como os fondos de Galeuropa, que aumentan un 12% coa finalidade de favorecer que as nosas mozas e mozos realicen prácticas formativas no estranxeiro.

Entre as iniciativas novidosas de Xuventude que se implantarán nos vindeiros meses destacan os premios Talento Mozo, xa convocados, que recoñecerán a galegas e galegos de menos de 30 anos que destaquen en diversos ámbitos; ou as axudas para obter o carné de conducir e mellorar así a empregabilidade da xuventude, para as que se presupostan máis de 760.000 euros.

O desenvolvemento destas iniciativas é posible grazas ao 6% de incremento das contas de Xuventude para 2020, ata dispoñer dun montante global de 17,7 millóns de euros.

Melloras na rede pública de servizos sociais
Fabiola García tamén se detivo na súa comparecencia nos principais investimentos para mellorar a rede pública de centros de servizos sociais. Destes, destacou os máis de 90 millóns de euros que achegará a Fundación Amancio Ortega para financiar o 100% da construción e o equipamento de sete novos centros públicos de maiores nas sete grandes cidades, que suporán 900 novas prazas públicas. Esta actuación trae consigo un importante aforro para as galegas e galegos que se reorientará para fins sociais.

A conselleira tamén puxo o aceno noutras intervencións en escolas infantís, centros de atención á discapacidade e residencias de maiores da nosa comunidade. Seguiranse creando prazas públicas coa ampliación dos centros de Pontedeume, Arzúa, Cedeira e Salvaterra e as novas de Paderne de Allariz, A Guarda e As Neves. Resérvanse 3,5 millóns de euros para a construción do novo Centro público de atención a persoas con discapacidade de Ourense (CAPD), con 110 novas prazas públicas.

Fabiola García sinalou tamén as melloras que se acometerán na residencia de Campolongo, por valor de 3,5 millóns de euros; no centro de menores Avelino Montero, no que se investirán 1,3 millóns de euros; e no centro de atención a persoas con discapacidade da Coruña, que contará con 2 millóns de euros, e apuntou diversas obras en residencias de maiores como as de reforma integral do centro de Ferrol, por 1,8 millóns de euros; as de remate da ampliación da residencia de Cerdedo, cun investimento de 1,7 millóns de euros; ou as melloras nas instalacións de Burela e de Barbadás.

Galería de imaxes