O Conselleiro O Conselleiro

Valeriano Martínez
Conselleiro de Facenda

A pandemia interrompeu cinco anos de forte crecemento na nosa comunidade e o seu incerto desenvolvemento repercutirá na súa velocidade de recuperación. Pensando niso, o goberno galego estableceu como prioridade a elaboración dos seus orzamentos para o vindeiro ano o antes posible. Aínda con todo en contra, carecendo da información precisa do goberno central, fixémolo na metade de tempo, para achegar seguridade nesta época de incertezas.
 
As contas están elaboradas cun obxectivo claro: reactivar Galicia. E para iso mobilizan de xeito coordinado todos os recursos públicos dos que dispoñen as administracións, desde a Unión Europea ata o eido local. Contamos así, con ingresos extraordinarios que empregaremos en seguir combatendo a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as necesidades de familias, pemes e autónomos.
 
Os orzamentos 2021 definen as políticas precisas para garantir a protección dos máis afectados pola pandemia e para acadar a recuperación económica e do emprego o máis axiña posible.
 
Con estas contas non subimos os impostos, controlamos a débeda, contemos o gasto corrente, atendemos ás persoas, apoiamos a pemes e autónomos, atendemos ás necesidades derivadas da pandemia, investimos en impulsar a reactivación económica, garantimos as infraestruturas sanitarias, achegamos soporte financeiro ao consenso, e facilitamos a transición verde e a dixitalización.
 
A Xunta presenta uns orzamentos extraordinarios para 2021, os máis altos da historia e co maior investimento produtivo, que buscan trasladar ás persoas e ás empresas unha política útil, con rigor e cos recursos necesarios para reactivar Galicia. #galicia_reactívase